50 anos da primeira misa en galego


A Santa Misa, en galego e castelán, editada por Sept en 1968

A Santa Misa, en galego e castelán, editada por Sept en 1968

Redacción

Remítenos Tono Chou un correo á redacción de Irimia chamando a atención sobre o feito de que este 25 de xullo cumpriranse 50 anos da primeira misa en galego, celebrada polo padre Seixas, en san Domingos de Bonaval. Tamén nos achega algún dos “Outeiros de San Xusto”, escritos por Manuel Espiña, precisamente sobre este asunto e que aquí reproducimos.
Parece cousa estraña, pero o de misar en galego foi un asunto enormemente polémico e con moita máis transcendencia nos medios daqueles anos sesenta do que hoxe cabería imaxinar. No 64 o debate fora intensísimo. No 66, o artigo de Álvarez Gándara, La Iglesia no habla la misma lengua que los gallegos (escrito en castelán, o que nos axuda a contextualizar), tivo un enorme eco e recibiu o premio Fernández Latorre.
Pero os feitos decisivos foron no 65. Como resultado do Vaticano II, comeza a empregarse, no canto do latín, a lingua vernácula na liturxia católica. E, en “correcta” aplicación dese principio, a partir de xaneiro de 1965, emprégase en todas as igrexas galegas a lingua vernácula de Galicia, é dicir… o castelán!!!
En todas? Desde o principio xa houbo xente de Igrexa que notou que nesa interpretación había algo de franquista desvarío. O Concilio traía causa e, á súa vez, deu pulo a un cambio de mentalidade en moitos sectores de igrexa de base, de parroquias, de cregos e teólogos organizados. Había movementos católicos que viñan dunha tradición nacionalista, como aquela Mocidade Católica Galega, que tanto se mollou nesta angueira e que nese mesmo mes de xaneiro do 65 difundiu o que os bispos non ousaban facer: un Ordinario Novo da Misa en Galego.
Despois a “pax lingüística vernaculensis” comezou a escachar. Ademais do

O Padre Seixas participando, a finais dos sesenta, nunhas conferencias do Ateneo de Moaña

O Padre Seixas participando, a finais dos sesenta, nunhas conferencias do Ateneo de Moaña

simbolismo de Seixas en Compostela, nese 25 de xullo, Vicente Lousa e Xosé Mourente rompen en galego na misa do san Roque de Betanzos, en novembro dese ano. E, curiosamente, a primeira misa regular en galego dátase en Bos aires, a partir de maio do 66, impulsada por Luis Villamarín. O mesmo mes no que –atención ao dato curioso- o ambiguo Quiroga Palacios expresa na ofrenda floral a Rosalía, co gallo das Letras Galegas, un xesto de simpatía coa causa, cando di: “Agardo que axiña poidamos rezar na nosa lingua”. Por certo, moi na mentalidade do pronunciante, xa que sen permiso “expreso” de Roma non se podía rezar –nin misar, xa que logo- na súa querida lingua rosaliana. Por fin, en agosto do 66, xa misa con regularidade Vilasó no Castiñeiriño e un mes máis tarde Espiña e Caamaño nas Capuchinas da Coruña.
Non foi sen dificultade, non. Unha parte do atranco foi do réxime franquista. Dous datos: diante da fervenza de artigos a prol e contra, a Dirección General de Prensa do Ministerio de Información y Turismo (Fraga, polo tanto), comunica aos xornais galegos a prohibición expresa de tratar o tema da liturxia en galego. A Fraga precisamente, e en persoa, Espiña indicoulle a súa vontade de retransmitir por radio a misa das capuchinas, cousa que Fraga prohibiu argumentando a inexistencia de lexislación ao respecto.
Pero, como na historia mesma do galego, boa parte do inimigo estaba na casa. López Ortiz, bispo de Tui-Vigo representaba ben o papel. E cravou o argumento: “He visitado todas las parroquias rurales de la diócesis y en todas ellas los niños entendían perfectamente el castellano. Por ello no será necesario el idioma gallego”. Non menos contaxioso e contundente foi o argumento expresado por Maximino Cancela, vicario da diocese de Santiago: 1) “El idioma gallego debe estar al servicio de la liturgia y no la liturgia al servicio del idioma gallego”. E 2) No puede ser “porque cada provincia tiene su gallego particular”.
E así, foron pasando os días, e os anos. Cincuenta, concretamente.

Advertisements
Estas entrada foi publicada en Crónica coas etiquetas , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s