Redacción

Despois das recentes eleccións locais e en plena fervenza de pactos e declaracións cruzadas nos medios, convidamos a conversar con nós, de vagariño, a Alfonso Mascuñana, irimego de sempre, un dos impulsores desde o seu comezo da Marea Atlántica, a plataforma de unidade que, contra todo prognóstico, obtivo uns resultados que permiten, para comezar, un cambio de goberno municipal na Coruña. E, se cadra, de paso,algunha cousa máis.

Houbo sorpresa, pois vós mesmos non agardabades estes resultados, por moito que a marea fose forte e ilusionante…

Sorpresa, non sei, para min que non é a palabra máis acaída ao respecto do que pasou. Vaiamos por partes.

Na xente da Marea. Se pensamos no número de votos e concelleiras obtidas, é certo que nin sequera as previsións máis optimistas contaban con dez. Pero “sorpresa” non é o término que nos provocou o resultado, porque a marea tiña dez meses de vida pública (dende o 21 de xullo do 2014) e máis de quince meses de debates e reflexións; primeiro sobre a necesidade de unión e converxencia e, unha vez que se decidiu participar nas urnas, sobre aprender doutros grupos que tamén estaban activos, e que dalgún xeito tiñan a súa orixe no 15M, formas de participación, concretar espazos de democracia, de escoita activa e de prácticas baseadas na confianza cun modo de organización transparente e horizontal.

Arrancouse cun manifesto asinado por noventa e nove persoas (o símbolo do 99%) co obxectivo de chegar a dúas mil cincocentas como condición para seguir adiante no proceso de ir as eleccións: “Pensamos que é o momento de abrir un proceso que consiga sumar forzas de cara as eleccións municipais do ano vindeiro. Necesitamos un espazo de confluencia onde caibamos todos e todas arredor dun desexo común… propoñemos un novo xeito de organizar a vida en común, honesto e transparente, baixo o control da cidadanía…”. Foi a expresión do ADN da Marea..

Logo viñeron meses de moito traballo e debate; de artellar o funcionamento: grupos temáticos e mareas barriais, o pulmón da Marea. Íamos acadando un tesouro de coñecemento e praxe. Chegou o momento, entre finais e primeiros de ano, das “Mareas vivas” : dúas fins de semana dun espazo de participación onde saíron tres documentos fundamentais: “Radicalidade Democrática” , “Código Ético” e “Forma de goberno” .

Despois viñeron momentos difíciles; momentos de diálogo entre organizacións partidarias e persoas non adscritas; momentos de moitas renuncias individuais e de conformar candidaturas para as primarias. Despois a escolla dun cabeza de lista e do resto da candidatura segundo un sistema de votación ponderado.

Un par de meses antes das eleccións moitas persoas da Marea sentiámonos alegres, satisfeitas e coa sensación dun traballo feito fose o que fose o resultado electoral. É máis: callaba a idea de que o concello era un medio e unha etapa, máis que un fin en si mesmo.

E daquela entrastes en campaña….

A campaña electoral supuxo a posta en escena dun inmenso traballo colectivo no que se sumou máis xente. En total unhas duascentas persoas con espírito de equipo, con intelixencia, profesionalidade e traballo. Moita rúa. Fomos percibindo o retorno dun incremento no coñecemento que a xente tiña da Marea e unha sintonía con moitas persoas que nos vía como algo “verdadeiro”, sinxelo, trasparente: como anel ao dedo. O último día fixemos unha ruta pola cidade, duns dez kilómetros e dez etapas; una especie de marcha zapatista que comezou en Monte Alto e rematou na ribeira do Cómaro onde comezaramos dez meses atrás. Nela palpouse un entusiasmo popular grande.

Por iso, quizais foi unha sorpresa estatística para moita xente, por exemplo para xente do Partido Popular que no reconto das mesas electoras non daba crédito; non tanto para xente do PSOE e do BNG. Para a Marea certamente desbordou as previsións, pero formaba parte dunha consideración serea e sólida do construído: ledicia e satisfacción, máis que sorpresa.

Que pensades que agarda a xente: medidas espectaculares, novidosas ou máis ben un xestionar os cartos públicos con máis rigor, transparencia e priorizando a vida da xente sobre o ladrillazo monumental? Quizais as dúas cousas?

A Marea Atlántica ten un proxecto para a cidade da Coruña; queremos unha cidade que sexa democrática, igualitaria, transparente e sustentable. O proxecto que temos debúxase nos barrios, nas Mareas, debúxase en cada recuncho desta cidade. Penso que a xente agarda e ten ganas dun xeito de facer concello baseado nestes criterios-guia.

Naturalmente que os criterios convértense en obxectivos e plásmanse en medidas concretas e realizables. Xa comezamos a facelas públicas aló por marzo. E estes días, van estando de actualidade. Propuxemos 25 medidas que aplicariamos nos primeiros cen días de goberno municipal.En canto á Transparencia, por exemplo, estamos a falar dunha auditoría e posterior re-negociación da débeda municipal,dunha transparencia total e publicidade dos expedientes de contratos e subvencións, dunha auditoría e fiscalización das concesións municipais,das transferencias á autoridade portuaria, da revisión dos Convenios de financiamento das obras das Mariña-Parrote.

En canto a Democracia,por exemplo, estamos na activación do Consello Social Municipal, como órgano fundamental de participación cidadá, na apertura da quenda de rogos e preguntas nos plenos, da descentralización da xestión municipal a través das Xuntas de Barrios/Distritos.

En canto á Igualdade, estase a facer xa nestes días o deseño do equipo de goberno e de cargos que no seu conxunto supoña unha redución do 50% do total orzamentado, publicación na web de bens,intereses,patrimonio e IRPF dos cargos, cancelación de saldos de contas municipais en entidades que executen desafiuzamentos, establecemento dunha Renda Social Municipal cun fondo de tres millóns de euros, creación dun observatorio Municipal de Políticas de Igualdade e Violencia de Xénero.

E en canto a Urbanismo e ordenación territorial ,por exemplo: unha revisión/modificación do planeamiento urbanístico municipal con incoación de expediente de revisión do PXOM, de revisión de oficio dos acordos municipais de alleamento no Plan Parcial de Someso, etc, etc.

En fin, as 25medidas témolas publicadas na web.

Como se presenta o entendemento e o pacto a catro anos vista entre forzas diferentes e co PP á espreita do primeiro fallo….?

A Marea ten 10; o PP 10;o PSOE 6 e o BNG 1. Gobernaremos en solitario. O PSOE xa prometeu o apoio na investidura e penso que o BNG tamén. A Marea xa nomeou unha comisión de diálogo e negociación que se está a reunir con Grupos estes días. A postura da Marea é de invitar e facilitar a participación dos Grupos no traballo municipal.Dende o comezo da Marea falou co Bloque para a súa participación no proceso.Sumáronse Anova, Esquerda Unida, Equo, Compromiso por Galicia, e Espazo Eco-Socialista. O Bloque escolleu a súa propia andaina, á que ten dereito. Penso que temos sintonía en moitas cousas e moitas persoas da Marea aprecio pola súa militancia, amistade e unha chea de acción conxunta na rúa.

Haberá marea galega? É trasladable a experiencia para as eleccións ao Parlamento de Galicia do ano que vén?

Oxalá. Trasladable, trasladable non o sei. Neste ano e medio coa Marea aprendín un xeito de facer as cousas que ten para min moito de novidade: unha confianza en persoas novas, e tamén nalgunha non tan nova, dispostas a traballar polo que é común; lixeiras de equipaxe, con poucas cousas na mochila; ben preparadas; con ganas de comunicación e de loitar por un desexo colectivo; con capacidade asemblearia e de horizontalidade. Reafirmeime na convicción de que se non nos unimos somos cómplices de que a depredación das persoas e do mundo e o aumento das desigualdades siga adiante. Tamén creo que darán os seu froitos experiencias feitas de confluencia de tradicións políticas diferentes. Pola contra creo que algunha xente que leva moito tempo militando en partidos políticos as veces se apegan aos seus principios, oumesmo aos seu matices, como se de algo relixioso-dogmático se tratara. Tamén creo que o “ego” estivo e está aí. É a cara fea da cuestión, tamén na Política con maiúsculas. Todas teríamos que practicar un pouco máis aquilo de que “sen o eu, non hai problema”, e dar o paso ao “nós” con máis facilidade. En fin, que lindo sería se fósemos quen de albiscar os sinais e loitar polo seu seguimento.

Xa non nos mirarán raro nos comercios elegantes da Coruña cando pidamos algo en galego?

Moitas cousas importantes, como a nosa lingua e a nosa cultura, vanse realizando dun xeito novo. Por exemplo: a Marea é a primeira Corporación municipal na que todos os seus membros utilizan como lingua ordinaria de comunicación o galego. Por suposto que se fará cumplir a Lei de Normalización, tamén no referente ao nome das rúas tanto os que están deturpados (nacemos na explanada do “Cómaro”, e non na explanada das Esclavas, por exemplo), ou a Av. de Arteijo; como as que rinden homenaxe ao fascismo (“Mártires de la División Azul,” e moitas máis, como ten sinalado a Comisión para a Recuperación da Memoria Histórica). Poderemos vivir con naturalidade en galego? Pois non o sei;oxalá. Tamén é verdade que hai moita forza e ilusión na Marea para borrar a visión tipificada da Coruña, como cidade-escaparate e máis ben de señoriteo, e, pola contra, recuperar o que verdadeiramente é: cidade de barrios, popular, tolerante, mariñeira, con moito acervo cultural e tradición libertaria.

Hai que levar un sombreiro panamá caribeño para nadar nesta marea?

Que queres que che diga… gusto do sombreiro; como gusto de Castelao, Valle-Inclán, ou Sandino.

Pois iso. Agardamos activamente expectantes….

Advertisements
Estas entrada foi publicada en Entrevista ou páxinas centrais coas etiquetas , , , , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s