Chama a atención a apatía da igrexa galega con respecto á nosa lingua


IMaxe 3

Manuel Espiña comezou, xunto con Xosé Mourente, a misa en galego das Capuchinas da Coruña.

Reproducimos aquí un texto, escrito por Espiña, co gallo dos 25 anos da primeira misa completa en galego:

O outeiro de San Xusto

Manuel Espiña Gamallo

A primeira misa en galego

Cando xa pasou a máis grande parte do verán e se celebraron a maior parte das nosas festas, podemos facer unha revisión da nosa galeguidade festiva.

E abonda unha simple ollada para decatarnos da nosa triste situación. Nas festas profanas, aínda que aparecen pequenas actuacións das nosas bandas e dos gaiteiros, o que predomina son orquestras e cantantes forasteiros. Así, nesta terra é máis fácil escoitar cancións en inglés ca en galego.

O mesmo podemos dicir das celebracións relixiosas. O normal son as misas en castelán. Penso que aínda imos cara a atrás e isto, é moi grave, non só polo que significa de darlles as costas á cultura e á alma do noso pobo, senón tamén porque é o resultado dunha liturxia e dunha pastoral rutinarias e anacrónicas, totalmente baleiras de ilusión e de forza ou vitalidade evanxélica.

Ese galego extraordinario, Isaac Díaz Pardo, na súa teima de recuperar a nosa memoria histórica, leva xa publicados oitenta libros de documentos. Aínda o outro día asistimos á presentación dos dous últimos: unha biografía de Pepe Miñones e a historia de catro guerrilleiros.

Parece que estamos a perder a memoria.

Pois, neste eido da liturxia en galego, parece que ata estamos perdendo a memoria. Así, acaba de me chamar un bo galego de Santiago para preguntar cando se celebrou a primeira misa en galego porque parece que un domingo pasado certo medio de comunicación fartouse de repetir que era o vinte aniversario da primeira misa en galego.

E trátase dun feito ben documentado, aí está o libro de Caamaño e Pampín, publicado por Sept no 1977 e titulado Por e contra da liturxia en galego. E no ano 1989 o Consello da Cultura Galega publicou un libro do sociólogo Daniel López Muñoz, sobre O idioma da Igrexa en Galicia. Dúas obras modelo de obxectivismo e rigor crítico.

Seixas e Queiruga

Na páxina 36 deste último lemos que o 25 de xullo de 1965 o Padre Seixas celebrou a primeira misa en galego en San Domingo de Bonaval. E en marzo de 1966 celebrou Torres Queiruga a súa primeira misa e foi “case toda” en galego. En maio dese ano, desde o día 8, o crego lugués Luis Villamarín, comeza a celebrar con regularidade unha misa en galego en Bos Aires.

No outubro seguinte, Antón Gómez Vilasó empeza as misas en galego na parroquia do Castiñeiriño de Santiago. Por primeira vez unha misa en galego con regularidade dentro de Galicia. E en novembro do mesmo ano 1966 comezou a misa en galego das Capuchinas da Coruña polos cóengos Xosé Mourente e Manuel Espiña.

Aniversarios

Por tanto, o 25 de xullo de 1989 tivo lugar o 25 aniversario da primeira misa completa en galego, a de San Domingo de Bonaval. E no outubro de 1990 celebráronse os 25 anos da primeira misa semanal no Castiñeiriño.

Pero o máis grave non é a falta de rigor histórico, senón a apatía reinante en toda Galicia. Un fallo inexplicable da igrexa galega, que segue escrava dun alleante colonialismo secular.

Advertisements
Estas entrada foi publicada en Crónica coas etiquetas , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s