“As Marchas da Dignidade son unidade popular, que é diferente da unidade de partidos”


Alfonso Mascuñana

O sábado 19 de setembro tivo lugar no Paraninfo da Universidade da Coruña a II Asemblea Galega das Marchas pola Dignidade, que preparan unha mobilización xeral para o 24 de outubro. Están vivas e potentes as Marchas? Charlamos destes temas con Santiago Lamelo, un home que ten os zapatos gastados de estar nas rúas cos movementos sociais, tamén coas Marchas.

Por que “pola dignidade”?

Porque é do pouco que non perdemos, que non nos roubaron con esta estafa á que chaman crise. Moitas persoas perderon o seu traballo, a súa vivenda, algunhas perderon incluso a vida, pero non perdemos a dignidade do pobo que loita por aquilo que lle pertence, polos seus dereitos, contra as inxustizas. Un pobo digno é un pobo que loita.

A convocatoria da Marcha a Madrid do 2014 impactou. Ten hoxe sentido seguir co mesmo?

O máis importante das Marchas da Dignidade non son as manifestacións en si, senón como se artellan. Fórmanas máis de 300 colectivos en todo o estado con ideoloxías moi dispares, e foron capaces de traballar conxuntamente para conseguir que esas mobilizacións sexan máis fortes. Agora as Marchas da Dignidade son máis necesarias ca nunca, porque o poder económico tamén é máis forte ca nunca: montan unha crise, recortan dereitos e logo din que xa pasou, que o PIB sobe e toda esa leria. Pero os dereitos non van volver sen mobilización. Temos que manter a protesta permanente ata que ese poder pase a mans das persoas.

Que actividades desenvolvestes neste ano e medio?

O primeiro é o que menos se ve, o traballo que hai para chegar a acordos entre colectivos tan dispares. Asembleas nas comarcas, vilas e cidades, galegas e estatais, o uso da Internet para comunicármonos… Unha morea de traballo para construírmos a unidade na loita. Todo iso para facer mobilizacións rechamantes: despois do 22M fixemos o “Rodea o Parlamento [Galego]”, logo, en Oviedo, un acto de protesta contra os Premios Príncipe de Asturias, e máis tarde ocupamos o Obradoiro nun acto multitudinario. Este ano volvemos a Madrid o 21M, e fomos capaces de facer unha gran manifestación na Praza de Colón, 13 autobuses dende Galicia. Tamén fixemos concentracións no Inem, contra o TTIP, contra a visita do Rei á Coruña, a prol do pobo grego antes do referendo, en apoio ás persoas refuxiadas. No resto do Estado fan outras mobilizacións semellantes. Sabemos que o noso obxectivo é a longo prazo, por iso temos paciencia á hora de artellar este movemento.

Que conclusións tirastes na Asemblea do 19 de setembro na Coruña?

Foi unha xuntanza moi positiva. Non foi tan numerosa coma a do ano pasado en Teo, pero daquela viñamos do 22M, coas pilas cargadas. Esta asemblea foi ao revés: moita xente participou nos procesos municipalistas e está cansa, manter unha gran mobilización no tempo é difícil, e a xuntanza serviu para volver motivar as persoas e colectivos. As comarcas falaron dos seus problemas e do que esperan, compartiron experiencias, tamén criticaron aspectos mellorables.

Estades a preparar unha acción para o 24 de outubro. En que consiste?

É un acto semellante ao do ano pasado do 29N. Queremos facer varias manifestacións en Compostela que rematen na praza do Obradoiro. Varias columnas de toda Galicia partirán ese día para coincidir alí. Haberá xente de todos os puntos de Galicia.

Pensas que as Marchas contribúen á Unidade Popular, para que se dea unha ruptura democrática?

As Marchas da Dignidade son unidade popular. Nas Marchas hai persoas sen afiliación, colectivos sociais, sindicatos e partidos políticos. O mesmo ocorreu nas pasadas eleccións municipais nalgúns procesos, como o da Marea Atlántica. E así debería ser para as eleccións xerais, algo que semella difícil. Penso que sen unidade popular, que non é o mesmo cá unidade de partidos, non hai nada que facer. Se a artellamos, cidadanía, movementos sociais, mareas e partidos poderán traballar na mesma dirección. Temos o exemplo grego: para derrotar a Troika non chega con ter un bo resultado electoral por parte dun partido “dos nosos”. Fai falla que se cree esa verdadeira unidade popular que asalte as institucións e teña forza tamén para cambialas e poñelas ao servizo do pobo.

Os sindicatos convencionais non gustan moito das Marchas, non é? Por que?

Nalgúns territorios do Estado si que colaboran, pero non é o común. En liñas xerais ven nas Marchas unha ameaza porque periga a súa hexemonía. Antes do 22M estes sindicatos ridiculizábannos, logo boicoteáronas con contramanifestacións e, finalmente, anunciaron a súa participación, xusto na semana na que os principais sindicatos sentaban con Rajoy e a patronal para asumir a reforma laboral. Sexa como sexa, se as Marchas seguen a coller forza, non lles vai quedar máis remedio ca sumarse, se non queren desaparecer.

Ti es dos que pensas que os sindicatos desapareceron e non se decatan?

Non desapareceron, pero perderon forza e confianza, falo dos sindicatos maioritarios. Corrupción, submisión ás propostas do goberno, pouca gana de loita… Non pode ser que coa situación dos últimos sete anos os principais sindicatos estean pouco máis ca de perfil nas loitas ou ás veces con intereses que non semellan servir a clase traballadora.

Que organizacións sindicais apoian e están nas Marchas?

Así, de memoria, CGT, CUT, Sindicato Ferroviario, Sindicato Labrego, STEG, Sindicato da Elevación, CNT… seguro que esquezo algún.

Cales pensas que son os obstáculos para que a xente se mobilice máis?

Mobilizarse require un esforzo que non todo o mundo está diposto a asumir. Non digamos xa a mobilización constante. Tamén está o poder dos medios para desmobilizar e usar a propaganda para vender ideas que non son reais, como o que dicía antes de que a crise xa pasou ou case, cando foi provocada para reducir dereitos. Ademais, a estratexia é a de ir a cámara lenta, que a perda de dereitos non sexa de súpeto, senón que vaia pouco a pouco. Se todos estes dereitos que perdemos en sete anos os perderamos de golpe, ao día seguinte habería unha revolta. Por outra banda, haberá que asumir que nos fai falla difundir mellor as convocatorias, chegar a máis xente, romper a barreira de impide que as manifas saian do contorno da xente que xa está mobilizada e incorporar a máis persoas e colectivos. Malia a iso, as mobilizacións das Marchas da Dignidade foron sempre un éxito.

Advertisements
Esta entrada foi publicada en Actualidade, Entrevista ou páxinas centrais, Política. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s