ARTSAKH, AS MONTAÑAS NON RECOÑECIDAS


Alba Canoura

Alba Canoura

Alba Canoura

Licenciada en Ciencias Políticas, integradora social; con formación en xénero; en cooperación internacional e diversos temas sociais, Alba Canoura na actualidade está traballando nun programa de voluntariado internacional en Armenia. Participa en diversos e variados proxectos, como na biblioteca dunha universidade ou accións de sensibilización con crianzas e adolescentes en diferentes cidades. No artigo fálanos da experiencia que viviu en Karabah e para iso contextualiza a situación.

Artsakh, no corazón do Cáucaso

Artsakh é o nome máis antigo para designar o territorio situado na encrucillada entre Armenia e Acerbaixán. Coñecido como Nagorno Karabakh ou Alto Karabakh, historicamente foi unha provincia no tradicional mapa armenio. Incorporada ao estado azarí no período soviético, tras a súa desparación declarou de forma unilateral a súa independencia en 1991, o que desatou unha contenda bélica na rexión.

Na actualidade a república de Nagorno Karabakh ten unha difícil situación xurídica, xa que malia ser independente de facto, segue a formar parte de Acerbaixán para a comunidade internacional. Nin sequera Armenia, o seu principal aliado, a recoñece de forma oficial, xa mapa da rexiónque a considera unha parte do seu territorio, ademais de complicar a situación do seu país no panorama internacional.

Un territorio de confluencia e disparidades

A relación entre a nova república e Armenia é de simbiose. Artsakh é totalmente dependente de Erevan en múltiples aspectos, principalmente no económico e no ámbito bélico (ambos exércitos loitan conxuntamente). Ademais, comparten elementos identitarios tan esenciais como a composición étnica, unha historia común, a lingua, ou a igrexa (apostólica cristiá armenia), polo que se pode entender que Armenia reclame as terras de Karabakh como parte da súa nación.

Porén, durante os dous últimos séculos foise asentando poboación azarí musulmá nesta rexión. Este proceso migratorio intensificouse cando en 1923 Stalin tomou a decisión de deixar o territorio baixo administración de Acerbaixán, promovendo o movemento de poboación cara a estas terras.

A loita entre Bakú e Erevan por este territorio viña de lonxe posto que esta rexión montañosa constitúe xeograficamente unha illa en Acerbaixán (ver mapa). A disputa comezou en 1918 coa caída do imperio zarista. Posteriormente ambos os países quedaron baixo control da U.R.S.S., e Artsakh pasou a formar parte de Acerbaixán. Esta decisión política, guiada pola idea de que a unidade do pobo proletario está por enriba de calquera aspiración nacionalista, ignorou as implicacións antropolóxicas e identitarias de esta rexión. Na actualidade podemos ver as perigosas consecuencias de desatender a diversidade étnica, cultural, relixiosa e lingüística.

Durante un longo período deuse unha pacífica convivencia entre as poboacións azarís e armenia en Karabakh, aínda que non houbo unha grande mistura. Porén dita cohabitación non permanece impasible ás loitas de poder.

Unha rexión en conflito

En 1988 iníciase a disputa por esta rexión, que tentou ser acalada por Moscova. Pero a caída da Unión Soviética en 1991 foi o punto de partida para o estalido do conflito bélico. Nese momento a poboación armenia de Karabakh reclamou a súa independencia co apoio de Armenia. Pero Acerbaixán non quixo renunciar ao control dun territorio no que se asentara un importante número de azarís.

A guerra desenvolveuse entre 1991-1994. Erevan contou co favor de Rusia, mentres Bakú era apoiado por Turquía. A violencia non só se produciu nas montañas de Karabakh, tamén alcanzou á poboación azarí en Armenia e a poboación armenia en Acerbaixán. O conflito resolveuse a favor da nova República Independente de Artsakh, cando o 9 de maio de 1994 as forzas cristiás tomaron a cidade de Shushi, núcleo de poder azarí.

Máis de 30.000 vidas quedaron atrás, e 610.000 azarís viven desprazados en Acerbaixán en precarias condicións (infravivenda, desemprego, desarraigo etc). O conflito continua aberto, e as fronteiras pechadas. Cada ano os intercambios de tiros no linde entre ambos territorios seguen levando vidas de mozos que cobren o servizo militar obrigatorio. A guerra é un pasado moi presente, a cidadanía que viviu este período prega pola paz. E ao mesmo tempo existe unha necesidade de defensa, a idea de que hai que protexer a patria percíbese nas conversacións cotiás. As familias entenden que é necesario ter fillos para manter as fronteiras.

Un país sen recoñecemento internacional

O futuro da República de Artsakh está marcado polo non recoñecemento deste goberno polas institucións internacionais, o que bloquea sistematicamente o seu desenvolvemento. Aínda que o nivel de vida desta rexión é lixeiramente maior ca noutras zonas de Armenia posto que grande parte do diñeiro e axuda que a diáspora armenia envía á súa nación invístese aquí. Neste limbo entre república independente e territorio autónomo de Armenia, Karabakh desenvolve a súa vida política implementando institucións democráticas e promovendo o desenvolvemento político e social, para poder levantar o país tras a guerra.

A reconstrución é un longo camiño. Nas cidades continúan os buracos das bombas e os edificios derruídos, tamén seguen en pé o que queda das mesquitas que a República de Artsakh non quixo destruír, e que están protexidas polo goberno. Baixo os verdes e floridos campos agóchanse minas sen desactivar que fan improdutivas estas terras. A imaxe de pobos azarís completamente derruídos pola guerra non é unha excepción.

A poboación azarí que sobreviviu á guerra está desprazada. Para eles tampouco se divisa un esperanzador horizonte. A perspectiva de volver á súa poboación de orixe non é viable, e tampouco parece que Bakú invista moito na integración social desta comunidade; facelo implicaría, en certa forma, unha renuncia tácita á posibilidade de regresar ao territorio de orixe.

A procura dunha saída pacífica ao conflito é constantemente bloqueada por Acerbaixán. Para Bakú acceder ás negociacións con Karabakh sería como admitir que é independente, por iso non acepta sentar na mesa de negociacións co presidente da nova República; as conversas só teñen lugar con Erevan. Artsakh, pola contra, necesita rebaixar a tensión bélica e conseguir unha certa estabilización. Unha das principais demandas é a de establecer unha zona de seguridade na fronteira que puxese fin ao intercambio de tiros entre ambos bandos.

Parece máis que improbable que haxa unha volta de folla, e este territorio volva a caer en mans de Acerbaixán. Polo que, a normalización debúxase como camiño que beneficiaría a ambas poboacións, e o que as permitiría poder vivir en paz e frear a violencia nas fronteiras.

Advertisements
Estas entrada foi publicada en Internacional coas etiquetas , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s