Distintas formas de mirar a auga


Pedro Pedrouzo Devesa

Na novela Distintas formas de mirar a auga, Julio Llamazares nárranos o encontro dos membros dunha familia, motivado pola morte do avó Domingo, e o lanzamento das súas cinzas ao pantano que asolagou o seu pobo leonés, e mudou completamente a vida de ducias de familias que, como a protagonista, tiveron que refacer a súa vida a moitos quilómetros da súa casa.

Os sucesivos capítulos permítennos coñecer os pensamentos dos distintos membros desa familia tan diversos como cabería agardar. Os conflitos entre a morriña e o conforto, a lembranza e o esquecemento, a indignación e a dúbida, son latentes e continuos nos personaxes do libro e todos repensan os efectos que produciu nas súas vidas a construción do encoro.

A construción dos encoros é unha desas decisións políticas que che confrontan co poder, levan impresas as formas de dominio que exercen continuamente aqueles que están bendicidos coa súa variña. Son males necesarios que se executan de forma desigual: reportando grandes beneficios a uns poucos que se benefician da súa explotación, e malrepartindo os custos entre os moitos, polo pouco que reciben na expropiación e o moito que lles custa pagar o seu novo fogar.

É esa sensación de abuso do poderoso durante demasiados anos, actualizada coa recente estafa financeira das preferentes, a creba das caixas de aforros e os continuos e lamentables desafiuzamentos, a que parece estar detrás do enorme apoio que están tendo os dous novos partidos políticos: Podemos e Cidadáns. As enquisas saúdan con crecente agrado a irrupción destas dúas forzas políticas que semella viñeron para quedarse, e que están de feito igualadas co PP e PSOE que tan ben coñecemos. Son distintas formas de mirar a auga política.

Unha das cousas que me chama máis a atención é que mentres que Podemos parece situarse á esquerda do PSOE, Cidadáns é unha forza que se encontra entre PSOE e PP. De feito o seu electorado, ve con parello agrado unha coalición con calquera dos dous partidos. Iso pode ser un síntoma de boa saúde política. Cando sei o que os meus van facer, dáme máis ou menos igual con quen o fagan. Realmente o que chama a atención é que nos nosos países ibéricos, que tantos anos levan unidos no bo e no malo, non agrome a extrema dereita que tanto furor causa en países como Francia ou Grecia, algo que realmente é unha estupenda nova se temos en conta a capacidade que ten esa ideoloxía de parasitar o malestar social.

A finais de 2015 preséntanse as eleccións xerais máis igualadas e plurais da historia de España desde comezos da transición. A política recuperouse para a vida diaria e os seus debates veñen ocupando franxas horarias televisivas que reclamabamos desde hai moitos anos. A abundancia fíxonos estúpidos, a escaseza políticos. Desde Galicia, e vista a nosa recente historia política nacionalista non podo senón ter saudade do sentidiño perdido.

Advertisements
Esta entrada foi publicada en Política. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s