Paraíso fiscal, inferno social


Pedro Pedrouzo Devesa

As eleccións de 2015 preséntanse como as máis abertas desde a Transición. O enorme mazazo que recibimos coa crise financeira puxo en dúbida a capacidade dos dous grandes partidos de xestionala. Estes dous partidos servíronnos de forma maioritaria mentres nadamos na abundancia. Hoxe están en crise, e a intención de voto repártese de forma moi semellante entre catro. Ábrense moitas incertezas sobre quen serán os seguintes gobernantes no Estado.

De todas formas, esta crise financeira, e as futuras, seguirán atacando severamente a nosa economía se non atallamos o problema de fondo: os paraísos fiscais.

Os paraísos fiscais producen dous grandes problemas: o primeiro, a evasión fiscal. Son miles de millóns de euros os que se defraudan neste país como se comprobou coa recente amnistía fiscal. E os paraísos fiscais son os estados que posibilitan esa evasión, con Suíza á cabeza. Ese detrimento de ingresos públicos está lastrando a nosa economía e a de moitos máis países, que teñen con demasiada frecuencia graves problemas de financiamento. A prima de risco demostrounos, hai un ano, a penosa situación que pode vivir un país, se depende desesperadamente do financiamento externo. Esa situación socava a nosa soberanía, reducindo a nosa democracia e obrigando aos nosos gobernantes a facer concesións aos mesmos mercados financeiros que nos arruinaron. Quen presta, manda.

O segundo problema dos paraísos é o da voracidade financeira coa que os seus xestores dirixen os fondos. Miles de millóns navegan sen control inundando artificialmente os países e abandonándoos á súa sorte cando cadra. España, entre outro países foi unha das súas vítimas. Os paraísos fiscais convertéronnos a todos en tremendos inxenuos facéndonos crer que os nosos salarios dependían unicamente do noso esforzo, cando estaban inchados artificialmente pola chuvia de millóns coa que nos inundaron. O problema veu despois, cando nos deixaron un lastre de débedas contraídas por culpa das falsas expectativas sobre a nosa riqueza.

Gabriel Zucman vén de publicar un interesante libro (A riqueza oculta das nacións) que propón tres medidas posibles para enfrontarse a eles: crear un catastro financeiro mundial no que se inscribirían os títulos financeiros e os seus titulares, crear unha rede de intercambio automático de información e un imposto global sobre o capital. Son medidas con distintos graos de dificultades, pero posibles as tres como se demostra no libro sen ser imprescindibles grandes acordos mundiais. Con que moi poucos países se puxesen de acordo sería posible sandar as finanzas mundiais, combater a evasión fiscal e a especulación financeira. Os paraísos fiscais beneficiados aliméntanse da especulación financeira e da evasión fiscal creando, se non infernos, auténticos invernos sociais demasiado duros para moitos países. Haberá que pórlles freo.

Advertisements
Esta entrada foi publicada en Economía, Política, Uncategorized. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s