O golpe


Daniel López Muñoz

Concelleiros e alcaldes emerxentes, xente de esquerda no poder municipal, tiveron que enfrontarse nada máis chegar ao cargo á decisión de que facer cando “toca” presidir ou acudir a un acto con contido relixioso, católico en concreto. Sen irmos máis lonxe, á vella ofrenda eucarística do antigo Reino de Galiza(que así, “Galiza”, como no himno pondaliano, aparecía na urxente campaña publicitaria –ver foto- dun bispado lugués subitamente convertido ao nacionalismo gramatical). Ou calquera dos que veñan despois, por exemplo, arredor da tradición xacobea.

Os antecedentes son penosos e xa lle demos aquí un bo repaso. Aquela concelleira, do goberno do partido de Bárcenas, campión dos recortes sociais, en pleno pico da crise, encomendándolle ao Apóstolo a solución da corrupción e o paro. E toda a historia que hai detrás, que é moito do noso señor.

Ningunha decisión sae gratis neses momentos. Tomouse unha defendible: non mesturar o exercicio do poder democrático, non confesional, coa presenza nun acto dunha confesión relixiosa concreta. E precisamente é unha decisión defendible polo argumento que empregan algúns para atacala. Din que estes alcaldes representan non só aos seus, senón a todos. Velaí: precisamente porque representan a todos e todas, é polo que é defendible non arrimarse a unha relixión en concreto.

Defendible non significa opción única. Outra opción, que sería unha bomba, sería acudir. E falar sen cancelas. Queredes que fale?, falemos! E sen balbordo, con contundente liberdade, dicir unhas poucas cousas. Deste tipo: abonda xa de utilizar a relixión cristiá para lexitimar e bendicir un sistema que defende os bancos e afunde as familias; que consegue que aumenten os ricos en plena crise de pobreza das maiorías; que depreda a natureza; e xa basta de usar a relixión para facer da muller subsidiaria do varón, para controlar conciencias e culpabilizar co medo. Ou tamén: reivindicar con tempero, cun par deles, que o histórico e real Suso de Nazaré pertence á humanidade, como todos os torturados e executados polo conservadorisno social e político aliado co Templo.

Ben seguro que estes rapaces non saben que todo iso se podería dicir con argumentos do propio Evanxeo. Pero aí entramos nese terreo comanche do prexuízo, nesa complicadísima relación da nosa esquerda social co feito relixioso. Cómprenlles bos asesores.

Advertisements
Esta entrada foi publicada en O Trasno. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s