Homenaxe a Francisco Carballo en Pontevedra


Álvarez Cáccamo e Amalia Bóveda realizan a ofrenda floral a Alexandre Bóveda

Álvarez Cáccamo e Amalia Bóveda realizan a ofrenda floral a Alexandre Bóveda

Engracia Vidal

 Coma cada ano, o 17 de agosto Poio e Pontevedra acolleron os actos de homenaxe a Alexandre Bóveda no Día da Galiza Mártir. Pola mañá desenvolveuse a parte institucional no monte da Caeira e logo o tradicional xantar organizado pola Fundación Alexandre Bóveda, durante o cal se fixo entrega do X Premio Galiza Mártir a título póstumo a Francisco Carballo. Reproducimos, a continuación, a intervención que realizou Engracia Vidal nese a acto, na que, como ela mesma dixo, falou desde a muller, desde a historiadora, desde a profesora… pero tamén como cristiá.

Un ano máis, xuntámonos para celebrar a VIDA de Alexandre Bóveda. Non sabería dicir cántos levamos vindo para aquí nesta data, a Poio, último concello onde residiu e onde repousan os seus restos, para facelo vivir de novo no noso recordo e agradecemento.

Hoxe traemos algo novo. Neste mesmo acto Pontevedra  quérelle render homenaxe tamén a Francisco Carballo. Seguramente que todos presentes estivemos con el en Salamanca, Maceda, Vigo, Marín, Santiago, A Coruña, onde puidemos  lembrar e agradecer a súa vida, a súa fidelidade a Deus,  a Galiza e a todas as mulleres e homes cos que compartiu os seus 89 anos de vida. No Deus en quen Paco e Alexandre creron, cabemos todos nós, aínda que non teñamos a fe e as obras que eles tiveron.

Estou convencida da súa ledicia por se veren aquí, xuntos, recordados por nós e celebrando moito do que ambos os dous compartiron: a súa terra ourensá, que os recibiu e os ensinou a falar; Pontevedra, a onde chegaron da man do seu traballo; a súa paixón por Galiza, na que gastaron a vida; a súa fe, que os fortaleceu ata a morte, aceptando un a excesiva brevidade e a violencia , e outro, pola contra, unha longa etapa que incluíu tamén a dureza e limitación da enfermidade. Nós podemos imaxinalos dicíndose mutuamente con Celso Emilio…

Por enriba de tódalas fronteiras,/Por enriba de  muros e valados,/Si os nosos soños son iguales,/Como un irmau che falo.

E, aínda máis, Carballo foi estudoso de Bóveda.  Lendo os seus escritos percibimos a admiración que espertaba nel e a sintonía co seu pensamento.

Bóveda nacera 22 anos antes. Pero compartiron en diferentes idades as dificultades da escaseza económica, a inestabilidade política e a persecución relixiosa. Todo acabou na inxustiza da súa morte. Co tempo, Carballo viviu a “persecución” polos dous lados. Sufriu do réxime civil e tamén do eclesiástico porque non sempre foron comprendidas as súas opcións políticas e sociais. Pero non o derrubaron. E seguiu adiante coa súa fe comprometida na causa política en todo aquilo que a el lle parecía identificado coa causa evanxélica. Se hai que seguir a Xesús na loita pola liberación da pobreza, haberá que asumir as consecuencias… E se hai que “obedecer a Deus antes ca ós homes”, -principio evanxélico-, “os pobres” teñen que ser sempre os primeiros… tamén principio evanxélico…

“Eu non podo arredar as miñas verbas/De tódolos que sofren neste mundo”, díxonos tamén Celso Emilio.

Bóveda non tivo persecución eclesial en vida. Foi fiel, non só a Deus e á súa conciencia, senón tamén á institución, cumprindo todas as normas. Abonda con ler os seus derradeiros actos antes da execución… Pero tamén hai que recoñecer que a institución non lle pagou coa mesma moeda… A todos os crentes galegos gustaríanos que houbese un recoñecemento  por parte da Igrexa institucional  á figura de Bóveda. E ata agora non chegou. Morreu mártir pola súa patria, confesando a súa fe e co selo do perdón, que vén sendo  a garantía dun cristianismo sólido e verdadeiro.

Na vida de Carballo podemos ver a realización que moitos poetas soñaron e cantaron. Unha vida longa entregada a Deus, á xuventude, a toda persoa que se achegaba a el, ao pobo, anhelando aquilo que o puider facer máis libre, máis galego e de máis proveito para a HUMANIDADE.

Quero rematar evocando un poema de Díaz Castro e facer presente a Xosé Luis Bóveda morto neste ano… Sempre aquí entre nós nesta data…

Lémbrome ben do vento que cantara

no fío da túa morte, meu amigo,

dos doces días que arrastrou o vento,

da derradeira pomba da esperanza.

 

Sobor da escuma dos recordos fría

navega un nome cara a min, sen nada,

o eco dunhas zocas afogándose

no veludo sen fin da eternidade,

a sombra longa dunhas maus, xa cougas

na lus da tarde, feita monumento.

 

Tódalas cousas morren esta tarde

con longuísimas sombras, baixo a muda

roda sen dó. Pro ti, ¿pra que estás morto?

Antre a esfera onde estás e a miña sombra

unha oración que non esperabas tira

unha canle de lus coma unha escada.

 

Desfaise o tempo, faise a lus, e case,

case baixar te vexo pola escada

de lus pra acabar xuntos esta historia

que, por un erro, interrompeu a morte.

(Díaz Castro, Nimbos, “Como unha escada”)

Advertisements
Estas entrada foi publicada en O Noso taboleiro coas etiquetas , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s