Eleccións locais 2015: xestionar a novidade


O PP cae. Perde territorio por todas partes. En Galicia e fóra (nin a invocación de Esperanza Aguirre ao Espírito Santo valeu). As maiorías xa existentes do BNG e do PSOE en concellos galegos, refórzanse. Pero a gran novidade é a subida das mareas. Unha vaga de mar sorprendente, festiva, poderosa.

O tempo novo semella que chegou en forma de diversidade, de movemento desde abaixo, de novos estilos e formas. O que parecía inamovible, non o era tanto. E tamén era mentira que a corrupción lle resultase indiferente a un electorado aparvado. A xente non quere a indecencia.

Do acontecido nas cidades e vilas galegas dedúcese a importancia de que esa “novidade” pase da matemática dos resultados á cultura do pacto e ao estilo de xestionar o pluralismo e a diversidade. Hai que gobernar en equipo.

Os grandes concellos nos que se precisa pacto son agora o desafío. Porque poden marcar o si ou o non dunha futura transición no goberno da Xunta de Galicia. Os precedentes non son todo o bos que deberan. O bipartito foi unha experiencia da que aprender. A fractura permanente, a depredación mutua, a rivalidade por riba da cooperación, sempre fai que a dereita volva con forza e case sen esforzo. Necesítanse pactos sólidos que trasladen á xente a sensación de que hai madurez como para asentar o país en acordos de dúas ou tres forzas diferentes. Agora está claro: o que poña paus nas rodas, pagará a próxima factura electoral.

Fálase de momento histórico. Probablemente. Pero escoitemos a Historia. Nos anos 20 tamén houbera un gran auxe económico (felices anos 20) e logo unha caída da bolsa e a gran depresión. E na política irromperon novos medios de comunicación de masas, a radio (hoxe internet). E xunto cos medios de comunicación chegaron novos partidos que os sabían usar moi ben. Iso (xunto con outros factores como a extensión do dereito ao voto…) levou a uns parlamentos moi fragmentados e a unha inestabilidade política que acabou levando a moita xente a pensar que a democracia non era un sistema válido e que só os sistemas “fortes” (e mesmo ditatoriais) podían gobernar os países. E volveu a dereita coa súa peor cara. Escoitemos logo as leccións da Historia. E a traballar.

Advertisements
Esta entrada foi publicada en Editorial. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s