Granxa Maruxa e Granxa da Cernada: tecendo cooperación e futuro


1Fran Almuíña e María López

Presentamos hoxe una nova entrega das nosas conversas sobre iniciativas que dan vida e futuro ás nosas aldeas. Iniciativas creativas que, como neste caso, van adquirindo certa popularidade. E iso é bo, precisamente para romper a “condena” que pesa sobre o rural, a idea de que é un lugar onde a xente, especialmente a nosa xente nova, non pode “realizarse”, emprender unha vida e ser feliz. Por iso convén falar e dar a coñecer a xente como Marta de Granxa Maruxa e Ana da Cernada, que andan tecendo cooperación nas aldeas de Palas de Rei. 

Marta: Pois, si, eu son Marta, de Granxa Maruxa. Sempre vivín na cidade; a miña idea era ser broker de bolsa, vivir en Londres. Pero un día a miña vida cambiou, e decidín dedicarme ás vacas, vir ao campo, e… ben, foi moi enriquecedor. Foi duro, porque nada é fácil, realmente. Estamos agora nun momento de ilusión, aínda que desapareceran as cotas. Temos moitos problemas de supervivencia, co tema lácteo, pero temos esa ilusión. Agora estamos neste proxecto con Ana; ela si naceu no rural.

Ana: Si, nacín no rural e levo 25 anos nel. Sempre relacionadacoagandería. Meus pais sabían que querían vivir na Cernada, e que fosen como fosen as cousas, querían formar a súa familia nese contorno: era o lugar no que eles naceran. E arrincaron de cero. Todo o que sei a día de hoxe é grazas e eles. Namoreime disto, e se agora teño esta ilusión é en gran medida polo que eles ma transmitiron. Estudei fóra, tiven oportunidades distintas ás que eles tiveron e, polo tanto, o meu punto de vista é distinto e complementario. O punto de encontro con Marta é saber que temos que sumar o noso esforzo, que é a única maneira de facer este camiño.

Marta: Eu facía as Maruxas de nata, delicias feitas coa tona do leite. Creamos unha empresa con cinco persoas traballando, moitísimo,… imos pagando o préstamo, que xa é abondo… De súpeto, quen nos recollía o leite ecolóxico – porque as dúas granxas, a Cernada e Maruxa, traballamos en ecolóxico, porque cremos que temos que coidar a terra que traballamos, ademais do valor engadido que iso supón é tamén pola satisfacción persoal de saber que as túas vacas están sas-,pois dun día para outro dinme que non me recollen o leite desnatado. Se non mo recollen, eu non podo facer galletas, porque ese leite nin podo doalo –chamei xa o banco de alimentos- nin podo tiralo, porque me multan. Parece mentira! Queren que emprendamos no rural, que fagamos cousas, e mira. Entón eu lembreime de Ana. Quedamos para tomar café, e as dúas tiñamos un problema.

Ana: Meus pais foron orixinais. Botáronlle valor. En 2002 concluíronque a forma na que concibían o seu traballo era ecolóxica, aínda que non tivesen certificado, e nese ano comezaron coa certificación. Foron das primeiras granxas gandeiras. E nun momento no que o esforzo non rendía, decidiron emprender unha transformación: a meu pai ocorréuselle facer iogures. E montou unha fábrica, un pequeno obradoiro, para traballar derivados lácteos. E así comezamos. Entón, pois vaia, meu pai faleceu o ano pasado, en xaneiro. Eu xa coñecía a Marta, de feito coñecina grazas a el. Meu pai díxome “vouche ensinar unha granxa que vas quedar coa boca aberta”. A min, en principio, sendo unha cativa, parecíame que non podía haber moita diferenza, que unha granxa sería semellante ás outras. E tiña razón, quedei coa boca aberta. E vin sempre a Marta como unha irmá maior. Atopabámonos nun punto complicado. A transformación nosa parou, porque no novo contexto era un pouco complicado asumir todo e continuar con normalidade as dúas tarefas: realmente son dúas empresas, hai que ser realistas. Duplican o esforzo, a man de obra. Entón foi cuestión de días: falamos. Marta tamén me contou a súa situación, e puxémonos a traballar. En poucos días xa tiñamos claro que fose o que fose iamos saír adiante, que xuntas era posible, pois a nosa potencialidade era moi grande.

2Marta: Realmente é que a nosa idea é dignificar o leite. Tantos anos en crise, parece que vivir no rural e coas vacas que non ten glamour ningún, e a min sempre me pareceu o contrario. O novo proxecto que imos facer na súa granxa, na Cernada, a nivel estético,queremos que estea… Mira, os dous primeiros anos, cando eu comecei na granxa, todo estaba en moi mal estado: as instalacións, as fincas… Eu dicía “aquí non vai vir ninguén verme!”, eu non podía moverme, naquel momento, non tiña empregados e ás vacas hai que muxilas o domingo, o día do teu aniversario, fin de ano e demais. E pensaba “pero se poño a granxa un pouco mellor seguramente os meus amigos veñan visitarme…”. Entón comezamos. Teño que recoñecer que a miña nai é fotógrafa, unha muller moi activa, moi pioneira, e o mundo da estética sempre foi unha cousa que na miña casa se tivo en conta. E comezamos a chamarlle “Arte na corte”, porque aínda fixemos algún concerto, con exposicións, cousas diferentes. Porque o agro tamén é cultura, vai moi parello.

Francisco: Si, eu veño redescubrindo ultimamente todo o referido á tradición oral, a literatura oral. Parece que só é literatura o que está nos libros, cando a meirande parte da existencia humana a literatura que se facía era de transmisión oral. Volvendo ao voso, as dúas estudastes, dávos isto una perspectiva diferente?

Ana: Si. É máis que nada o feito de saír fóra e ter recursos, formación, persoas que coñeces . Todo iso condiciónate e reflíctese no teu traballo. Aínda que hai moitas cuestións de base que compartín sempre con meu pai, hai outras moitas que non. Estudar, ser máis novo, dáche unha visión e concepción da vida distinta. Temos certas necesidades non directamente relacionadas co traballo no campo pero que si se complementan, como a necesidade de compartir ese espazo, de convertelo nun medio activo, porque hai moitísimas cousas que se poden facer no rural, que se deben facer. Non vai suceder que de súpeto toda a xente nova veña vivir ao campo, pero se se fan cousas si pode haber determinados aspectos que comecen a interesarlle á xente, pouco a pouco dinamizando toda esa rede. Haberá xente que traballará no rural e non vivirá no rural, pero polo menos estarán en relación co medio.

Francisco: O que chama a atención do voso, é que recuperades algo que no3 campo sempre se fixo, que é o traballar xuntos. Quizais se fose perdendo coa mecanización, pero vós recuperades ese espírito.

Ana: Coa peculiaridade de que estamos a trinta quilómetros. É dicir, que non hai límites: temos a vontade común de sacar adiante un proxecto, no que imos investir esforzos e poñer cada unha as súas ferramentas. Nada importa se hai un obxectivo común. Hai moitísimos aspectos complementarios entre as dúas granxas. As limitacións son as que as persoas impoñen.

Marta: O fundamentalque temos as dúas é o amor polo campo e por vivir coas vacas. Dicir “ostrás, e que isto é o que queremos”, ti estudaches bioloxía para te dedicares ás vacas.

Francisco: Iso que comentas, Ana, de que os teus pais non tiña certificación ecolóxica pero traballaban en ecolóxico…

Ana: Si, é que estou segura de que hai vacas que non saben pacer. Lévalas ao prado e non o saben facer. Pero eles nunca concibiron a súa maneira de traballar así, sempre consideraron que a terra non é unha propiedade, senón un recurso. Para que eu poda seguir nisto, e meus fillos tamén, as prácticas teñen que ser sostibles.

Marta: E facer máis caso a como se facía antes. É que hoxe… que se millo transxénico, os fitosanitarios…

Ana: Temos un ecosistema moi amplo, moi rico. A min encántame ter silvas nos prados. Todos os recursos que forman parte das nosas explotacións son importantes, cumpren a súa súa misión na natureza.

Francisco:Ben sabedes que agora a xente cando vén non quere ver arañas, non quere ver lagartos, nin bosta…cousas destas.

Marta:Pois a min pásame agora ás veces que vas á cidade e chéirame a contaminación. Eu antes non era consciente. E teño visto en Vigo, cidade na que nacín, unas ratas pola rúa impresionantes. Veñen logo ao campo e din “cheira mal”…

Ana: Pero é que é como o cheiro a vida.

Francisco: Aí hai un elemento de recuperación e estima. Nesta maneira de entender o campo dende o coñecemento, e xa non só dende a intuición, que tedes as persoas que formadas e podedes ver a necesidade da biodiversidade. Aí hai unha riqueza que nos leva a dicir iso de que os que vivimos no campos somos uns privilexiados.

Marta: Moitas visitas que veñen á granxa e din “meus Deus, que envexa!”. Eu érgome pola mañá, vou desnatar en zapatillas practicamente. E despois acendo o forno… É outra historia. Home, é moi importante hoxe en día o tema de internet. E é moito máis doado na primavera e verán ca no inverno, que está o da leña, o lume. Pero por iso é o do ritmo da vida, en inverno unha aletárgaste un pouco, pero logo vén a primavera e tantas horas de sol que non dás feito!

Francisco: Ese é o ciclo vital.

Francisco:Coñecedes máis xente nova nesa liña?

Ana: A ver, eu nagandería non coñezo tantos casos; relevo xeracional, si. Non sei se con motivación propia. Unha cousa é ter motivación e outra é ter motivos. Son dúas cousas moi distintas. Pero si coñecemos casos de xente que o deixou todo por buscar un lugar. Sabía que á marxe do que fixera na vida quería estar “nun lugar”. E a partir de aí van xurdindo os nexos.

Francisco: É o que falamos, tamén, aínda que somos poucos, e os proxectos son pequenos, si que hai vida. Hai moita vida no campo; pode ter feridas o campo, pero a xente móvese.

Ana: Queremos ir tecendo unha rede de proxectos á que se vaian sumando persoas

Francisco:por onde credes que irá o voso futuro?

Marta: Marabilloso!

Francisco: Esa é moi boa resposta

Marta: Moi positivo, cada vez está a vir máis xente…

Ana: Si, si, con xente. Eu preciso que haxa xente. Temos algo entre mans que xa vaisaír. E ese era o punto de partida. Era moi importante sentar o punto de partida.

Francisco: Pero pode adiantarse do que vai ser, ou aínda non..

Ana e Marta:(Risa)

Marta: Dignificación do leite. Non podemos dicir máis. Temos unas ideas un tanto revolucionarias, e hai que darlles máis forma…

Advertisements
Estas entrada foi publicada en Entrevista ou páxinas centrais coas etiquetas , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s