Fai falla celebrar o 8 de marzo?


Responden:

Beatriz Estévez

Beatriz Estévez

Vou falar dende min mesma. A pregunta non é por que son feminista. A pregunta é: e por que non? Aínda diría máis, por que non o somos todas?

Contrariamente ao que a meirande parte da xente cre, a palabra Feminismo significa: “Movemento que loita pola equiparación dos dereitos políticos e civís da muller cos do home”.

Como non organizarse, solidarizarse e continuar formándose na perspectiva de xénero, para ter máis argumentos dos que xa nos sobran? Como mirar para outro lado ante o goteo incesante de vítimas? Como ignorar esta sangría interminable? Cada vez que vemos nos medios outro asasinato dunha muller, algo dentro de cada unha de nós tamén morre con ela.

Só un dato: nun ano morren máis mulleres por violencia machista ca vítimas do terrorismo de ETA houbo en dez anos (en 2014 houbo 59 asasinadas). Pensade que ocorrería se o próximo ano morreran 60 homes a mans das súas compañeiras, parellas, ou amigas. Como reaccionaría a sociedade? Deixo esa reflexión.

Por outra banda están os chamados “micromachismos” de cada día. Por que temos que seguir soportando as babosadas que nos soltan pola rúa, no bar, no pub? Por que aturar os insultos, o trato degradante, o acoso cotián, as malas contestacións, o desprezo, o non sermos valoradas no noso posto de traballo… só polo feito de ser mulleres?

Vivimos no século XXI e as mozas cren que é normal que a súa parella as controle, xa sexa polo móbil, pola rede ou vixiando; que é normal que non lle guste que vaia coas súas amigas, ou vestirse de determinada maneira. É este un dato grave ao meu xeito de ver. Ademais, aínda pervive no inconsciente colectivo a resposta instantánea ante unha nova agresión sexual ou asasinato, “algo faría para merecelo”.

Segue sendo crucial unha educación non sexista, con perspectiva de xénero, unha preparación da mocidade nos postulados feministas, ou senón a sociedade estará perdida.

Tampouco podemos pasar por alto o feito de que as políticas de recortes nos roubaron ás mulleres dereitos fundamentais, que custaron moitos anos e moito esforzo conquistar, sobre todo no referido á saúde sexual e reprodutiva, impoñendo normas sobre os nosos corpos en definitiva.

Que se segue sendo necesario celebrar o 8 de marzo? Tristemente así é.

Beatriz Estévez


Marisa de Corme

Marisa de Corme

…Porque a fenda salarial entre homes e mulleres leva 5 anos medrando sen parar. Segundo os últimos datos, no Estado español as mulleres cobran un 24% menos que os homes. Galicia está por riba deses datos medios. Na nosa comunidade a fenda salarial aumenta: os salarios dos homes baixaron un 1,4% e o das mulleres un 3,3%. Hoxe somos a segunda comunidade cos salarios máis baixos.

…Porque a miña filla segue tendo que aguantar a violencia dos comentarios subidos de ton dos mozos que a ven pasar disfrazada… exactamente igual que os tivo que aguantar a súa nai e a súa avoa.

Porque as novelas máis lidas e as películas máis taquilleiras seguen sendo aquelas nas que é máis explícita a violencia contra as mulleres, unha violencia gratuíta e de sometemento. Aínda non recuperados daquela delirante saga para adolescentes de vampiros machistas (dunha autora mormona afín ao tea party) chega a sombra do patriarcado para persoas adultas (que non maduras)… E o máis penoso é ver como os medios de comunicación, mesmo os máis “progres”, se renden a esa violencia sen que se escoite unha soa voz crítica que poña en evidencia a patente discriminación.

Marisa de Corme


Eva Queiro

Eva Queiro

Nunca me gustou o de “día da Muller traballadora”, porque as mulleres traballaron sempre. Antes, as tarefas da casa, o coidado dos fillos, etc, non se consideraba traballo. Outra cousa é que por estar tan discriminadas non se lles daba valor nen ás mulleres nen o traballo que realizaban. Ese era un dos motivos polo que apenas se lles pagaba cando traballaban para fora, traballaran as horas que traballaran. O de cotizar ou seguridade social nin se pensaba, ademáis non era necesario pois como tiñan que depender do home para todo, xa cotizaban eles. E se non tiñas home tiñas que buscarte a vida e depender da caridade.

O “Día 8 de marzo” para min significa recoñecer e recordar a loita de todas as mulleres dende 1908.

Que celebro? Celebro todas as conquistas que fomos conseguindo, os pasiños que vamos dando. Celebro a independencia de tantas Mulleres…, sobre todo a independencia económica. Celebro a forza e a vida de tantas Mulleres que van quedando polo camiño.

Como o celebro? Reuníndome con outras Mulleres: concentrándonos, vendo e comentando algunha película que teña que ver co tema das Mulleres, asistindo a conferencias ou ós diferentes actos que soemos programar ou que programan outras mulleres.

Eva Queiro Uhía

Advertisements
Estas entrada foi publicada en A pregunta coas etiquetas , , , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s