De actualidade e orixinalidade falamos cando falamos dun concerto para as nosas compañeiras as vacas. Pois si: todo un concerto vacún preto de Monterroso. É o Monterrosón 2015. Falamos aquí con Lucía Santiago Díaz, que ademais de ser da directiva de Irimia é unha das organizadoras deste enxeñoso evento.
Que é iso dun concerto para as vacas?
Non sei se sabedes, pero as vacas de Granxa Maruxa de Monterroso escoitan música clásica nas cortes, así que: por que non darlles un concerto en directo? Por iso o 27 de xuño organizaremos na Granxa Maruxa uns concertos moi especiais aos que estades todos/as invitados/as.
Cómo nace este concerto?
A partir dunha charla no TEDxGalicia: “Sacar a música das salas de concerto”. Nela remato invitando a xente a un concerto na granxa … e unha vez que as cousas están ditas hai que facelas!
Así que a través da Fundación Galicia Sustentable, e a súa iniciativa de divulgación musical “ONdehaiMúsica”, decidimos montar “OS NOSOS SONS”: un programa para a divulgación musical que permite que músicos de diferentes estilos poidan ter un videoclip en lugares que non sexan “escenarios ao uso”.
A partir aí tamén imos organizar concertos. Os primeiros terán lugar na Granxa Maruxa o 27 de xuño e chamaranse “MONTERROSÓN 2015”.
Cóntanos mais detalles do monterrosón.
Pola mañá teremos a primeira parte dos concertos. Ao mediodía, farase un xantar na propia carballeira da granxa no que cadaquén poderá traer o que máis lle apeteza. Tamén teremos unha barra de bebida e estamos argallando para traer unha polbeira e un posto de hamburguesas.
Á tarde, máis concertos e, no medio deles, sortearemos un conxunto de produtos galegos moi especiais nos que non faltarán as famosas Maruxas de nata.
Cómo é iso de recoller a xente en tractor para levalos ata a granxa?
Si (rise). Foi unha idea que se nos ocorreu, para non preocuparse de coller o coche. Eu recordo ir de pequena subida no tractor, encantábame!
A Granxa Maruxa está a tres quilómetros de Monterroso, así que teremos dous puntos de encontro na vila para recoller e deixar o público. Os que non queiran teremos uns prados enfronte da Granxa para poder aparcar. A recollida irá acompañada de música por suposto!
Qué tipo de música haberá?
Durante todo o día haberá concertos de diferentes estilos, dende música clásica ata pop, jazz ou tradicional galega. Contamos con mais de 20 músicos de grupos diferentes que se repartirán pola mañá e pola tarde. Comezaremos sobre as doce e calculamos rematar a media tarde.
Cómo se financia o concerto?
Nós tentamos que os concertos sexan de seu sostibles. Neste caso, para poder acceder ao recinto hai que facer unha doazón de 5 € como símbolo de “entrada”. Con esta “entrada” regálaselle aos participantes unha consumición (auga, refresco ou cervexa). Ademais, imos ter algo de merchandising (camisetas e chapas) e un sorteo dunhas rifas.
Por outro lado, contamos cun grupo de colaboradores e voluntarios que fan un traballo impagable.
Dixéronnos que a cousa non acaba aí …
Tivemos a sorte de que estes concertos coinciden coa segunda edición do festival Peneda Rock, na praia fluvial da Peneda. Estamos intentado que unha das “liñas de volta en tractor” chegue ata á propia praia, así os que queden con ganas de máis música poderán enlazar directamente unha festa coa outra.