Un castigo e un reto


Carlos Vázquez G.

As eleccións do 24M foron un castigo para PP e PSOE e comportan un reto para a cidadanía. O castigo foi duro. Máis para o PP, que tiña máis onde levalas, e algo menor para o PSOE, pero tamén contundente. A pesar disto, parece que non aprenderon: o PP agárrase á pírrica vitoria matemática e o PSOE recorre ao espellismo dun quimérico liderado da esquerda que poucos lle reclaman. O castigo, xa que logo, foi cativo e insuficiente. Primeiro, porque, aínda que o feriu de gravidade, non rematou co modelo bipartidista, tocado pero non afundido e, segundo, porque aínda non foron apartados do poder, que é condición necesaria

para que nestes dous partidos se poida producir algún tipo de rexeneración política e democrática. Mentres non perdan o poder, non se rexenerarán, só se maquillarán para ocultar o pelexo engurrado da súa dexeneración política. De feito, resiste o bipartidismo porque o fan as tramas clientelistas dos dous grandes partidos, que só se esfiarán cando perdan a posibilidade das comenencias que lles outorga o poder. Ese será o momento no que as ratas abandonen os barcos escorados polo corremento da carga putrefacta da corrupción.

A mellor noticia foi a irrupción na política e nas institucións da parte da cidadanía, limpa de po e palla, ata agora afastada ou autoexcluída da política. Esta boa parte da cidadanía mobilizouse, organizouse e presentou as súas esixencias, máis ou menos elaboradas, pero na mellor dirección, e deu un paso adiante moi importante para a rexeneración democrática do país. O reto agora é culminar a operación nas próximas xerais ou , cando menos, dar nelas un paso adiante irreversible. Para gañar este desafío é imprescindible manter e mellorar a mobilización política e, sobre todo, participar moi activamente na confección dos programas do cambio e no control da acción política dos representantes. Trátase, por unha banda, de potenciar a representación política, pero evitando a toda costa que esta deveña en suplantación do cidadán, como aconteceu no período bipartidista, e, por outra, de contribuír á elaboración de propostas audaces, pero posibles, sabendo o que é factible de contado, como os cambios político-institucionais, a transparencia, a mellora da participación democrática, o xiro nas prioridades da política económica ou a depuración da corrupción, e o que require un traballo e unha presión política aquí e máis alá das nosas fronteiras, como os cambios de fondo no paradigma económico vixente.

Advertisements
Estas entrada foi publicada en Política coas etiquetas , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s