Filgueira foi a honra da poligrafía galega do século XX


Entrevista con Filgueira Valverde

Recuperamos nesta sección a entrevista-ficción que hai anos xa dedicamos a outros homenaxeados no Día das Letras Galegas. Quen queira saber máis sobre Filgueira Valverde pode consultar, por exemplo, a completa biografía biografía intelectual que o presidente da RAG, Alonso Montero, acaba de publicar na editorial Xerais. Aí poderá ler, sen manipulacións, a meirande parte do contido desta entrevista.

Por empezar coa polémica, vaia lea se armou co seu Día das Letras! Que opinión ten sobre o asunto?

Si, houbo declaracións de todo tipo pero eu teño que estar á marxe delas. Cadaquén é libre de expresar o que queira sobre o particular.

Pero moléstalle que lle afeasen o seu pasado franquista e que se divulgue que o seu nome figura entre os que se inscribiron na Falange?

O que se conmemora é o Día das Letras e o valor que a miña obra literaria poida ter. Por outra parte, non lembro que no caso de Vicente Risco ou Álvaro Cunqueiro se falase tanto dese asunto.

Ao mellor mudaron os tempos ou mudaron as vontades.

Mudarían, pero sigo pensando que o que se debe considerar nesta celebración é unha obra literaria, que será mellor ou peor, máis ou menos importante para Galicia, pero non a miña vida persoal ou a traxectoria política.

Con todo, esa obra foi escrita en lingua galega e por isto se lle dedica este Día das Letras. E esa lingua non foi precisamente favorecida baixo o réxime no que vostede foi alcalde de Pontevedra.

Eu quero lembrar o que escribiu Alexandre Bóveda en A Nosa Terra: eu teño a seguranza de que alí onde estea Filgueira Valverde, haberá un obreiro da causa galega.

Pero iso escribiuno en 1935, un ano antes de ser asasinado polo réxime co que vostede colaborou.

O asasinato de Bóveda produciuse nun contexto de represión dentro dunha guerra civil, na que se viviron acontecementos terribles coma ese. Eu coincido co presidente da Real Academia que, ao tratar este tema, asegura que non se trata de polemizar e menos de aldraxar. Do que se trata é de comprender cal é o ideario de cada intelectual e de entender as circunstancias, certamente difíciles, do 36 para tratar de comprender -sen necesidade de compartir- determinadas páxinas, actitudes accións e omisións.

Aínda así, comprenderá que, desde o punto de vista actual, unha foto -moitos anos despois do 36- na que vostede aparece, en calidade de alcalde saudando e agasallando a Franco, sexa difícil de dixerir.

Entendo, e xa sei que o meu Día das Letras foi cualificada por algún sector como un insulto aos que sufriron o exilio ou a morte, sen falar da marxinación da lingua. Si, fun alcalde de Pontevedra e Procurador en cortes durante o franquismo. Forma parte da miña vida, pero algo haberá para poñer no outro lado da balanza, supoño.

A DEREITA GALEGUISTA

Sen dúbida, moito. Pero antes, cóntenos como foi a súa marcha do Partido Galeguista.

Eu fun un dos fundadores e dos primeiros secretarios do PG. Cando este se alía coa Frente Popular de esquerdas, vexo que o electorado católico e conservador, numericamente importante, queda nas mans da dereita española que nada quería saber do galego e tampouco tiña moito entusiasmo pola república nin pola democracia. E creo Dereita Galeguista, un partido cristián, republicano e demócrata. Non todos o entenderon e por iso Bóveda pedía respecto.

Esa compoñente católica era moi relevante para vostede?

Si, foino desde neno na miña familia. Meu pai, que era un coñecido médico pontevedrés pasara, de novo, tempadas nun cenobio; e miña nai, durante anos, foi monxa. A vivencia do catolicismo foi lección diaria na miña infancia e adolescencia. Esta implicación relixiosa aínda a vin reforzada polo catedrático de Filosofía Antón Losada Diéguez, que foi o meu mestre e guieiro.

E neste punto non podemos obviar a revista Logos.

Logos foi a primeira experiencia en que un grupo de católicos galegos asumen publicamente o seu compromiso con Galicia e coa igrexa. Eu fun o impulsor desa experiencia e mesmo asinei algún artigo, coma o titulado “A Eirexa i-as linguas vernáculas”. Ademais, os reponsables da revista publicamos literatura relixiosa, inexistente antes (Viacrucis, Oracións da mañán, Estampas de primeira comunión…). Por primeira vez dende había catro séculos, a lingua galega volveu a resoar nas pregarias: organizáronse sermóns radiados e actos de culto.

E tamén pioneiras foron as súas clases sobre Literatura Galega na Universidade de Santiago.

Foi en 1933 cando impartín un Curso de Literatura Galega. Nunca, antes desa data, a Universidade fora tribuna dun acontecer cultural destas características. Nesas datas non se ofrecían materias de Filoloxía Galega, nin sequera de Filoloxía Románica. O profesor Alonso Montero considera de tal importancia e significado o programa dese curso que cre que debería reeditarse hoxe, cousa que lle agradezo. Quizais pola extensión, ambición e rigor do programado, constitúa un acontecemento para as nosas Letras, aínda que non fose (non podía selo) un curso oficial.

NA FUNDACIÓN DO SEMINARIO DE ESTUDOS GALEGOS

En 1923 uns estudantes universitarios fundaron o Seminario de Estudos Galegos, unha institución clave na nosa historia cultural. Entre eses fundadores estaba vostede.

Si, estaba entre o grupo de rapaces que decidimos dar o paso de fundar esta institución e tamén fun dos que visitamos a Armando Cotarelo para que asumise a presidencia. Ao longo dos trece anos de existencia do Seminario desenvolvín varios cargos.

E iso que vostede aínda estaba comezando os estudos universitarios que había rematar cunhas brillantes cualificacións.

Coma tantos estudantes con inquietudes literarias non só me matriculei na Facultade de Filosofía e Letras, senón tamén na de Dereito. Daquela, moitos pais esixían que os fillos se fixesen avogados, un título útil para acceder ao diñeiro e o prestixio social. Desde 1923 cursei Dereito en Santiago por oficial e Filosofía e Letras, por libre en Zaragoza.

O Seminario encargoulle a vostede, en 1935, o seu proxecto máis ambicioso, a antoloxía en varios volumes da totalidade da poesía galega

Ese magno proxecto literario concibírase para honrar a figura de Rosalía, xa que en 1937 conmemoraríase o centenario do seu nacemento. Empecei polo final e enviei un Inquérito aos poetas que estaban vivos naquel ano para a elaboración dunha antoloxía consultada, que só foi publicada nunha pequena parte.

Unha das palabras que máis se están repetindo este ano para definilo é a de polígrafo. Séntese cómodo con esa etiqueta?

Paréceme axustada se temos en conta que como escritor entrei en campos moi diversos, que me acheguei á arqueoloxía, á etnografía, á epigrafía… Pero se tiver que destacar un, inclinaríame polo dos estudos literarios.

E nomeadamente da época medieval, un eido no que ten obras maxistrais.

Eu xa fixera a miña tese de doutoramento sobre a cantiga CIII de Afonso X. Para min a lírica medieval non foi só un campo de traballo e investigación, senón tamén de experimentación. No ano 1949 publiquei Lírica medieval gallega y portuguesa, que daquela era, segundo din, a mellor introdución ao tema.

Tamén moi gabado foi o seu labor docente.

Coa miña axenda, non sempre atendín como quixera as miñas clases de Lingua e Literatura, aínda que a miña vocación docente foi, sen dúbida, o que máis marcou a miña vida (xunto co amor pola lingua e a cultura de Galicia).

O Museo de Pontevedra é a obra da que está máis orgulloso?

Foi a meniña dos meus ollos e a el dediquei o meu mellor compromiso, sobre todo desde 1946, ano no que fun nomeado director efectivo. E hai que dicir que non tardaría en ser, entre os museos provinciais, unha institución modélica en España.

Vostede foi alcalde de Pontevedra entre 1959 e 1968. Esoutra foto inaugurando a planta de celulosas de Lourizán tampouco non é das mellores do seu álbum.

A planta inaugurouse en 1962, aínda que en realidade fora autorizada polo meu antecesor no cargo. Eu, porén, prefiro lembrar o meu traballo para potenciar e grandeza e a beleza do casco histórico da miña cidade.

Foi vostede quen descubriu (ou espallou) a importancia das páxinas nas que o padre Sarmiento defende ao neno galego vítima dunha pedagoxía que lle furta a lingua galega.

Si, iso xa o fixen de novo. Logo, ao xubilarme como catedrático e director do instituto de Pontevedra publiquei varios libros sobre o padre Sarmiento.

Pero non se xubilou doutras responsabilidades institucionais.

Non. Fun Conselleiro de Cultura na Preautonomía (1982-1983) e Presidente do Consello da Cultura Galega dende 1990 ata a miña morte no ano 1996.

Moitas grazas pola entrevista e agardemos que este ano sirva para situar a súa obra no lugar que merece.

Grazas a vós e que así sexa.

Aldegunde Quiñones

Advertisements
Estas entrada foi publicada en Entrevista ou páxinas centrais, Uncategorized coas etiquetas , , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s