Carreiras de ratos


Parece una historia de terror isto da corrupción, fraudes e malas prácticas das organizacións políticas e persoeiros que nos gobernan. Xa non paga a pena nin mencionar a lista de casos e os nomes de cargos e cargas. Esmagados estamos de información.

Pero si que paga a pena facer unha pequena incursión nas tripas do asunto. E nas tripas do asunto está o que chamariamos a cultura da estupidez.

Trátase do humus, da terra lenta e estercada onde nace a mala herba. Seica é o que se leva desde hai ben tempo. Quizais veña do imperio este do consumismo devoto e desbocado, da carreira irrefreable polo confort absoluto, dese glamour-sobre-todas-as-cousas, unha interminable sucesión de xente guapa, de modelos perfectos, perfumes e autos de alta gama, ski nos Alpes e safaris en Botswana, un pijerío antes minoritario e perfectamente delimitable, que mesmo tiña a súa graza, e hoxe estendido, transversal e penetrante. Un “querer ser coma eles”, que se coou coma a couza no orgullo de todas as clases e condicións, tamén da clase traballadora e, sobre todo, dos que están aí, en principio, para servir e non para seren servidos.

E vai unido a un soberbio desprezo do público, do que iguala, do que é accesible para os excluídos e vulnerables, para os que quedan do outro lado do muro invisible, fóra do arrecendo do glamour. E vai da man dun desprezo pola vocación de servizo público, polo que é esixible a un gobernante, a aquel, a aquela que libremente elixe ser elixido, ….para iso, para servir, para gañar menos que na multinacional ou no banco que sexa –que xa nos teñen fartiños co argumento- , para encontrar a satisfacción interior no deber cumprido, en facer as cousas con sentido da equidade, do dereito, sen enchufes nin andrómenas.

Sen esa cultura da estupidez, sen esa carreira de ratas e ratos por acumular, deslumbrar, consumir elitistamente, triunfar na vida desa maneira, digamos, tan pouco espiritual….non pasaría o que pasa, ou pasaría menos.

Esa felicidade é unha porcallada. Nin felicidade é. E a pouca xente con sentido e valor interior, aínda se pregunta, despois de cada caso: Pero que necesidade ten un deputado que xa gaña un salario ben decente de entrar suiñamente en nómina dunha construtora que fai obra pública para non se sabe que tipo de tristes e viscosos asesoramentos verbais arredor dun café no Palace? Deus nos aparte da estupidez.

Advertisements
Estas entrada foi publicada en O Trasno coas etiquetas , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s