Josecho de la Torre
Entrevistamos a Manuel Antonio Couceiro Cachaldora, que é párroco dende 1995 na Nosa Señora da Xunqueira e tamén en San Pedro de Fontecarmoa, Concello de Vilagarcía de Arousa. Ademais das parroquias, preside a Fundación Galega contra o Narcotráfico dende abril de 2012, coordina a Pascua Xoven dende a súa chegada a Arousa, e desempeña o cargo de Consiliario diocesano dos Scouts Católicos. Todo isto sumado ás clases no IES de Fontecarmoa.
Como nace a Fundación Galega contra o Narcotráfico e que labor desempeña?
A Fundación Galega contra o Narcotráfico, -antes Plataforma Galega contra o Narcotráfico- naceu en 1994 despois da famosa Operación Nécora de cuxa sentenza se cumpren 25 anos. Ante tal situación de impunidade social e penal, -recordemos que a maioría dos encausados naquel macroproceso ao final, como se adoita dicir, “saíron de rosiñas”-, é verdade que supuxo un antes e un despois na percepción de dita problemática. Desde aqueles anos avanzouse moito na conciencia social de rexeitamento desa cultura da morte; hoxe o “narco” xa non é un ser a admirar e copiar e tamén na loita policial e na propia xurisprudencia aínda que queda camiño por percorrer. Hai algúns xuíces e fiscais que merecen o noso recoñecemento pola súa eficacia e profesionalidade e, ás veces, con poucos medios e demasiados atrancos. A nosa Fundación coas súas propostas e achegas en sede lexislativa segue a ser unha ferramenta necesaria para mellorar o “entramado” legal tan “garantista” e lento para o remate de tantos macrodelitos de branqueo de capital e narcotráfico que aqueles se retroalimentan, como ben é sabido.
Preside esta Fundación dende 2012. Como se leva esa responsabilidade?
Si, levo tres anos. Foi unha “encerrona” por unanimidade. Ata que me convenceron non pararon pero lévoo con moita responsabilidade e sabendo que é un servizo necesario e xusto á sociedade. Non me gusta permanecer indiferente ante problemas tan serios coma este. Hai que pasar de espectador a actor. Vénme á cabeza un canto de Estopa sobre o compromiso: “cústanos levantarnos e na mesma costa caemos. Por que nos custa tanto? Mellor quedar sempre no chan”.
Cales son os retos da Fundación para o futuro inmediato?
Nesta zona, coma noutras, ese mal bicho matou a moitos mozos e adultos, estragou moitas familias e levou á ruína matrimonios. Tamén a PEMES e autónomos. Non podemos mirar para outro lado e debemos saber que os toxicómanos son vítimas deste proceso; hai que axudalos e que teñan posibilidades reais de mudar e reinserirse. Nesas estamos e queremos permanecer.
Hai 43 anos nace a Pascua Xoven, movemento xuvenil e cristián que se celebra na Xunqueira e que coordina dende hai dúas décadas. En que momento está?
Somos a Pascua xuvenil decana, ou sexa, máis “lonxeva” do Estado español. 42 edicións de xeito interrompido. Case nada! Catro décadas acompañando a mozos cun estilo festivo, achegado e rebelde. Son tempos duros e rexos, como diría a santa de Ávila, que todos temos na memoria neste ano do seu V centenario. Pero segue convocando a mozos de parroquias e grupos de reflexión. Non son anos de moita cantidade; xa pasaron aqueles anos de 400 ou 500 rapaces pero, como ben sabemos, hoxe hai que acompañar e traballar doutro xeito, con moita paciencia activa e sementando. Sen présas pero sen pausas. Este ano o tema da Pascua Xoven de Arousa, que foi o 17, 18 e 19 de Abril, era a ledicia en sintonía co estilo da mensaxe do Papa Francisco e coa súa Evangelii Gaudium. Na nosa web de axunqueira.com podedes atopar esta historia xa corentona.
Que lle parece o labor do Papa Francisco e que repercusión cre que pode ter no devir da igrexa católica a nova imaxe que está ofrecendo?
Eu adoito dicir que todos, os catro Papas que eu xa coñecín, son bos e santos; pero este encántame polo seu “perfil” e creo que está facendo moito ben á nosa Igrexa e á sociedade. Dá gusto escoitalo e lelo, nótase que pisou a rúa e os problemas. E ademais, e moi importante, creo que non é mera pose ou puro formato para “gañar ao persoal” senón que é natural e os seus xestos e palabras son expresión do súa sensibilidade antropolóxica e relixiosidade encarnada. Usando a linguaxe das redes sociais, doulle ao “gústame” deste Papa Francisco. Desexo que teña tempo para seguir levando a cabo o seu labor sen estridencias. E con todos ao seu lado, coma nunha vella orquestra a prol dos avances, actualizacións e reformas necesarias e xustas porque, xa sabemos que -como di o autor latino- nunca hai vento favorable para quen non sabe a onde ir e non esquezamos que ecclesia semper reformanda. Amén