D. Xesús Acuña Garrido, Xesús o de Praceres.


Baldomero Iglesias Dobarrio (Mero)

A voz é delatora da persoa que a emprega e, ao sentila, choven imaxes tamén das súas circunstancias. Aínda sen saber que di, con sentir rebulir no aire o seu timbre, adiviñamos a imaxe que a sostén. As verbas identifícannos, conforman un referente sonoro, eco que deixamos nos demais e que nós, sequera sospeitamos. A voz é a metáfora máis precisa, traxe inconfundible que viste as razóns que damos, evoca a nosa figura, acenos, lembranzas. Temos un ton característico, un modo, ritmo e volume en eufonías que nos especifican. Sen entrar nos caprichosos fonemas que cada quen ten de seu, rebeldes e imborrables, preciosos! Hai voces que nunca esquecemos, están gravadas no noso disco duro vital. Eu, saberei inequívoca, mentres a memoria me garde, a voz da miña mai. Aquela sempre suave, de veludo, atenta aos aconteceres, ás brisas ventureiras dos bicos e aloumiños tenros. Moi a miúdo vén a súa voz sosegando tempos, acariñando espazos, aliviando medos.

Por iso, hoxe, quérovos contar dun amigo moi querido que me sorprende sempre coa súa voz, suma de varias a un tempo e que, por monolingüe –pois pensa e soña en galego-, é tamén multilingüe e dono do mundo. Xoga cos idiomas cal se fosen bolboretas. Colle “os outros” e bota parrafadas en catalán, latín, grego, inglés, portugués ou castelán…desde o galego que, en propiedade,  honra para cocer o seu mundo. Gárdalles acento e destaca a fonética pura de orixe. Naofaz mal! Falar con el é estar pendente de varios rexistros a un tempo, desde o seu fervedoiro mental ao noso centro comprensivo: “Escolta un miqueta, si us plau, …un pocmés!”, di cando nos poñen un viño e quedan curtos. Tutti sono sanzioni, porca miseria!É quen de vincular un só concepto a corenta mil imaxes e, desde aí, seducir unha boa explicación. Mondieu de la France! Cando confía, di: “ …e as gaitas a tocar”, cando se abate: “é outono, está caendo todo!”. Inquedo, simpático, impredicible, pavero, algo estalabarda (no noso dicionario, anárquico no vestir) pois anda sumido nos súas sabias toleiradas! Cos cans razoa en latín e bótalles unha retrónica elevada a un ton sagrado e franciscano, dilles “Perrúsculus meus, non cognosces a ego? Pois ego da túa casa sum” Comoentenden!Hoxe deilles hiperactivos, a estes cus inquedos. Tan incrible é, que non hai moito fíxome rir ao contarme –pois é cura- o que lle pasou dando a comuñón e recibir por contestación un “O.K, tío”. Partíame coa risa ao imaxinar a escena e –sobre todo- a cara del, bafexando no entrebico e con ganas de lle contestar “chachipiruli” ao tal espiquinglis. O meu amigo Xesús é moi boa persoa, xeneroso e multilingüe. Supera a merdiña esa do “trilingüismo”, dos que decretan miserablemente contra nós e contra o noso, desde a Xunta e outros eidos de rancor.
Non hai moito, moi enfermo, tivo que ser hospitalizado. No medio de toda a aparataxe traslucía o seu sorriso cheo de vitoria, sobre as noites que os vencidos nos propoñen.
Avec moito love e por moitos anos, Xesús! Con xentes coma ti, un agradece a vida!

Advertisements
Esta entrada foi publicada en Lembranza de orballos. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s