A doenza dos sen papeis non será clandestina


Primeiro foi o decreto lei de 2012, que abandonaba o principio de sanidade universal e uniforme para toda a comunidade humana residente no Estado español. A ministra Ana Mato, a do jaguar invisible no garaxe, a que tivo que dimitir por verse involucrada nun dos maiores escándalos de corrupción, recortáballes dereitos aos máis desfavorecidos: volvíase ao dereito derivado da afiliación –o traballador afiliado e os seus beneficiarios e dependentes- e “expulsábanse” os inmigrantes irregulares. Aos que si estaban legalizados, pedíanselles tres meses de residencia previa.

Todo isto trouxo problemas e debates sociais e ideolóxicos. Unha medida de aforro ruín, nada clara e mal cuantificada. Pero, sobre todo, trouxo unha incoherencia: nun territorio compartido, deixar sen coidado e vixilancia sanitaria un colectivo especialmente vulnerable é un risco para toda a poboación. Obsesionados pola tecnoloxía e a especialización, as autoridades sanitarias esqueceron, unha vez máis, o fundamental: a saúde é un feito comunitario; somos, en realidade, un corpo grande feito de corpos individuais.

Hai ben pouco, o actual secretario xeral do Ministerio falou de ameazas e multas millonarias ás comunidades autónomas que lles devolvesen a tarxeta sanitaria aos inmigrantes sen regularizar. De novo, a dereita gobernante empregaba ameazas contra os que, na súa acción de goberno, quixesen algo tan elemental como, desde o punto de vista moral e humano, facer ben e, desde o punto de vista da saúde pública, obrar con intelixencia e bo criterio preventivo.

Diante da chuvia de críticas, en plena recomposición da súa imaxe de cara aos compromisos electorais que se aveciñan, tivo que terzar o presidente Rajoy, matizando, desde as vacacións pontevedresas, que en realidade o que se quería facer era unha nova tarxeta, especial para os inmigrantes.

O goberno do PP foi tocando os límites da tolerancia moral da cidadanía, incluído o seu electorado. Hai temas que repugnan. Pero, ademais, e cómpre insistir, a enfermidade e a pandemia non se ilegaliza nin expulsa por decreto e con medidas policiais ou xudiciais. Os inmigrantes poden ser irregulares, pero as enfermidades que cultiven, como resultado da súa exclusión sanitaria, van ser de curso legal e compartido.

Advertisements
Estas entrada foi publicada en Editorial coas etiquetas , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s