A parábola dos talentos de Wert


Marisa Rodríguez

Os ninguéns, as ninguneadas… que non son aínda que sexan…que non falan linguas senón dialectos…que non fan arte senón artesanía… que non figuran na historia universal.

E. Galeano.

Coa LOMCE os cambios no sistema educativo afectan especialmente a atención á diversidade. Este é o punto no que me vou centrar.

No ámbito educativo, diversidade é o conxunto de diferencias individuais que coexisten nas aulas, de capacidades, rendemento, ritmos de aprendizaxe, diferencias socio-culturais, lingüísticas, de xénero… tod@s somos diferentes. A atención á diversidade significa dar resposta ao alumnado, atendendo as súas diferencias.

Dentro desta diversidade está o alumnado con necesidades específicas de apoio educativo: alumnado con discapacidade, problemas graves de comportamento, sobredotación, dificultades de aprendizaxe, de incorporación tardía, problemas emocionais graves…

A lei Wert non só carece de rigor, os cambios que introduce non están baseados na análise dos problemas que pretende solventar: fracaso e abandono escolar, senón nos resultados nas probas PISA. Sendo unha lei que se chama de mellora debería partir da análise das fortalezas e puntos débiles da anterior. Ademais pretende facernos esquecer todos os logros educativos e sociais, froito das investigacións en educación, as experiencias de inclusión ou a loita dos movementos pola igualdade de dereitos. En definitiva, na construción dunha escola para tod@s.

Comézase xa na primaria estresando cunhas reválidas que non van acompañadas de medidas para paliar as eivas que se constaten con elas. O libro branco da educación di que este sistema é totalmente contraproducente pero ao PP tanto lle ten.

O sistema, que manipula a palabra talento, -como se fose algo innato, que non pode variar-, tira por terra todos os descubrimentos en canto ás intelixencias múltiples pretendendo xustificar a diversificación temperá dos itinerarios; un xeito de exclusión e segregación do alumnado que non chegará á excelencia nin á empregabilidade de alta cualificación, que son as metas que esta lei promove. Os programas bianuais de mellora da aprendizaxe e rendemento, nos que o alumnado pode incorporarse dende 2º da ESO, deixan fóra a quen se lle supoña falta de esforzo e traballo, cando deberían ir enfocados, precisamente, a motivalos e reenganchalos. E aínda para os que poidan entrar no programa, vai ser difícil reincorporarse con normalidade a 4º ESO e titular.

A proposta dos itinerarios en 4º ESO implica unha escolla prematura do seu proxecto vital con moi pouca volta atrás. Deben encamiñarse xa ao bacharelato ou a FP, polo que, malia a ser un ensino aínda obrigatorio, non dá as mesmas oportunidades a todo o mundo. Desprovee así a educación da súa capacidade de transformación, de compensación de desigualdades e pasa a ser reprodutora e ao servizo do sistema capitalista e neoliberal. As persoas ao servizo da economía.

En definitiva, estrutura o sistema establecendo xerarquías entre persoas. Selecciona e segrega deixando nas marxes @s máis vulnerables e que non darán boas puntuacións nas probas externas, que é a medida de calidade que propoñen.

Sospeito que Wert se inspirou máis nunha lectura literal da parábola dos talentos: “a quen ten háselle dar, e terá máis; e a quen non ten, aínda o que ten halle ser quitado”, ca en principios pedagóxicos, sociais ou antropóloxicos. Inda así, moitas/os seguiremos crendo na diversidade.

Advertisements
Estas entrada foi publicada en Actualidade, Opinión, Política coas etiquetas , , , , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s