A bolardización social


Pedro Pedrouzo Devesa

Os alcaldes son os políticos que mellor se adaptan ao cidadán. Son o auténtico termómetro da nosa saúde democrática. Moitos chámanos populistas, pero realmente son talentos en estado puro. Son a evolución do noso entrañable cacique, pero urbanizado, adaptado ao mundo moderno. Saben qué necesitamos, e non teñen problema en ofrecérnolo. Queremos alcaldes desexosos de concedernos todo canto lles pidamos. E ao mesmo tempo odian enfadarnos. Que necesidade hai? Un bo alcalde sabe o que queren os seus veciños, e polo tanto, tamén o que os enfada.

Esta é a razón que parece explicar a proliferación do bolardo, auténtico enxendro urbanita que foi creado, non pensado, para tronzar xeonllos, nocelos e chasis de canto coche ameace o seu espazo vital, se se pode decir que vive.

É curioso, porque seica o bolardo naceu para defender ao peón cando comezou esa absurda moda de prohibir aparcar os coches nas beiras das rúas, un dereito que debera figurar no capítulo I da Constitución, e que porén queren limitar alegando que molesta aos peóns ou mesmo os pode pór en perigo.

Se non existise o bolardo, a policía local ou os axentes de mobilidade terían que patrullar de seguido polas rúas das nosas cidades sancionando a todos aqueles coches que deciden que tres minutiños enriba dunha beira non poden amolar máis que a xente moi repugnante. Que tres minutos por mil coches sexan tres mil minutos non é razón para poñerse tan rufos coas normas. O feito de que o faga un, non quere dicir que o teñan que facer o resto dos condutores, non é? De paso, que haxa xente que consegue que desaparezan as súas multas axuda a mellorar o humor daqueles que carecen desa capacidade de conseguir favores.

Así que a alternativa era, ou permitir aparcar eses tres minutiños nas beiras das rúas, ou crear un tremendo malestar entre a poboación multada por facer algo que non é tan grave, aínda que estea prohibido.

E aí apareceu o bolardo salvador que consegue a paz social. Ao ser incapaces de entender que non se pode aparcar nunha beira, non nos queda máis remedio que espetar centos de bolardos polas beiras das nosas cidades, moitas tan estreitas coma é o bolardo de seu.

Hai dúas formas de facer cumprir as normas, a primeira desincentivando a mala práctica mediante sanción; a segunda, imposibilitándoa. Optar pola segunda xeralmente acarrea incomodidades, aparte dun gasto público innecesario.

Nada é de balde. Preferir bolardos a multas posiblemente contente a todos aqueles para os que a única forma de non aparcar nas beiras é sementalas duns bolardos que lles libran da multa á que estarían abocados, xa que o corpo lles pide aparcar o coche enriba de toda canta beira non teña bolardo. Seica así tamén fomentamos o comercio local.

Mágoa que os condutores montabeiras non cambien de afición. Teriamos unhas beiras máis anchas, menos lesións e mesmo ata o comercio igual se reactivaba porque a xente lle gusta ir de compras andando, teño entendido.

Os alcaldes non fan máis que adaptarse á selva urbana que lles tocou vivir. No fondo son uns supervivintes da bolardización social, fenómeno que tenta explicar as molestias e os cartos que nos custa o feito de que algúns non queiran asumir de forma voluntaria normas de obrigado cumprimento.

Advertisements
Esta entrada foi publicada en Economía, Política. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s