“O caso Boimorto”, algo máis ca unha anécdota da nosa política municipal


Redacción

Mini intervindo durante o pleno da moción de censura. Ao fondo o concelleiro tránsfuga

Mini intervindo durante o pleno da moción de censura. Ao fondo o concelleiro tránsfuga

Conversa con Xosé Luis Rivas, Mini, exalcalde (entre outras moitas cousas)

Durante o verán, cando os medios están adormecidos, produciuse o que dalgunha maneira estaba cantado. Xosé Luis Rivas, Mini, o mestre, o da Quenlla, que fora elixido alcalde tras presentarse na candidatura do BNG-Asembleas abertas, foi desprazado do seu cargo tras unha rápida operación de “cambio de camiseta política” dun concelleiro, que pasou “non se sabe exactamente por cantas razóns” do bando socialista ao bando popular. Conversamos con Mini sobre este episodio e sobre algún outro asunto.

En resumidas contas, Mini, que pasou en Boimorto?

Que o PP se fixo coa alcaldía dunha maneira cando menos dubidosa na legalidade e sucia e rastreira no sentido común da xente. O número tres da lista dos socialistas, sen mediar palabra nin discusión, pasouse de bando aos poucos días das eleccións, despois de terme votado a min como alcalde e votar tamén o goberno constituído. É transfuguismo manifesto, segundo o pacto, pero cunha triquiñuela legalista non é considerado tal e a moción de censura é legal. Un auténtico escándalo.

Iso parece o síntoma de algo que, por desgraza, non é novo. De que doenza estamos falando?

Estamos a falar de fraude electoral. Estes feitos poñen de manifesto o menosprezo do PP pola vontade da xente, a escasa credibilidade que teñen en canto á súa crenza na democracia. É algo tan serio que debería estar penado. Sabemos moi ben, sobre todo os que vivimos no rural, do talante democrático da dereita, seguen a seren franquistas mentres non nos demostren o contrario. Nunca admitiron a limpeza democrática, xogaron e xogan sucio.

Nunha das vosas cantigas máis celebradas da Quenlla, hai un alcalde que nos prohibe soñar. Como construír o soño dunha Galicia nova desde as alcaldías dos pequenos concellos rurais galegos? Cales serían as claves e cales as ferramentas?

A Galicia nova da que falas debería construírse sobre unha práctica democrática real. Nos pequenos concellos poderíase exercer a democracia ideal por medio de consultas periódicas aos veciños en asembleas abertas, onde se discutisen as liñas xerais da política municipal. A cidadanía debería acceder á maioría de idade democrática. Xestión pública é a segunda parte do soño, cun bo número de servizos. Boimorto non só ten gardería, senón que temos unha bebeteca. Isto semella un luxo, pero non, é un servizo necesario xunto a moitos outros.

Mini saíndo entre aplausos da casa consistorial

Mini saíndo entre aplausos da casa consistorial

Sería preciso que os concellos dunha comarca compartisen a ordenación, para xuntos veren a maneira de desenvolver as potencialidades económicas e abriren camiño, non só pola industria, que é o soño de todo alcalde. Habería que diversificar as opcións: turismo, agricultura de calidade, gandería, forestal. En poucas palabras, xerar riqueza de dentro a fóra. Implicar a todos os veciños no soño. Un alcalde debería ensinarlles aos seus veciños a soñar colectivamente, non hai outra saída.

Temos que reflexionar tamén sobre os servizos. O saneamento non pode ser unha copia dos erros que se dan nas cidades. A concienciación no tocante ao problema do lixo é fundamental. No rural, o volume de materia orgánica no lixo ten que ser mínimo; porén na actualidade é un escándalo, pode chegar ao 60%. Que acontece? Pois que somos moi cómodos e o rural pasa a coller os modos, usos e vicios da cidade.

En calquera caso, xa dicía Cunqueiro -e canta A Quenlla-, a dorna vai e vén. Onte no goberno, hoxe na oposición hai moito labor que facer, pero enfronte temos unha sociedade rural ferida e envellecida. Por onde tirar, Mini?

Polo soño. Somos unha poboación vella que sofre un transvase de xentes dende o interior e a parte oriental cara á occidental. Este transvase é premeditado. Tócanos inverter o proceso.

A represión do 36 e o posterior franquismo borrou toda posibilidade de ilusión colectiva. A desconfianza a todo proxecto común fai de nós un pobo esquizofrénico e contraditorio. Algúns amamos profundamente tamén estes aspectos, aínda que sabemos que teñen a súa causa na permanencia dos amos de sempre, na dirección política e social. Eles non permitiron nin permiten que a liberdade chegue á nosa xente e que a resultas diso nos poidamos botar a soñar e traballar o futuro.

Produce tristeza ver como o sector lácteo está ferido de morte e non reacciona coa contundencia debida. O abandono de toda política agraria, a ausencia de medidas políticas que favorezan a permanencia e o desenvolvemento do sector e a falta de confianza da Administración nos recursos físicos e humanos fan que todo se vaia ó garete e permanezan impasibles. Levan así toda a vida da Autonomía, con dous períodos no medio nos que non deu tempo a nada. Claro que tamén poñen á fronte individuos/as que non serven para nada, porque anda que a Conselleira de Medio Rural… Estes só entenden de negocios lucrativos e vender todo o público para favoreceren os seus.

Esa visión túa seguro que ten moito que ver coa moción de censura, e aquí “censura”, significa o que sempre significou….

Pois din que un dos motivos da moción de censura é que me signifiquei demasiado como alcalde en defender os gandeiros/as e alporizar os compañeiros/as. Pero si, creo e cremos, ese gran grupo de alcaldes que estamos cos veciños, que o municipalismo ten que dar un berro, que se escoite en toda Europa, de que temos dereito a vivirmos dignamente, que o rural non pode nin debe ser un bosque inmenso de eucaliptos. Que as condicións físicas, edafolóxicas, climáticas e humanas de Galicia son idóneas para o desenvolvemento agro-gandeiro.

Sendo isto así, que pintamos alimentando as nosas vacas case exclusivamente de penso que se compra fóra? Por que as vacas non saen actualmente ó pasto? Por que non hai leis que favorezan a actividade agro-gandeira? Si, algúns dos/das nosos/as dirixentes fuxiron da aldea a fume de carozo e miran atravesado. Pero nós estamos orgullosos/as de sermos da aldea e queremos outro futuro para o noso País.

Advertisements
Estas entrada foi publicada en Crónica, Política, Utopía coas etiquetas , , , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s