SOLIDARIEDADE DESDE O ATLÁNTICO AO MEDITERRÁNEO


Anuncio Moroño

O sábado 9 de maio, as raiolas do astro Sol, cal votiva lámpada, iluminaban a bóveda celeste da Ártabra cidade. Aquí, onde o Atlántico fai encaixe de Camariñas ao bicar e aloumiñar os areais que no mediodía aturaban o eco dun desesperante e angustioso berro contra tanta morte no Mediterráneo.

Indignación foi o que as humanas columnas ían amosando, no seu calmoso percorrer acarón das coruñesas praias, coas súas consignas, os seus berros esixindo a dignidade humana para todas as persoas, as súas pancartas con lendas reivindicativas, escritas para a ocasión. As súas negras roupas, significativas da dor que se expresa neste acontecer que nunca debera ser; e os retallos de xesta florida e estalotes, flores galegas onde as haxa, que nacen e medran na liberdade do monte e do campo galego, flores que non se comercializan nun mundo que se empeña en que o primeiro é o mercado.

Estes centos de sensibilizadas persoas, que a paso procesional, con erguida e clara voz, xenio e desenvoltura, rodean os areais de Riazor e o Orzán, manifestándolles aos poderosos do mundo que din civilizado, aos capitalistas, banqueiros e gobernantes da Galicia, do Estado e de Europa, que o primeiro non son os mercados e a economía, xa está ben!, o primeiro son as persoas, todas as persoas.

As mortes do Mare Nóstrum por suposto que non son unha catástrofe natural e irremediable, é algo que ten que ver cos intereses económicos e políticos, nos que Europa e América teñen moito que ver. Así o definían con forza e carraxe as galegas e galegos que despois de bordear as coruñesas praias, se introducen nelas, facendo xestos solidarios para que o bravo mar do Orzán lles transmita a esas poderosas persoas do mundo que poñan remedio xa a tanta traxedia humana. Nin un só morto máis! Nin no Mediterráneo, nin nas afiadas coitelas de Ceuta e Melilla.

E os retallos de xesta florida, e os estalotes, como un xesto de amor e de paz, enguliunos o noso Atlántico para transportarlle ao Mediterráneo co seu recendo a solidariedade do pobo galego, que fará o necesario para que o mar da antiga civilización e o comercio deixe de ser un cemiterio de persoas que só aspiran a vivir, xa que nos territorios dos que veñen só hai fame e morte.

Anuncio Moroño

Advertisements
Esta entrada foi publicada en Crónica. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s