A crise europea que sofre Grecia


Pedro Pedrouzo Devesa

Non é casual que neste artigo non cualifique a crise como grega, senón como europea. Porque no fondo da cuestión, a Unión Europea é un proxecto común que posibilitou un período de benestar e paz nunca imaxinable polos nosos ancestros, pero que trouxo tamén enormes desaxustes coa entrada da moeda única. As mareas financeiras que arrastrou o euro lémbrannos que Grecia non é responsable única da súa situación.

Grecia votou, e o resultado demostra a enorme desconfianza dos gregos coas receitas da Unión Europea que os levaron á precaria situación na que se encontran. Antes dese austericidio, o crédito fluira alegremente a Grecia ata que o seu nivel de endebedamento se fixo inasumible.

E a historia repítese. De novo un país é incapaz de facer fronte aos pagamentos da súa débeda. Os mercados financeiros emborrachan unha economía de diñeiro que logo esta non pode devolver. É culpa dun goberno trasladar a tensión que viven os seus cidadáns por unha situación que se creou no pasado? Evidentemente non.

Grecia ten a mesma culpa da súa situación da que teñen os fondos que lubricaron a súa economía de forma inconsciente, hipnotizados por unhas primas de risco que facían moi golosa a débeda grega polos xuros máis altos que ofertaba. Precisamente por ter menos garantías de ser devolta que a débeda alemana. O risco fíxose carne e habitou nos mercados financeiros: agora Grecia é incapaz de afrontar a súa débeda. E iso significa que esta ten que ser minorada mediante as famosas quitas, ampliados os prazos do seu vencemento, e mancomunada a súa garantía polo Banco Central Europeo, que debera ser o responsable último do seu pagamento se queremos deixar de encarecer artificialmente o financiamento dos países que máis o necesitan co invento da prima de risco.

Esas serán as condicións dunha parte da negociación. A outra parte correspóndelle á economía real, e dinos que un país non pode ser estable socialmente se se lle apreta un cinto máis do que lle dá o seu corpo.

Pero iso sábeno os contendentes. Non estamos debatendo sobre se Grecia sae do euro, nin da Unión Europea. Estamos debatendo sobre cales son os mínimos de benestar irrenunciables na Unión Europea, independentemente da situación financeira de cada país. Estamos debatindo os mecanismos de control que temos que poñer ao endebedamento dun país para que non se encontre con situacións como a grega. E ademais estamos debatendo o ritmo de devolución que os mercados financeiros poden esperar dun país acurralado pola súa débeda. Hai límites intocables, e será responsabilidade deses mercados precisamente non poñer contra as cordas nin antes nin despois a ningún país, porque serán eles os que deben acabar perdendo.

Isto arranxará a convulsa historia da débeda europea? Non. O diñeiro seguirá excitando as economías daqueles gobernos que agradecen o diñeiro barato, para que os seus cidadáns sigan pensando que con impostos baixos podemos ter un estado de benestar óptimo. Xa pagará o que veña detrás, pensan. Erran. Xa pagaremos todos (os que veñamos detrás), incluídos eles.

Advertisements
Esta entrada foi publicada en Economía. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s