XXXVIII Romaxe de Crentes Galegos: desorballando soños


Preme no mapa para veres como chegar.

Preme no mapa para veres como chegar.

12 de setembro – Penas de Rodas – Outeiro de Rei

Velaquí tres artigos condensados nun. O convite á festa, as indicacións de como chegar, os horarios, etc.

Estades tod@s convidad@s

O 12 de setembro, en Penas de Rodas (Outeiro de Rei – Lugo), celebraremos a XXXVIII edición dunha Romaxe na que desorballaremos o soño dunha Galicia reconciliada consigo mesma, coa paisaxe, a lingua e a cultura propia. Atraparemos soños desorballados e feitos presentes, como o da Asociación de mulleres da parroquia de Insua, que recuperaron o liño; o soño desorballado e feito realidade da Asociación Penas de Rodas, en Gaioso, que loita por unha parroquia unida e por darlle a coñecer á xente nova o seu patrimonio; o soño desorballado e feito realidade de Pepita Lombao, oleira de Bonxe, a cacharreira que queda na Terra Chá.

E nese milagre da natureza que é Penas de Rodas Alfonso Blanco e Xulio Xiz axudarannos a mirar cara a esa Terra Chá chea de maxia. A maxia que leva Penas de Rodas e as dúas enormes e milenarias pedras equilibradas á perfección, que son proba dos milagres da natureza. Como se dicía no artigo precedente de Xabi Blanco e Mero Iglesias: “Ollos que viron como aquel mar esqueceu ser mar para ser unha chaira fértil dun pobo, fogar dos soños que se fan aloumiños e soidades, xardín de verdes prados e de herba en extensión, en árbores, en brillos e cores, en cantos de paxaros e ríos, casas, lugares, vilas e cidades, xentes que resistiron ergueitas días de luz e sombras, que buscan o sol e a luz espallada da lúa cando se avén ao cerrado da noite … Lugar onde a muller sexa dona e o home, compañeiro desta matria, na que todos –en alma e corpo – nos transfiguremos po de amor, na conciencia dun país onde aínda se escoite a sinfonía primixenia das brisas e solpores, cando soan renacidos en remuíño de aconteceres, salaios e alentos de vida e porvir”.

Quedades todos e todas convidados/as a esta celebración que os compañeiros e compañeiras da zona e os grupos de traballo da Romaxe levan preparando intensamente todo o ano, celebración na que cada un e cada unha de vós “facedes o soño realidade”.

Coma sempre, contaremos coas melodías da Romaxe a través da Quenlla, con Alfonso Blanco e Xulio Xiz, e tamén coa lembranza dos/das romeiros/as ilustres, que este ano nos une a Francisco Carballo e á madre Guadalupe de Trabanca. Ademais, estarán presentes os amigos e amigas do Monte do Seixo (Cerdedo-Cotobade), representados polo colectivo do Capitán Gosende para recoller o ramo que outorga o relevo da vindeira Romaxe.

Vémonos o 12 de setembro!

Medalla Crentes Galegos 2015HORARIO

11:00 Acollida

12:00 Celebración

14:00 Xantar

16:00 Festa

18:30 Oración da tardiña na Carballeira de Santa Sabela

Nota: Este ano haberá polbo. O que queira facer encargos previos, pode poñerse en contacto co polbeiro no 633760278 (Carlos).

A rifa irimega

Medalla Crentes Galegos 2015 PosteriorComo se informou en números anteriores, para facerlle fronte á delicada situación económica pola que pasa a asociación e axudar á organización da Romaxe, este ano creouse a “Eurorrifa irimega”. O día da Romaxe celebrarase o sorteo do premio, que, como recordaredes, consistirá nunha fin de semana para dúas persoas na casa de turismo rural “Casa do Romualdo” (http://www.casaromualdo.com/), que ten o “Q” de calidade turística e é unha porta estratéxica para gozar da Ribeira Sacra.

A publicación dos números gañadores farase inmediatamente despois do sorteo desde o propio escenario. Ademais, publicarase na revista IRIMIA e neste blog. O premio debe utilizarse entre o 12 de setembro e 20 de decembro de 2015.

Aínda estades a tempo de colaborar. Sorte!

Advertisements
Esta entrada foi publicada en O Noso taboleiro, Romaxe. Ligazón permanente.

2 Responses to XXXVIII Romaxe de Crentes Galegos: desorballando soños

  1. Gostaría recibir información sobre a próxima romaxe de crentes galegos. Escoitei por ahí que este ano 2016 sería no monte do Xeixo/Seixo (Cerdedo), un lugar fabuloso, cheo de lendas e historias sobre os “carabuxeiros”, que decía miña aboa, unha velliña moi velliña, que naceu no século XIX e morreu no XXI, naquel Concello de Cerdedo, dende cuia fiestra da habitación podía ollar o cume do Xeixo diariamente.
    Pero non o sei con seguridade, así que avisade antes.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s