Conversa con Ana Acuña


Josecho de la Torre

Foto 1(2)Ana Acuña (Marín, 1971) é doutora en Filoloxía Galega e profesora da Universidade de Vigo, é autora de traballos sobre lingua e literatura e recentemente publicou o libro Conciencia política e literatura galega en Madrid (1950 – 2000). Este libro, editado por Xerais, ven de ser recoñecido co Premio Antón Losada Diéguez de Investigación e Ensaio. Esta e outras moitas publicacións de Ana Acuña, céntranse no exilio e na emigración, derivadas da súa etapa en Madrid onde foi secretaria de Madrigal.

  • Que son os madrigaleg@s?

Ese é un termo creado polo xornalista, tamén madrigalego, Borobó para referirse a aqueles que viviron “as etapas máis interesantes das súas vidas na vila osárea” e tamén aos milleiros de galegos que viven, traballan ou folgan “na vila dos Gatos”.

  • Que labor facían?

Supoño que te refires ao labor común a todos os grupos estudados. Estes, a pesar de viviren nunha situación de subalternidade, son quen de converterse en “xeracións activas”, é dicir, nunhas circunstancias de opresión política e cultural, constrúen unha conciencia lingüística e un discurso literario galego en Madrid grazas ás súas actividades individuais e colectivas (faladoiros, cursos, conferencias, homenaxes, concursos etc).

Ese labor plasmouse en formas de resistencia clara e non moi diferentes ás dos galegos residentes na terra e noutras periferias (cos que mantiñan relación): por unha parte, as estratexias literarias (sobre todo a creación de revistas e coleccións poéticas) e a procura de lugares de sociabilidade propios (contraespazos) nos que reconstruír a identidade galega.

  • Foto 2(1)

    Ata 54 entrevistas a informantes precisa facer a autora para conformar este libro que percorre 50 anos de madrigaleg@s. Que feitos son dignos de inmortalizar nestes 50 anos en Madrid?

Creo que todos os feitos dos grupos dos galegos en Madrid, sexan máis ou menos coñecidos, son dignos de inmortalizarse ou xa o están. Podemos lembrar a creación dun partido político nacionalista, a participación nos actos contra o embalse de Castrelo de Miño e no desenvolvemento do asociacionismo nacional popular galego nos anos sesenta e setenta como exemplos. Ao lado desa resistencia primaria e de reivindicación da terra, estaba tamén a reivindicación cultural de Galicia con movementos plásticos, actividades radiofónicas etc.

Dado o carácter de Irimia, gustaríame citar varias actividades ligadas aos galegos do Club de Amigos da Unesco:

  • a redacción da “Carta circular ó cardeal, bispos e cregos de Galicia” (reproducida no ano 1967 na valiosa publicación Cuadernos para el Diálogo) e outros artigos reivindicativos sobre o idioma, nomeadamente na liturxia (e dos que tamén se fixo eco Chan, a revista dos galegos en Madrid)

  • a preparación do número especial da revista Signo: Semanario nacional de la Foto 3(1).redimensionadoJuventud Católica de España dedicado a Galicia e que supuxo a súa desaparición. Para visualizar a importancia deste número que viu a luz en decembro de 1966 citaremos algúns dos colaboradores con ensaios e textos literarios e ilustracións: B. Álvarez, X. Alonso Montero, P. Allegue, J. A. Arjona, Ben-Cho-Shey, Castelao, X. Dans, L. Diéguez, A. Gallego, J. García, X. López Facal, B. Losada, X. L. Méndez Ferrín, Manuel María, A. Míguez, J. Morente, U. Novoneyra, R. Otero Pedrayo, R. Patiño, X. U. Rey, Mª X. Queizán, X. Rodríguez Baixeras, J. Soto, A. Torres Queiruga, R. de Valenzuela e E. Vidal Abascal.

  • Celebramos un ano máis as Letras Galegas pero os datos sobre o número de galegofalantes continúan a ser preocupantes. Os departamentos de lingua galega do Sistema Universitario Galego veñen de manifestarse ao respecto. Como ves esta situación?

    Coincido coa túa preocupación e coa diagnose feita polas tres universidades galegas, pois hai tempo que os que traballamos no ensino –universitario ou non– percibimos que para o noso alumnado o galego xa non é lingua propia e si unha lingua estranxeira. Aínda por enriba, o noso idioma leva asociado a canda si unha serie de prexuízos que non teñen outras linguas e que xa foron abondo estudados por especialistas.

Con todo, e malia que cada día máis razóns para o pesimismo, como escribiu H. Barreiro a propósito do futuro da Humanidade, “debemos actuar e decidir como se todo puidese aínda ser salvado”.

Advertisements
Esta entrada foi publicada en Entrevista ou páxinas centrais. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s