Querer e dicir non é poder


Carlos Vázquez G.

Almorzamos cada día cun novo caso de corrupción. Ata hai ben pouco, dicíasenos que só eran feitos illados, que non afectaban estruturalmente ás institucións e nin sequera aos partidos. Hoxe a ninguén se lle ocurre dicir tal cousa. Algo similar pasou coa progresiva perda de calidade democrática. Hoxe todos admitimos, porque o constatamos, que a corrupción e a dexeneración democrática son feitos evidentes e non hai partido nin dirixente político decente que non o recoñeza e que non considere imprescindible combater a corrupción e emprender un camiño de mellora e rexeneración do noso sistema político democrático. Todos os partidos propoñen isto e os que estiveron -ou están- no poder proclamaron implantar medidas nesta dobre dirección, que resultan e resultaron fallidas. Pódese considerar, polo tanto, que PP e PSOE non son politicamente capaces de afrontaren cun mínimo éxito este dobre gran problema da sociedade española. Non se trata de que non queiran, é que non poden.

Un exemplo desta incapacidade pode ser a Lei de transparencia. É a última en promulgarse nos países aos que nos podemos asimilar. Hai, por tanto, experiencia dabondo para facer a mellor lei de entre as vixentes ou, polo menos, unha norma decente. Pois ben, a lei española é, seguramente, unha das peores, chegándose incluso a manter, por exemplo, a posibilidade do silencio administrativo negativo, co que o dereito á información pública pódese converter en papel mollado.

Esta incapacidade, coido que obxectiva, destes dous partidos para combateren a corrupción e rexenerar a democracia témola que relacionar necesariamente coa deterioración que o propio poder tende a producir. É o dictum de Acton: “O poder tende a corromper e o poder absoluto corrompe absolutamente”. Estariamos, pois, ante o nefasto efecto que causou no PP e no PSOE o exercicio do poder durante máis de trinta anos nun modelo bipartidista: un no goberno e o outro na oposición, pero esperando quenda segura. Este modelo inexorablemente binario e durante tanto tempo, sendo democrático, non cabe dúbida que se aproxima demasiado a un exercicio do poder moi pouco repartido e, en consecuencia, corrompeu tanto aos seus protagonistas, que os fai incapaces de saíren do círculo diabólico da corrupción e da dexeneración políticas. Por iso non poden afrontalas. Teñen, polo tanto e antes de nada, que rexenerarse e sanearse eles mesmos, o que implica separalos, aos dous, do poder, cando menos por un tempo.

Advertisements
Estas entrada foi publicada en Política coas etiquetas , , , , , , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s