Como na casa


Daniel López Muñoz

Estivemos na cea de homenaxe, feita de memoria e de esperanza , que é a entrega anual da Pomba Dourada, lembrando a Pacita e Paco, dúas vidas intensas de luz e humanidade que pasaron cabo nosa, que eran parte da comunidade cristiá de base de Vangarda, na Coruña, cousa pequena, potente e solidaria, coma eles.

E como os homenaxeados eran os do Foro Galego da Inmigración, tivemos unha variada representación de inmigrantes, dos que pasaron os valados e as concertinas, xente africana, robusta e vital. E había de todo tipo e maneira de buscarse a vida, do “top manta”, si, pero tamén por conta allea, coidando xente, e mesmo unha emprendedora senegalesa, Adama, que hai pouco que se aventurou a abrir un restaurante africano na Agra do Orzán.

E relataba Adama que ás poucas semanas de abrir, en hora de plena ocupación, con comensais de orixe africana, pero tamén con dúas mesas de galegos abrancazados, apareceron de súpeto policías en plan redada das forzas especiais, centrando as “súas atencións” nos de pel escura, e sen molestar aos de pel máis clara, que seica algún criterio hai que ter para administrar a enerxía cacheadora.

Adama estaba doída polo efecto que esta acción inxustificada, racialmente orientada, tivo na veciñanza, xa de seu receosa. Dicía que así, gratuitamente, lle caera ao local un sambenito, a sospeita do “algo farían”, a etiqueta de lugar non recomendable. Por iso tivo o valor de expresar unha queixa formal ás autoridades responsables. E algo de razón tiña na queixa, pois, de feito, recibiu días despois unha carta oficial de desculpas. Cando o mal estaba feito.

Hai tempo escribimos aquí, desde África, como a falta de seguridade cidadá e xurídica, a impunidade, en definitiva, era un cancro en países ricos, como Nixeria, pero cheos de empobrecidos. Era a raíz dun estudo de como en Nixeria non se podía emprender, porque calquera negocio que fose algo ben era asaltado e saqueado impunemente á volta de meses de abrirse. Alí por inseguridade. Aquí por arbitrariedade?

Salvas as diferenzas, un malíciase e pensa se non será que é así como as nosas autoridades conciben a famosa acollida, para que os africanos se sintan aquí coma na casa e non estraños nin morriñentos, aí… ceibos, no medio dun Estado de Dereito ao que non se adaptarían.

Advertisements
Estas entrada foi publicada en O Trasno coas etiquetas , , , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s