ANTÍA CAL, mestra, amiga.


ANTÍA CAL, PEDAGOGA Y MAESTRA COFUNDADORA DEL COLEGIO ROSALIA DE CASTRO DE VIGO, NOMBRADA CHAIREGA DE HONRA EN VILALBA. (FOTO CEDIDA POR FARO DE VIGO)

ANTÍA CAL  (FOTO: FARO DE VIGO)

Baldomero Iglesias Dobarrio (Mero)

Aló antes do verán quixen asistir ao “cumpre” de Antía Cal, celebración entre amigos que vén sendo habitual na súa gratísima compaña. “Nada de agasallos, o agasallo sódelo vós”, -sempre nos di! Facémolo na ledicia de atoparnos de novo, de falar, de rir, de cantar e facer fotos paveras que quedarán no oculto e íntimo espello das memorias. Este ano non puiden e sentino ben. Todo comeza cunha achega irregular de coches e xentes que, no mesmo espazo, falamos actualidades mentres agardamos, tomamos un viño -moi competente- tecendo aconteceres de todos os días e de calquera cor. Pincho de aquí, pincho de alá, discutimos contrariedades, contamos chistes e anécdotas, ao par de respirar primavera e sentir o merlo que xa canta, a pesar de nós. De paso, amañamos o mundo nun santiamén e mesmo, ás veces, alguén lle saca a pel a outros, normalmente ausentes. Todo está baixo o control do previsto! 

Pero volvendo ao que interesa e para os que non saiban, Antía Cal é unha gran muller dunha xeración de loita desmedida, sobre todo é unha boa amiga que calza, a perpetuidade, o entrañable sorriso da tenrura, en doce voz, sempre con verbas de contento. Mestra que converxeu nunha dinámica de abrirse ao mundo sen esquecer a dignidade da orixe. Ela e os seus colaboradores “de ouro”, inventaron un centro modélico que impartiu unha educación transgresora en valores humanos, espirituais, intelectuais, lingüísticos, sociais e económicos. Pioneiro na innovación pedagóxica sequera soñada (plural e mixta, aberta e laica, motivadora, igualitaria). Rompedora no medio dun obsceno nacionalcatolicismo que podía interpretar todo aquilo como herexía na submisa anormalidade de anos grises e no encaixe case litúrxico da memorización, da reiteración de aparencias e festivais folcloristas, floreados coas disciplinas ríxidas daquel entón. Nacera o Colexio Rosalía de Castro nun ambiente respectuoso coa identidade e a historia de Galiza. Foi naquel 14 de setembro de 1961, primeiramente na viguesa rúa Pizarro. Aquela muller, nada en Cuba e que desde Muras volve reiniciarse galega, cunha ansia de irradiación progresista, abeirada nas novas tendencias pedagóxicas domaxisterio de Pestalozzi e a Sensat. Ousou implantar unha auténtica educación aberta co pensar e a discrepancia, coas opinións diversas e os soñares creativos ou participativos, para chegar a posturas críticas, sempre tan necesarias. Case nada! Casara xa con Antón Beiras (tío do Xosé Manuel), galeguista de esquerdas e oftalmólogo. Co seu apoio e o dos seus pais, cofunda aquel eido que abriría esperanzas nos sectores que aínda soñaban embarcarse na idea dunha Europa común, non só comercial –como veu sendo, cridos nun proxecto que logo nos deixou tramados entre porcentaxes, cotizacións, recortes e vontades de escuro porvir. Muller decidida, capaz de facer posible un degoxo que se vía imposible. Quedou viúva moi cedo e con catro fillos. Aguantou, loitou e conseguiu. Soubo tirar do carro con toda a dignidade.

Fixéronselle moitos recoñecementos pero nós, amigas e amigos dela, todos os anos queremos darlle os nosos parabéns e partillar, cantar emocionados na resistencia que aínda arrola soños e que nos devolve á propiedade da Nosa Casa, unha Galiza sen disidencias e traidores. Soño que sabemos, un día se fará certo. Este ano que non puiden ir nin estar con ela, quero mandarlle a miña homenaxe, lembrándoa con todos vós, sabendo que “xuntos” e con xentes coma ela, chegaremos a engrandecer a pureza do ser, por riba da do ter. Donos do noso destino. Saúde e cante o merlo! Ei, carballeira!

Advertisements
Esta entrada foi publicada en Lembranza de orballos. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s