Conversas na casa do Romualdo


Fran Almuíña

Desde a Casa do Romualdo (Vilela-Taboada) continuamos conversando, desta volta con Anna Champeney e Lluis Grau, parella de artesáns –cesteiro el, tecelá ela- que atoparon en Cristosende o que precisaban para acometer o seu proxecto de vida. Cal foi a aguilloada que os impulsou a escoller este modo de habitar e sentir a aldea, de entrelazar oficio, tradición artesá e beleza? 

Fran Almuíña: Estamos en Cristosende, unha das aldeas máis fermosas da Ribeira Sacra, na casa de Anna, Lluis e Tomasina. Vivides nesta aldea dende hai máis de quince anos e tedes un proxecto de vida baseado na artesanía e en poñer en valor un patrimonio tan importante como son os teares e a cestería. Vides dende Barcelona e a Gran Bretaña…

This slideshow requires JavaScript.

Anna: A miña relación con Galicia comezou cando eu era estudante na carreira de arqueoloxía. Vin para completar a tese no ano 1989, sobre as pallozas nos Ancares. Vin coa miña nai, pasamos case un mes nos Ancares e namoreime da zona. Máis adiante, sobre o ano 91, fixen un máster en museoloxía e volvín para investigar sobre museos etnográficos. No ano 95 tiven moita sorte, porque me deron outra bolsa de estudo para investigar a artesanía galega. Pasei un ano percorrendo aldeas de Galicia. Realicei moitas entrevistas aos derradeiros artesáns: zoqueiros, cesteiros e, por suposto, tecelás. Así entrei en contacto coa gran tradición téxtil que había en Galicia, aínda que cada vez eran menos as mulleres que se dedicaban a isto. Foi aí cando deixei o meu emprego de comisaria de exposicións e comecei a dedicarme ao tecido, cunha idea moi clara de ir recuperando a tradición galega. Lluis, pola súa parte, era cesteiro xa dende había moitos anos en Cataluña. Cando nos xuntamos e viñemos vivir a Galicia no ano 2000, a idea era a de recuperar unha tradición, tanto na cestería coma no tecido.

Lluis: Fundamentalmente o proxecto está presidido por dúas ideas, a proximidade coa natureza e traballar coas nosas mans unha técnica sinxela e tradicional.

F.A.: Anna ti traballas con elementos suaves, coma o liño a seda ou a la, e ti Lluis con elementos máis firmes, aínda que tamén se deixan levar. Pero ambos traballades no de tecer lazos, crear entramados. Tedes dúas vocacións moi simbólicas.

Lluis: Ademais que para nós o tecido é unha das simboloxías máis universais, probablemente unha das máis estendidas, entrelazar unha cousa coa outra.

Anna: Si, si, non podes cambiar o urdido, que é coma a túa herdanza, a túa alma, pero podes ir tecendo a trama, o que a vida. Vas tecendo a vida con aquilo que che vén dado.

F. A.: Vós traballades con materiais de orixe medieval e estades no mundo a través de Internet, tecendo e intercalando a tradición coa modernidade. Pensades que é por aí que esta Galicia nosa poida seguir vivindo no campo?

Lluis: Para min o campo brindábame gardar a fecundidade e riqueza cultural da cidade, pero tamén o silencio que se aparta da súa inundación propagandística, dándome liberdade de pensamento e de creación. Non só por traballo; como persoa faste de distinta maneira no campo ca na cidade. Faste un animal humano distinto.

F. A.: Cales serían as dificultades ou carencias que vedes á hora de xestionar, traballar e vivir no rural dende o voso punto de vista de artesáns e empresarios?

Anna: Ao principio tiñamos a visión romántica do pequeno artesán, e non: tes que traballar moito na parte publicitaria, e formarte constantemente.

Lluis: E a administración non lle facilita nada a vida ás empresas pequenas. Noutros países é máis doado. Unha anécdota: hai pouco recibimos unha carta de Facenda de Madrid, un requirimento, notificándonos un erro, un NIF dunha cliente de Dinamarca que estaba erróneo, dunha factura de corenta e cinco euros. Só as cartas que teñen que enviar custan máis. É de vergonza…

Anna: É un pouco coma na revolución industrial do século XIX. A razón pola que Inglaterra se desenvolveu máis que Francia é porque a burocracia francesa era tan pesada que asfixiou todas as novas ideas. Para unha pequena empresa o tempo que pasas xestionando nela come moito do tempo que tes para dedicalo a cousas máis produtivas.

Lluis: É o inconveniente de ser pequenos. E Galicia está feita de moitas cousas pequenas, que non están apoiadas. Míranse as grandes cifras, as grandes cantidades, moitos traballadores… iso é o que queren.

F. A.: Por outro lado vós buscades novos usos para as pezas que fabricades, cos materiais de sempre buscades a innovación.

Anna: Claro, hoxe en día o teu cliente, para comezar, xa non vive no campo, tes que pensar quen é e que cousas podes facer para eles. O meu cliente xa non é o veciño, senón alguén que valora cousas diferentes e está disposto a pagar un prezo alto por elas, pois son máis sofisticadas.

Lluis: O significado da artesanía mudou; antes a artesanía era a maneira normal de facer as cousas. Agora é algo selecto, está dirixido a persoas que valoran a exclusividade, a peza única, as técnicas tradicionais, as formas ou o que sexa. O cliente restrinxiuse e desprazouse.

Anna: Para os nosos clientes é algo importante saber que o que están a mercar está feito por alguén. Vivimos nun mundo cada vez máis conectado e illado. Máis masificado. E estes clientes buscan algo que supón unha conexión con outra persoa, cunha persoa real, que fixo a peza con cariño e transmite con ela unha historia.

F. A.: Preocupádesvos de plantar os materiais que usades, de fabricar as tinturas…

Lluis: Trátase de vender a túa historia. Na peza representas o teu estilo de vida. O lugar no que traballamos non é unha cousa externa á peza que fabricamos, forma parte da historia do que facemos.

Ann: Moitos dos obxectos que mercamos hoxe en día sabemos que foron feitos por persoas, probablemente en condición horrorosas; e son baratísimos, artificialmente baratos. A peza de artesanía é unha peza honesta, limpa, auténtica. E isto é moi importante hoxe en día.

F. A.: Tedes a percepción de estar abrindo camiño para outra xente?

Lluis: Temos a sensación de ter ilusionado a xente nos nosos cursos, pero é que é moi difícil ser pequeno e comezar como pequeno empresario, o sistema mátaos, é moi difícil comezar.

Anna: E despois hai unha confusión: pénsase que ser artesán é só facer pezas. E claro que si, pero hai moito máis. Trátase de levar a túa propia empresa, atopar clientes, presentar o teu traballo. Moita xente atópase con estas dificultades e desanímase. Se é que queren facelo en plan profesional, porque os oficios non sempre estiveron enfocados ao profesional. Quizais é máis factible traballar na casa facendo cousas para a casa, que é algo moi bonito e máis semellante ao que era o tecido antes en Galicia.

F. A.: Que soñades para o futuro da vosa nena?

Anna: A miña ilusión é que teña unhas raíces aquí, unha nenez moi feliz radicada neste lugar marabilloso, cos veciños. Unha nenez sinxela. Máis adiante ela escollerá o que queira facer, pero sempre verá o campo coma unha opción, unha alternativa, e con ollos moi positivos. Lluis naceu en Barcelona, eu nun pobo pequeno de Inglaterra. Crieime coas galiñas e na horta da miña nai. O primeiro que quixen facer aos dezaoito foi fuxir a unha cidade grande e buscar a independencia e a sofisticación da cidade; e foime moi ben. Penso que é necesario coñecer os dous mundos. O mesmo para ela; quero que escolla sabendo que é o campo.

F. A.: A xente nova busca marchar canto antes das aldeas, porque aquí, aparentemente, non hai futuro segundo ese modelo polo que nos queren levar.

Lluis: Hai que cambiar a mentalidade. Nótase que este país foi sometido, e que a xente tiña que traballar para outros. Había uns cantos mosteiros e catro señores e os outros non tiñan nada. Está creada unha cultura de pouco espírito emprendedor. Se queren cambiar Galicia nas escolas teñen que ensinar a emprender.

Anna: Falas cos estudantes de téxtil en Inglaterra e un bo número ten idea de emprender e fundar a súa propia empresa. Non parece tan difícil fundar unha empresa alí, parece unha gran aventura, unha cousa pracenteira, por iso moita xente nova o fai. Aquí tes a sensación de que se busca acubillo no seguro, e non se valora dedicarte ao teu, a un proxecto que te apaixone…

F. A.: Tamén participades desa filosofía do campo: todo ten o seu tempo, hai que ir paseniño. Imaxino que cando vas pasando a lanzadeira de lado a lado parece que un só fío non dá feito todo, e ao cabo do día xa tes un anaco do tecido. Agora vivimos no inmediato: montamos algo e xa queremos que sexa rendible…

Lluis: Claro, é que é distinto o mundo rural, familiar, do individual. Na cidade montas un negocio e en pouco tempo tes unha gran cousa, mentres que aquí somos limitados. Somos unha familia, somos poucos, e tes que ir ao paso que che permite o teu formato. Se queres montar algo grande nun lugar pequeno iso non vai funcionar. Penso que é o natural, e hai que acomodarse: aquí non podes medrar moito, o mundo rural galego é de pequenas cousas, pequenas parcelas…

F. A.: Pero as persoas si que medran, e a vida das persoas é moi rica

Anna: Si, somos instrumentos moi básicos, a vida fórmanos coma as pedras: pouco a pouco, o desgaste da vida nas pedras vainos pulindo. Eu véxonos parte dese grupo de xente, coma ti Francisco coa música, que quere poñer en valor recursos galegos.

Advertisements
Esta entrada foi publicada en Entrevista ou páxinas centrais. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s