Filgueira Valverde: dúas posturas e unha hipótese


Para o Día das Letras Galegas a Academia Galega escolleu neste 2015 a figura de Xosé Filgueira Valverde. E acendeu unha polémica aparentemente irresoluble entre posturas, de demócratas galeguistas, que se defenden a si mesmas como lexítimas e razoables.

Unha postura expresa o dereito a rexeitar que un alcalde franquista sexa homenaxeado en democracia. Sería inaceptable, arguméntase, en calquera país que fixese o camiño de romper un sistema ditatorial e intrinsecamente corrupto. Unha colaboración activa, de tipo político, co réxime felizmente superado sería una pexa que faría imposible calquera aplauso. E Filgueira foi alcalde canda Franco durante nove anos, participante en homenaxes ao ditador, procurador en Cortes. Parece bastante claro que a implicación de Xosé Filgueira na vida política do franquismo foi máis aló do mínimo necesario para sobrevivir ou para salvar a outros.

A segunda postura insiste no dereito a rememorar a un Filgueira que estaba no réxime, pero que era unha anomalía nese réxime, para salientar, a seguir, o seu perfil de sabio galeguista, polígrafo, home de cultura, promotor do museo de Pontevedra e, como síntoma decisivo, bibliófilo e non bibliófobo – a diferenza dos falanxistas e nazis que queimaban libros, el estudábaos, custodiábaos. Nese rescate do estudoso galeguista saliéntase tamén o seu traballo no Seminario de Estudos Galegos e a súa contribución ao estudo da poesía neotrobadoresca galega.

A raíz do problema pode estar de novo na ferida mal sandada de corenta anos de ditadura. A transición foi un pacto cos herdeiros do réxime, á procura da tranquilidade, pero tivo un prezo. Non hai un punto e á parte. Non se xulgou a ningún responsable. A penas houbo un reproche social expresado politicamente polos novos parlamentos. Non houbo un corte e todos os días nos maliciamos sobre as consecuencias –por exemplo, en termos de “connaturalidade” coa corrupción e o clientelismo- daquela “continuidade” sen ruptura, entre o franquismo e o réxime do 78. Quizais, por iso, resulta tan complicado separar con madurez e mesura o Filgueira consentidor co réxime do Filgueira galeguista e traballador, nun ambiente irrespirable, pola pervivencia dos sinais de identidade de Galicia.

Advertisements
Estas entrada foi publicada en Editorial coas etiquetas , , , , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s