“Non temos nada contra israelitas e xudeus. O noso problema é cos sionistas.”


Jorge Bandín e Juan Sabín

Sami AshourPasados uns meses da última masacre israelí na franxa de Gaza, Sami Ashour, presidente da Asociación Galaico-Árabe, concédenos unha entrevista para reflexionar sobre este conflito que ruboriza ás persoas de boa vontade.

P.: Antes de nada, gustaríanos saber quen é Sami Ashour e a Asociación Galaico-Árabe á que vostede pertence.

Sami Ashour: Son palestino, licenciado en Administración de empresas, vin a España en 2007, acompañado da miña familia, para realizar un Master e Doutorado. Aínda que non profesionalmente, por natureza e identidade vivo a política desde que nacín, xa que toda a miña vida, desde a infancia, está marcada pola ocupación israelí. Actualmente, traballo na Oficina de relacións Exteriores da USC.

En canto á asociación, ten xa 20 anos de existencia, foi creada entre amigos de nacionalidades moi diferentes (españois, sirios, palestinos, xordanos, arxelinos…) que perseguían e perseguen dous obxectivos: o primeiro, construír pontes entre a sociedade galega e o mundo árabe; e o segundo, a defensa da causa palestina.

P.: Como poderiamos explicar o conflito á cidadanía?

Sami Ashour: Non é fácil de explicar en poucas liñas. Non sabería se empezar co plan sionista de finais do século XIX, ou co apoio británico ás pretensións xudeas en Palestina no primeiro terzo do século XX, ou destacar a promesa de Gran Bretaña de crear o Estado de Israel. Tamén habería que falar de 1948, coa guerra e colonización de Palestina por parte de millóns de xudeus vidos de todo o mundo e cun financiamento tremendo, que axudou á expulsión de centos de milleiros de palestinos das súas casas e terras. E non debo esquecerme da guerra de 1967, cando Israel ocupa toda Palestina, os Altos do Golán e parte de Exipto.

En fin, o certo é que estamos ante un conflito político, non relixioso: Israel creouse en 1948 nun territorio roubado, expulsando a continuación o 78% da poboación palestina.

Posteriormente, máis de 110 resolucións da ONU (do Consello e a Asemblea) foron incumpridas por Israel.

P.: O Estado Palestino está en pleno proceso de acción diplomática de denuncia da recente agresión e dos crimes con ela causados. Como valoras este proceso?

Sami Ashour: tralos últimos 51 días de ataque, Gaza quedou esnaquizada, con barrios enteiros destruídos e sen nada resolto tralo fin da agresión.

A ocupación do Estado sionista agravouse os últimos oito anos, desde que gañou as eleccións de 2006 Hamás. Trala formación do novo goberno, cun primeiro ministro de Hamás, Israel esíxelle ao goberno palestino que recoñeza ao Estado de Israel. Hamás negouse e, na miña opinión, con razón. Para que recoñecer o Estado israelita? Eu creo que xa está recoñecido dabondo. Os palestinos xa recoñecemos o Estado israelí nos acordos de Oslo, onde se acordou un recoñecemento mutuo público tanto en Palestina como en Israel. Naquel momento, veu Bill Clinton, o presidente de EEUU, ao parlamento da Autoridade Nacional Palestina para escoitar o discurso de Arafat recoñecendo o Estado israelí e aceptando a convivencia entre ambos pobos a cambio dun recoñecemento por parte de Israel. A idea inicial era que Clinton, tralo discurso de Gaza, viaxase a Israel para escoitar o discurso do primeiro ministro isrealí aceptando o Estado palestino, pero Clinton viaxou a EEUU sen pasar por Israel.

Ao non aceptar Hamás, Israel empeza un criminal embargo económico sobre a Franxa de Gaza (continuo desde 2007) que se traduce na limitación de desprazamentos de persoas e mercadurías: non se pode viaxar con liberdade, non se pode importar nin exportar, faltan alimentos e medicamentos, non hai auga potable, é imposible desenvolver a economía ao non ser posible a entrada de cemento na Franxa… En definitiva, todos os días morre xente por culpa do bloqueo económico pero é que ata a xente está morrendo “en vida” porque non existe sanidade, nin ensino, os hospitais non funcionan.

Esta última guerra levouse máis de 2100 vidas e parouse cando lle interesou a Israel baixo a promesa do cese do bloqueo. Pero as cousas seguen igual que antes. Era todo mentira, falsas promesas. Hai miles de familias sen fogar en Gaza. A vida alí hoxe é tan complicada que moita xente perde a esperanza e desexa morrer por non vivir esta angustia. A xente non se suicida polas súas crenzas relixiosas, pero desexa morrer dalgunha forma.

P.: O embargo, o muro, a agresión constante de Israel… Como valoras o papel dos medios de comunicación occidentais na cobertura deste drama?

Sami Ashour: O papel dos medios de comunicación é moi limitado. Os grandes medios están totalmente controlados. Durante a ofensiva sobre Gaza, EL PAIS sacou un artigo que me ofendeu moito porque falaba de dous soldados israelís asasinados mentres que, no mesmo artigo, referíase ás decenas de victimas palestinas co término mortos.
A nivel político, os grandes partidos políticos escóndense, con algunha excepción honrosa a nivel individual, e os medios de comunicación manipulan.
Con todo, vimos moitos feitos de solidariedade na rúa e as redes sociais por parte da sociedade española e galega, o que nos dá moita alegría e satisfacción.

P.: Fálase moito na prensa occidental dunha guerra civil larvada no lado palestino entre Al Fatah e Hamás. Que hai de certo nesta afirmación?

Sami Ashour: Na miña opinión esta división é un punto negro na historia de Palestina, pero o problema de Palestina non é este, senón a ocupación de Israel.
Mahmoud Abbas, presidente da Autoridade Nacional Palestina, cre no proceso de paz e asumiu a responsabilidade de levar a cabo un proceso de negociación. Por desgraza, é un proceso totalmente fracasado e dubido moito que Mahmoud Abbas chegue a conseguir algo. É un proceso que empezou hai 23 anos e cada vez estamos peor. Cada vez que avanza unha negociación e estamos a piques de chegar a un acordo, Israel acaba cambiando de idea. E é que os obxectivos de Israel van máis aló de Palestina. Por iso, por exemplo, Israel négase a construír fronteiras. Interésalles seguir apropiándose de máis terras das que teñen. Estas negociacións non teñen ningunha saída.

A outra forza de palestina é Hamás e outros partidos políticos que os apoian. A súa postura é que as negociacións non van levar nada bo ao pobo palestino e, xa que logo, son necesarias outras vías. Hamás ten por aliados a outros países como Siria, Irán, Qatar e Turquía. Doutra banda, Mahmoud Abbas está apoiado por EEUU. A axenda política dos aliados destas dúas forzas son moi diferentes.
Hamás ve como unha humillación o ter que volver recoñecer ao Estado sionista, e agora reclaman o recoñecemento do Estado xudeu, sen garantir ningunha contrapartida. Creo que Hamás estivo disposta a recuperar o acordo de Oslo, pero para Isarel nin sequera iso é aceptable.

Agora a nova esixencia de Israel é que se recoñeza o Estado de Israel como un Estado xudeu. Como pode entenderse esta reivindicación á vez que se denuncia a Hamás por ser un goberno islamista? Son eles os que están fomentando que esta guerra se vexa como un conflito relixioso. Queren un Estado xudeu onde poidan vivir só xudeus. Isto é moi grave e ten consecuencias moi graves para os palestinos que viven alí.

P.: Para rematar, é sorprendente e esperanzador ver as ganas de loitar e de resistir que ten o pobo palestino, así como a importancia que dá á educación e á familia.

Sami Ashour: A educación valórase porque eleva as posibilidades de promoción persoal e colectiva de Palestina e tamén é unha posibilidade para moitas persoas ás que o Estado de Israel nega o dereito ao traballo.
A familia para os palestinos é moi importante. A miña familia forma parte do meu propio corpo. As familias palestinas seguen reuníndose todas as semanas para falar, celebrar, convivir. É un elemento fundamental na nosa cultura que nos axuda moito, e tamén nos fai sufrir cando estamos repartidos polo mundo.
Respecto da primeira pregunta, malia a forza que ten, Israel é un Estado que se creou sobre unha mentira. O pobo palestino nunca se vai render e iso sábeo Israel. Nós non temos nada contra os israelitas, nin contra os xudeus. Para nós o xudaísmo é unha relixión máis. O noso problema é cos sionistas, cos que levan armas para matar a palestinos, cos que din que hai que matar ás mulleres porque, din, procrean os futuros terroristas. Toda esa xente que vén desde todos os recunchos do mundo a vivir á Palestina ocupada deben de saber que non teñen dereito a facer asentamentos, esa terra non lles pertence e algún día terán que marchar.

Moitas grazas pola súa dispoñibilidade e ánimo pois na súa loita.

Advertisements
Estas entrada foi publicada en Actualidade, Entrevista ou páxinas centrais coas etiquetas , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s