Falando de XÉNERO


Foto páxina 10

Marisa Vidal Collazo

1 Este texto está feito a partir do artigo Género, de Rosa Cobo Bedia, 10 Palabras clave sobre mujer, AA.VV. Ed. Verbo Divino. Estella Navarra. 1995. 

 No século XVIII, na Ilustración, os filósofos deron en que as desigualdades non son un feito natural, senón histórico… E así as mulleres adquirimos argumentos para denunciar a propia situación de opresión. Rousseau foi dos que máis elaborou esta teoría das desigualdades no plano social, político e económico… Pero non incluíu as mulleres. De feito, foi o maior teórico do sometemento da muller á que lle asignaba unha tarefa “natural” -a de esposa e nai- nun espazo “natural” -o doméstico-. Nese tempo, en Inglaterra, a filósofa Mary Wollstonecraft (1729-1797) denunciou o pensamento patriarcal de Rousseau e de moitos ilustrados que definían as mulleres como seres inferiores aos homes.

No século XIX as cousas complícanse para as mulleres: xorde o ideal romántico e a súa misoxinia (idealizar a muller en base á súa inferioridade) defendido por Hegel, Schopenhauer ou Nietzsche, pero tamén se producen as duras loitas das mulleres sufraxistas que queren acabar con eses prexuízos. En 1949 a filósofa francesa Simone de Beauvoir publica O segundo sexo e desenvolve o concepto de xénero: “Non se nace muller, chégase a selo. Ningún destino biolóxico, psíquico ou económico define a figura que reviste no seo da sociedade a femia humana. É o conxunto da civilización a que elabora ese produto ao que cualifica de feminino”.

O Feminismo ten como obxectivo poñer de manifesto que o rol social asignado ás mulleres non ten orixe natural nin divino, senón social. É a sociedade patriarcal a que elabora o discurso da discriminación de xénero. O feminismo critica as construcións teóricas nas que se apoia e fai emerxer da historia as voces silenciadas que defenderon a igualdade.

E o traballo é moito, pois toda a construción de pensamento (ciencias, humanidades, teoloxía,…) está feita dende o lugar dos homes. Ningunha das grandes correntes do pensamento se decatou nunca da opresión das mulleres nin contou con elas á hora de pensar o mundo e a realidade. Por iso a introdución dos estudos de xénero, a teoría feminista, abre un espazo teórico novo.

Por outra parte, unha sociedade construída sobre a desigualdade xera mecanismos que xustifican e lexitiman esa desigualdade. Así xorden os estereotipos de xénero, que xerarquizan o valor das persoas en función do seu sexo. Por iso o traballo feito por mulleres resulta socialmente menos relevante, pois as mulleres somos un colectivo minusvalorado. Tanto é así que non existe ningunha sociedade na que as mulleres teñan máis poder, (ou o que é o mesmo nas que o seu traballo teña máis valor) que o dos homes.

As discriminacións de xénero “mamámolas”. Os xoguetes, os libros, a ocupación dos espazos, a televisión, a familia, a escola… son lugares onde se reproduce a desigualdade dos sexos, e deben ser esencialmente modificados se se quere eliminar a discriminación. É imprescindible un movemento feminista forte que se despregue en todas as frontes posibles -partidos, cultura, relixión, medios de comunicación…- e que nos faga ser quen de distinguir nas diferenzas entre homes e mulleres o que é biolóxico e que é elaboración social. Así quedará patente que o patriarcado é cuestión de vontade e responsabilidade humana.

Advertisements
Esta entrada foi publicada en A pregunta. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s