U-la política agraria?


Daniel López Muñoz

Está moi ben que o presidente Feijoo vaia agora arrepentíndose deses “erros que se cometeron hai tempo e que non se poden volver cometer”. Xa postos mesmo estará ben que se apurasen a inauguralo todo –que tampouco había tanto, vaia- antes do prazo legal que marca a lei electoral, xa que, á vista das enquisas, hai que facer pitelos mentres hai carballos.

Pero non se acaban de decatar de que o problema que teñen é que o público de acó abaixo é cada vez mais adulto e máis indignable. E por iso as enquisas din cousas sorprendentes. Porque a xente xa non traga co de “foi sen querer” ou con esa pueril carreira por cortar cintas de pantanos ou tramos de ferrocarril. Porque a xente decátase –pero eles seica non- de que, recortes á parte, aquí non hai políticas dignas de tal nome “que comunicar”. E xa poden suar a camiseta os gabinetes de prensa de entusiastas propagandistas con carné, pagados para “vender” o que non se fai e disfrazar o que se fai.

 

As cotas lácteas rematan. O mercado do leite queda liberalizado. Que política ten a Xunta de Galicia ao respecto? Alguén dos que vai votar en cuestión de semanas sabería identificar unha liña clara de traballo da Xunta para afrontar a nova situación?

Facer política é ter un modelo de país, o máis consensuado e explicado posible, e liderar a loita por avanzar nesa dirección. A sensación con isto das cotas é que vai pasar… o que teña que pasar, o que corresponda. Ala! Así facemos a política nesta parte do telón de grelos.

Se todo se deixa nas mans do mercado será, efectivamente o que será. Queremos un país interior como un océano de eucaliptos con illotes de granxas industriais superintensivas, con escasísimo emprego, cun uso masivo de antibióticos e os máis diversos agrotóxicos? Non haberá un modelo dimensionado viable, forraxeiro, de calidade, cooperativo… polo que apostar, para ser debidamente explicado e fomentado?

Por que hai tantos miramentos cos produtores de enerxía eléctrica, ese oligopolio convertido na maior estafa é cidadanía despois da banca, e tan poucos cos produtores lácteos. Por que ese proteccionismo estatal ás eléctricas co déficit tarifario e demais andrómenas e esa resistencia a regular o mercado lácteo, a fixar un prezo mínimo que teña en conta os custes reais de produción. Será que ningún político pensa usar a porta xiratoria para virse muxir as vacas e carretar as cisternas de xurro?

 

Advertisements
Esta entrada foi publicada en O Trasno, Política. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s