Daniel López Muñoz
Nas páxinas centrais volvemos cunha estimulante conversa con mulleres creativas, motores de cambio, xeradoras de ilusión, capaces de contaxiar unha nova mirada sobre a Galicia rural e as súas potencialidades non exploradas nin explotadas.
Porque a Galicia rural entrou en anorexia extrema por culpa de como lle ensinaron a mirarse ao espello. E así, por décadas. E o que o espello lle di son trapalladas sobre o bonito e o feo, sobre o bo e o mal cheiro, sobre o famoso glamour, trapalladas que veñen marcadas pola estupidez de sempre, pola maneira de vivir que acaba con este planeta.
Cando o certo é que a verdadeira aventura hoxe, o desafío máis grande e máis glamouroso para a nosa mocidade, para os nin-nin, que nin isto nin aquilo, sería embarcarse na sostibilidade da Terra, unha aposta que comeza pola sostibilidade da nosa terra.
E por aí van as cousas, en positivo, porque de feito en Galicia somos os campións do Estado español en número de explotacións gandeiras con certificación ecolóxica. Que hai que sacar peito. Porque cuadriplicamos a produción ecolóxica de leite e derivados en dez anos. E sería ben interesante ver a media de idade dos titulares destas explotacións novidosas, comparada co resto.
E quen di leite, di paisaxe, di patrimonio e natureza, di gando menor e ovos, di mel e derivados, di algas e fungos, di herbas e infusións, di horta e froita, di gastronomía e pesca responsable, di artesanía, cultura e lingua, di etiquetas de confianza, comercio de proximidade, circuítos curtos, uso estratéxico da internet, cooperativismo, imaxinación, turismo local para descubrir -a pé, en bici, en transporte público ou en traxecto curto- a marabilla que nos rodea. E di, tamén, complicidade dos consumidores urbanos, convencidos de que a súa saúde e a saúde da Galicia rural, van no mesmo barco.
Porque segue habendo prioridades e prioridades. E un amilágrase coa obsesión, que segue viva, de “gastar” o tempo de lecer canto-más-lonxe-mellor, deixando que te secuestren al liñas aéreas low-cost, como gando, contaminando a esgalla, gastando lonxe o que nos pagan aquí, acosados polas présas e os estreses, miña madriña vaia plan.
Pois iso, bo verán sostible, relaxado e próximo.