Vivimos no rural


ruralUnha rede activa que comeza a camiñar
Xuntámonos en Santiago, preto de cincuenta participantes de grupos de diferentes partes de Galicia, vitalmente interesados nun mundo rural vivo, orgulloso e con futuro. E aquí contamos o que durante esta xornada levamos a cabo.

Presentación

Despois da acollida e inscrición e dunha breve presentación da xornada levada a cabo por Ramiro Carballosa, pasamos a presentármonos en asemblea: nomes e lugares, soños, dificultades, expectativas. Breve, pero substancioso. Había asociacións de veciños, comunidades de montes, comunidades relixiosas, asociacións culturais, iniciativas de produción e venda (como Terra Celta), tendas de produtos ecolóxicos, organización para consumo de produtos da zona, ANPA, Cooperativas (como A Carqueixa), Centros de Desenvolvemento Rural (CDR), traballadoras sociais, turismo rural. O conxunto permitiunos ver un abano interesante de presenzas e de intencións –tamén realizacións— cara ao rural que evidencian que o rural ten vida e que pode ter aínda moita máis.
Traballo en grupo

Tivemos un tempo de traballo por grupos; tres grupos, segundo os intereses de cadaquén: Alternativas Económicas, Comunidade Solidaria e Cultura Viva. Tratábase de responder a esas dúas preguntas que nos facemos cando comezamos algo: Que me gustaría que me achegase isto de “Vivimosnorural”? Que me movería a seguir enganchado? Ata onde estou disposto/a eu a implicarme? En que cousas estaría disposta/o a colaborar?

O grupo de Alternativas Económicas demorou en construír unha análise compartida do que acontece no mundo rural: importancia do concepto de proximidade entre xente que produce e xente que consome; importancia da confianza, da fiabilidade, mesmo do saber lugar e forma da produción; tamén de manter uns parámetros mínimos de sanidade, que non sempre coinciden coas esixencias normativas; da integración do múltiple e do variado: pequenas actividades produtivas e non produtivas que contribúen ao éxito final dunha comunidade rural cohesionada, con base económica e estrutura cultural; importancia igualmente das redes de coñecemento, para apoiar e sentirse apoiado; e de darlle oportunidades á xente nova que xa se vai implicando, xa que un grupo coma nós pode axudar a darlle valor e visibilidade. Valorouse tamén a posibilidade de visitar as explotacións, para que o que se está facendo teña recoñecemento e visibilidade social, así como crear redes onde se recollan as iniciativas que poden soster e alentar o empeño, para conseguir emocionar e namorar a xente nova, porque a emoción é o que máis e mellor arrastra.

No grupo de Cultura Viva salientaron o interese desta iniciativa dado que estamos en situación de emerxencia, acosados/as por nós mesmos, que cremos as historias derrotistas contra o rural, acosados pola cultura dominante, e mesmo pola Administración. Pero tamén estamos en situación de crear algo novo (xa o estamos facendo de feito). E vían aquí posibilidades de animación, de ver realidades diferentes que nos orientan, sosteñen e alentan; porque estar en relación fainos fortes para a reivindicación, cando sexa necesaria, para facer oír a nosa voz. E propoñían un encontro anual, non en Santiago, senón nunha zona rural; e non só de falar, senón que teña un sentido práctico, de eficacia; ademais crear algunha páxina web ou similar, contando que moita participación pódese e débese facer hoxe usando a internet.
O grupo de Comunidade Solidaria vía útil unha iniciativa destas características polo aprendido da experiencia dos CDR: estar en contacto fortalece e dinamiza, dá posibilidades; isto permite combater o desalento provocado por moitas circunstancias; todos os grupos teñen dificultades e estar xuntos nas dificultades é importante, compartir loitas, sobrepasar o pequeno marco local. E propuxo a creación dunha comisión pequena que coordine e prepare todo isto e un contacto anual de todos/as, orientado tamén a visitar e coñecer experiencias concretas.

Compromisos e festiña

Sobre todo isto foise falando ao longo da posta en común, coa sabia orientación de Xosé Lois Vilar. Ao final intentamos chegar a algunhas cousas concretas que lle fosen dando corpo a esta iniciativa.
Acordamos que o noso nome será o de “Vivimosnorural”, co segundo uve invertido para transmitir a sensación de casa, de fogar, tan importante no rural.
Acordamos tamén ampliar o equipo que viña facendo de “grupo tractor”. Quedou como segue: Pepe Salvatierra (A Coruña – Ribadeo), Tamara Balboa do CDR Portasabertas, Vilardevós, Ourense; Cristina Taboada (Ferrol), e Francisco Xavier Almuíña, Vilela, Taboada (Lugo), que fan nove cos cinco anteriores: Ramiro Martínez, Begoña Celeiro, Xosé Marcial Díaz, Daniel López e Manolo Regal.
A este equipo encoméndaselle elaborar unha proposta concreta de ferramenta informática que faga posible a visibilización e intercomunicación e tamén a organización dun encontro anual, roldando en diferentes puntos da nosa xeografía rural, para coñecer experiencias, poñelas en valor, darlles visibilidade. Para celebrar o que está en marcha. Con moita festa, optimismo e riqueza gastronómica.

E, por certo, foi ben gozoso e proveitoso o xantar compartido, onde puidemos saborear a calidade e variedade que somos capaces de producir e cociñar; onde puidemos saborear tamén o alimento da convivencia, das bromas, da música, da cantarela animados polo zanfoneiro de cas Romualdo, e polos novos gaiteiros de Cervantes (Manolo, Cris e Ramiro) e polas voces de Isolina e compañeiras do Teixeiro do Piornedo.

Así que ánimo e a gozar e loitar xa que “Vivimosnorural”.

Advertisements
Esta entrada foi publicada en Crónica. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s