Conversas na casa do Romualdo


2013-09-06 16.12.25.redimensionadoFran Almuíña

Desde a Casa do Romualdo (Vilela-Taboada) iniciamos esta colaboración con Irimia, ocupados e preocupadas na vida rural e no seu futuro. Nesta primeira conversa participamos Fran Almuíña (casa do Romualdo), Anxo Moure e Marta Ocaña. Os tres somos repoboadores do rural galego, nas terras da Ribeira Sacra. Marta Ocaña, que naceu en Vigo, é mestra de infantil e Anxo defínese como Barqueiro de río, Ciclobibliotecario, Titiricleteiro e Contacontos do proxecto  www.contosolidarios.org. Ademais colaborou ben tempo coa revista Irimia. Compartimos, ademais, un itinerario vital con semellanzas: raíces no campo, unha mocidade e primeiras etapas profesionais en zonas máis urbanizadas e un retorno ás orixes, a habitar a paisaxe e a terra que nunca fomos quen de deixar de todo. Agora debatemos e imaxinamos fórmulas e discursos que rompan o abandono rural. Ofrecemos aquí unha versión resumida desta conversa.

Fran Almuíña: Anxo, ti xa tiñas unha certa relación de vello coa aldea, aínda que naciches na vila, en Chantada…

Anxo Moure: Pois si, toda a familia ten raíces na aldea, a miña avoa cunha explotación agraria durante a miña infancia e mocidade… Teño as lembranzas vivas: a malla de neno, todo o que alí acontecía e despois de mozo as escapadas cos catro irmáns en bicicleta, que eran a liberdade mesma. O río e a aldea era o noso pasatempo; agatuñar polas árbores, comer as cereixas. E, despois a vivencia da aldea como unha ocupación laboral, traballando na explotación agraria, vivindo, empapándome do que me contaba a xente… Todo vai entrando en ti para che dar unha visión realista. Finalmente, no meu caso, a aldea como ferramenta pedagóxica, porque o meu ecoloxismo nace na aldea e convértoa tamén nunha proposta ecoloxista, desde o campamento de educación ambiental, hai xa 25 anos, ata a propia casa na árbore, que é unha pequena instalación de educación ambiental que Marta e mais eu propoñemos neste momento.

Fran Almuíña: Daquela había nenos, veciños, toda unha vida de traballo en común que hoxe …

Anxo Moure: …practicamente desapareceu. Hoxe mesmo estaban todos os veciños a facer os chourizos. Aínda quedan redutos; pouco máis queda. No lugar da Igrexa, en Mariz, xa non vive xente; aí pode dicirse que desaparece algo milenario, pois desde hai miles de anos houbera un asentamento humano. Na nosa parroquia xa son varias as aldeas despoboadas, pero no conxunto de Galicia son moitas máis. Xapodemos falar da desaparición dunha cultura, dunha identidade, dunha maneira de convivir coa natureza. A aldea que lembro é unha aldea viva, con moita xente e inzada de nenos.

F.A.: E cando se propón un desenvolvemento rural, mesmo unha volta ao campo,estamos logo a falar de algo difícil, duro?

A.M.: Pode ser duro ou moi satisfactorio, todo depende da túa sensibilidade e da túa educación. Pode ser moi duro andar a apañar nos depósitos de lixo, pode ser moi dura a cidade e a fame na cidade. Ou poder ser duro estar só na aldea, pero tamén pode ser moi creativo, apaixonante, iso de sentirte ben contigo mesmo. E moi de dar esperanza. Non somos heroes, porque gozamos co que facemos, mais penso que quizais o máis revolucionario que se pode facer en Galicia neste momento non é o Podemos, nin o comunismo, nin esta ou aquela asociación en Vigo ou Coruña. A trincheira da revolución máis fermosa e máis esperanzada é cando unha familia, cando unha muller, como o caso da miña compañeira Marta, decide coller as maletas, toda a súa experiencia vital e marcha á aldea. Iso é moito máis que calquera manifestación en Santiago. A mellor manifestación é esa que facemos todos os días, erguéndonos e acendendo a cociña. Esa é a manifestación máis fermosa, a dos teus nenos que están respirando, están durmindo, están xogando, mentres quece o leite nesa cociña; cando colles as bicicletas para ires a Chantada ou a un colexio a contar contos, cando vas ao teu traballo que pode estar na aldea ou non, cando enterras as túas mans para plantar unha árbore.

F.A.:Pero ti estás falando dunha experiencia digamos dunha persoa que ten un xeito de entender a vida, unha militancia, un camiño andado, pero a xente nova que se propoña volver ao campo, por que porta entra?

A.M.: As portas son diferentes, diversas; hai moitas, mesmo se ti vas ao campo e mantés o teu traballo nunha vila a media hora da túa casa, o cal é perfectamente posible. En Madrid hai moita xente que bota todos os días dúas hora para ir e para volver do traballo. Manter o rural como lugar de vivir, recuperar a casiña, recuperar a convivencia cos veciños, pode ser dende un proxecto novo, distinto. Non ten que ser coma antes; pode ser o de agora.

F. A.: Marta, falabas antes dos nenos. Antes estaba cheo de rapaces; agora probablemente só estean os vosos dous pícaros. Daquela, socializar nunha contorna de vellos é difícil, e para a xente nova ver que iso ten esperanza, futuro, viabilidade…

Marta: De feito, se non tivésemos o noso proxecto educativo, a Casa na Árbore que é a nosa proposta como familia, estes nenos nosos estarían illados. Hai unha nena, pero o resto son maiores. Unha das maiores satisfaccións de vivir na aldea son as relacións persoais cos veciños e veciñas, pero non hai nenos, e durante os tres primeiros anos de vida dos nenos, se ti non te moves e intentas atraer familias á túa casa os teus nenos non terían con quen falar. Pero, para min, as vantaxes superan os inconvenientes. Estes nenos teñen unha sensibilidade diferente. Por exemplo, unha cousa tan trivial coma o frío, a saúde: nós non temos calefacción en toda a casa. Non é necesario vivir coma antes, pero si, situándonos no presente collemos cousas do pasado. Nós temos unha horta familiar pero escoitamos ás vellas do lugar. Por outra parte, veñen nenos e nenas de fóra polo noso proxecto educativo. Para poder facer que a xuventude crea na aldea son necesarios proxectos innovadores.

F.A.:E neses proxectostense a idea da aldea coma un espazo agrícola, gandeiro, relacionado coa natureza. Pero hoxe en día a xente o que quere é unha rendibilidade que lle permita vivir cun modelo parecido ó urbano.

M.: Claro, para dar ese paso, tes que cambiar algo a mentalidade; se vas vivir na aldea con mentalidade urbana vas fracasar. A nivel emocional, primeiro, porque non o aturas, non tes certas comodidades… Eu idealizábaa, vin coma quen vai a un conto de fadas onde todo era precioso. E logo vas vendo que hai cousas que son máis duras. O do frío, para min era aterrador ao principio; agora non. Hai cousas mellores e cousas peores. As relacións sociais son máis limitadas pero máis intensas. Daste de conta tamén de que hai cousas das que non debes falar, porque son señoras de setenta e oitenta anos cunha mentalidade moi diferente á nosa, e ti non podes chegar cunha mentalidade neoecoloxista e arramplar con todo. Temos visto cousas coas que non estamos de acordo, pero sabemos calar. Dar ti exemplo na túa casa, facendo á túa maneira, pero non podes chegar e intentar cambiar toda a vida.

A. M.: Non podes chegar contra unha xeración que está desaparecendo. O que ti podes é empaparte do mellor deles, achegar o que ti che achegou a túa educación e sensibilidade, e crear un modelo mixto de nova aldea, no que se colla o mellor da convivencia de antes, o que ti dicías da solidariedade, de ir sachar xuntos, sen idealizar. Eu faría isto: escoitar, coller o mellor deles, peneiralo e mesturalo co mellor noso, co que traemos aprendido das nosas vivencias coma xente con novas sensibilidades. Trataríase de crear un novo modelo de vida, de futuro, que faga atractivo, dunha vez por todas, o vivir na aldea, especialmente nunha sociedade tan ben comunicada. Hoxe na aldea pode vivir un editor de libros ou unha produtora de cine. Coas redes pode existir calquera empresa. Hai moitas empresas, grupos de música cos seus estudos de gravación, nos Estados Unidos, que están nas aldeas.

Marta: A min paréceme moi interesante explicarlles aos que non viven nela que vivir na aldea non é estar todo o día coas vacas. Iso será unha parte se ti queres. Hai máis. Na aldea hai cultura. É que verás, dende que vivo aquí, quizais porque estou máis alerta, escoito cousas erróneas. Non somos un zoolóxico, non necesitamos que veñan dicirnos “ai, que valentes”, non, non é iso. Isto é outro estilo de vida, outra visión da vida, hai cultura. Temos un veciño poeta que foi o primeiro que editou en Alvarellos, non? É un home que vai na súa moto sachar nas patacas pero tamén está logo na súa casa co seu móbil. Vivir na aldea non é como a principios de século. Hai cousas que se perpetúan, porque son positivas. Teño as zocas, pero tamén botas de goma, e temos coche, e usamos a bici. Hai unha parella de veciños nunha aldea en Monforte. Un é americano e outro é inglés, rapaces novos que empezaron dende cero nunha aldea despoboada. Quizais parte do futuro sexa algo así, non? Recuperarmos aldeas sen xente. Este rapaz acaba de publicar unha novela, é dicir, é un tipo de vida rural pero modernizado. Dende logo a nivel persoal é a maior aprendizaxe da miña vida, e como mamá é o mellor regalo que lle dei aos nosos fillos. Eu non o cambio por nada.

A. M.: Eu penso que poden convivir todos os modelos, porque a aldea é moi ampla: o máis tradicional, coa túa horta ecolóxica, as túas pitas, o gando… E que saias vender, porque hai miles de proxectos. Alí onda nós hai un rapaz que deseña páxinas web, dende a aldea; outra rapaza que toca a pandeireta… Os modelos son infinitos, simplemente hai que entender e sentir que se está a perder algo que nos pertenceu, algo que nós vivimos e respiramos, unha cultura enteira. O importarte é, neste momento, recoller todo ese legado e transformalo; que ese sexa o humus para crearmos un novo xeito de convivencia.

Advertisements
Esta entrada foi publicada en Entrevista ou páxinas centrais. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s