Unha conversa con Xaime Isla Couto


María Luísa Brey

Vigo, 1993

Con motivo do centenario do nacemento de Xaime Illa Couto a fundación que leva o seu nome celebra diversos eventos, entre eles a exposición, “Xaime Isla: raíz e utopía de Galicia”, así como unha fotobiografía do mesmo título. Ademais ofrécennos esta primicia: un adianto dunha conversa aínda non publicada e realizada en 1992, que en principio estaba destinada a ser publicada no libro O intelectual galego e Deus. Esta conversa será publicada integramente nos vindeiros meses por SEPT, pero sirva de avance e homenaxe a Xaime Illa como intelectual honesto e galeguista empeñado na inculturación da Igrexa en Galicia.

 Don Xaime Isla Couto –catedrático de economía, escritor e político- é un galeguista de primeira hora. Posconciliar antes do Concilio loitou decididamente canda o Padre Seixas por introducir o galego na liturxia. Con mestría, soubo vivir a súa fe, de fonda raizame teolóxica, en perfecta e leda simbiose co mundo da cultura.

Carlos Casares, co gallo da homenaxe que se lle tributou en Trasalba no 1992 a Don Xaime dixo algo que o retrata certamente: “a súa extraordinaria intelixencia está mesmo por riba da súa enorme bondade”. García Sabell díxome que era “unha conciencia de enorme pureza”. Por iso creo que a súa fe está tamén á altura da súa bondade e intelixencia.

Don Xaime cóntame a fermosa historia dunha familia cristiá, entrañablemente unida e sacrificada até o heroísmo.

Nacín en Santiago de Compostela en 1915 nunha familia humilde con orixe campesiña. Meu pai naceu ao pé do Pazo de Oca e miña nai en Ponte Ulla. Saíron da aldea para procurar traballo e meu pai foi garda civil. Morreron os dous moi maiores. Non tiñan nada: tan só unha grande relixiosidade que nos transmitiron.

A miña fe está moi viva. Desde pequeno fun moi relixioso. Asumir a fe dunha maneira consciente tan pronto foi unha grande vantaxe. Primeiramente con esa ensinanza tradicional do País, co influxo da nai que aprende ao neno a rezar, e tamén co exemplo, porque ía á igrexa, ás procesións e aos cultos sempre da man do meu pai. Estiven en Santiago até os sete anos que marchamos para Vigo onde estudei dous anos cos Salesianos. E todos estaban pendentes de min, traballando para que estudase. É unha lembranza impagable. A miña familia foi un exemplo de esquecemento propio e de entrega aos demais que se notou nas súas vidas.

Concretamente, a que se dedicou?

Fun catedrático de Dereito e Economía da Empresa na Escola de Enxeñería Técnica Industrial de Vigo. E traballei de avogado de gremios industriais, como o madeireiro e conserveiro.

O meu irmán maior, Ramiro, era un estudante excelente pero ao ver como se sacrificaban os meus pais para darnos estudos emigrou con quince anos á Arxentina. A primeira carta que lle escribín foi estando nos Salesianos. Esta correspondencia foi para min un tesouro, unha especie de universidade a distancia. Unha universidade magnífica porque estaba tecida de interese e afecto. A carreira que Ramiro non puido facer, proxectouna sobre min.

En galego, claro…

Si, porque Ramiro era galeguista. Tomou contacto coa Xeración Nós e coas Irmandades da Fala. Foi o pioneiro do galeguismo político en América. E mandábame revistas e libros de todo tipo, polo que fun adquirindo unha formación literaria realmente extraordinaria.

Daquela xa era cristián practicante?

Nesa época non tanto. Lembro que veu de visita ao Instituto de Vigo o bispo de Tui e acordamos recibilo sen himnos nin homenaxes. E preparamos unha asubiada. Foi un acto de puro gamberrismo. Organizouse un consello de disciplina e a un amigo expulsárono do Instituto. A min en cambio, defendéronme os profesores máis novos para non me estragar o expediente.

Como volveu á práctica relixiosa?

Influíu moito o grupo Labor Gallega de Pontevedra que editaba a revista Logos, e a miña estadía na Misión Biolóxica de Pontevedra cos Ultreya na Semana Santa de 1932. Asistimos aos oficios no Mosteiro de Poio precedidos por unha explicación da misa gregoriana de Iglesias Vilarelle e Filgueira Valverde.

Despois da Guerra Civil tomei contacto co grupo das Conversacións Católicas Internacionais de San Sebastián. Hoxe en día sigo a traballar na comunidade cristiá Nosa Señora da Guía-Santiago Apóstolo, fundada polo Padre Seixas, e na espléndida comunidade parroquial de San Gregorio de Raxó en Poio.

Os primeiros días do Movemento en xullo de 1936 tivemos en Pontevedra unha microigrexa das catacumbas. Reuniámonos no baixo da casa de Iglesias Vilarelle os sábados. Levabamos traducida ao galego unha homilía de Pérez de Urbel e rezabamos unhas oracións en galego mentres Vilarelle tocaba o harmonio. Ao volver da guerra, continuamos traballando en Pontevedra e formei parte da organización Deus Fratresque Gallaeciae. Nesa época en Pontevedra empecei a coñecer a revista Esprit, do movemento personalista de Emmanuel Mounier.

Foi un dos pioneiros da misa en galego?

Xa desde os anos corenta, cando traballaba co grupo de Pontevedra no que estaba Xosé L. Fontenla Méndez, pensamos facer un ordinario da misa en galego. Cando chegou o Concilio Vaticano II, coa aprobación das linguas vernáculas na liturxia, pensamos que era o momento de que a Igrexa asumise o galego e presentamos unha tradución do misal á aprobación do cardeal Quiroga Palacios. A primeira misa pública en galego díxose no ano 1965 na Misa de Rosalía en Santiago de Compostela e foi oficiada polo Padre Seixas.

Daquela, os do grupo do Padre Seixas en Vigo pedímoslle aos xesuítas que o liberasen doutras ocupacións para que se puidese dedicar á liturxia en galego. Con nós colaborou Domingo Fernández del Riego, un farmacéutico irmán de Paco del Riego. E canda a nós tamén estaba Ramón Piñeiro. Se naquel momento non nos movemos, se cadra non teriamos aínda liturxia en galego.

O noso grupo era reducido, sen apenas proxección exterior, pero cando comeza o Concilio xa tiñamos traballado con empeño por Galicia e pola defensa da súa lingua. A min como cristián preocupábame moito o grande divorcio que existía entre a Igrexa e as realidades propias galegas debido á mentalidade das xentes da Igrexa en Galicia. Aconsellábanos paciencia pois, ao seu xuízo, perigaba a unidade da patria. Ante esta realidade, no 1965 organizamos a editorial SEPT para sensibilizar á grande masa cristiá sobre a problemática e as reivindicacións concretas da nosa terra en todos os eidos: cultural, social, relixioso, económico e político. Polo que se refire á liturxia en galego, SEPT e o seu contorno tivo e ten un papel moi importante. O caso é que fixemos daquela uns manifestos e uns escritos. E fomos a Oviedo para vernos co cardeal Tarancón que era presidente da Comisión de Liturxia para tratar a adaptación da liturxia ao galego.

É partidario de que a democracia teña apelidos?

Sempre combatín a confusión da Igrexa co poder e coa política neste país. Por iso abandonei Acción Católica despois de ter traballado intensamente nos tempos difíciles e tendo participado en experiencias tan fecundas coma o xermolo do que foi máis tarde a HOAC. Rovirosa era un grande home! E por estas mesmas razóns rexeitei tamén a invitación insistente que se me fixo para entrar na Asociación Católica Nacional de Propagandistas. Creo que loitei en solitario por un futuro posconciliar antes do Concilio.

Non é habitual atopar segrares tan aperturistas, con tanta visión de futuro.

Ramón Piñeiro adoitaba dicir de min que era posconciliar antes do Concilio. Creo efectivamente que é así. Loitei moito durante toda a vida por moitas cousas que se conseguiron despois no Vaticano II.

Que valores cristiáns, dos que defendeu a Revolución Francesa. seguen hoxe en día vixentes?

A Revolución Francesa loitou pola liberdade e a igualdade, pero non conseguiu a fraternidade. Non obstante, este valor segue vivo e operante. O seu valor chave sería a fraternidade a través da cal o Evanxeo de Cristo aparece entrañado nela. Pero aquela revolución tamén implicou grandes aberracións, como o individualismo e o capitalismo salvaxe neoliberal no que habitan uns fallos tremendos con grandes desigualdades na sociedade. Non obstante, non se alcanzou este valor de fraternidade -o especificamente cristián- e que representa a revolución do servizo e do amor, unha revolución que culmina, compensa e suple todas as demais revolucións.

Que retos temos pendentes arestora?

Organizar un tipo de sociedade en que o eido económico no que se desenvolven a liberdade de iniciativa, a emulación e a competencia estea á súa vez sometido e condicionado por unha Constitución na que prevalezan os valores ético-culturais e os factores propiamente políticos.

Está convencido de que o Galaxismo foi eficaz?

Lembro unha frase de Jaspers que aparece no seu libro Ambiente espiritual de nuestro tiempo, libro que lin durante a Guerra Civil. Esta frase lembráballa sempre aos amigos: témonos que realizar no fracaso. Coa guerra fracasara o noso empeño galeguista, pero aínda así fixemos o imposible por levalo adiante. Porque se un ten reservas interiores e firmes, se as ideas que nos orientan e as reservas espirituais que un leva dentro son realmente auténticas, pódense vencer todos os atrancos.

Vexo que se entusiasma

Disque a miña característica vital esencial é o entusiasmo. Creo que é verdade. Vén sendo a manifestación dunha alegría vital extraordinaria. Nace das miñas vivencias de Deus e de todo o que o acompaña, ligado a unha preocupación intelectual constante e vivísima. Máis que nada son un ideador e sinto verdadeira satisfacción en ir establecendo unha serie de xogos e contrastes.

Advertisements
Estas entrada foi publicada en Entrevista ou páxinas centrais coas etiquetas , , , , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s