“ A actual política económica é unha fraude á cidadanía e unha ameaza para o futuro”


IMG_4132.redimensionado

Aldegunde Quiñones

Xavier Vence é portavoz nacional do BNG e catedrático de Economía Aplicada na Universidade de Santiago de Compostela. Nun momento no que xa se achegan as próximas citas electorais, quixemos preguntarlle polas propostas da súa formación política para as necesidades da nosa sociedade (futuro dos sectores estratéxicos, servizos sociais, situación da lingua) e tamén polas expectativas do seu partido ante ese ciclo electoral.

Os orzamentos deste ano 2015 son os que precisa o noso país para saír da crise?

En absoluto, porque neles recóllese unha redución drástica do gasto público e supoñen a aplicación de políticas que levan ao desastre económico e tamén social. Para saír da crise o sector público debe tirar da dinamización económica e en Galiza está pasando o contrario: contribúe á contracción da actividade, destruíndo emprego e reducindo capacidade de demanda. A estratexia destes últimos anos parécenos completamente equivocada e fai que se prolongue a crise e o devalo económico e demográfico do país, unha calella sen saída que hai que reverter o antes posible.

Que propón o BNG para reversión?

Defendemos unha política oposta á do Partido Popular que se resume nunha intervención máis activa a través do gasto público na dinamización da produción, de apoio aos sectores produtivos (industria, agricultura, pesca, comercio) e creación de emprego no sector público para mantermos a calidade da sanidade da educación e os servizos sociais e que permita reter o talento da xente nova (por iso tamén propoñemos a ampliación dos fondos de I+D+i).

E iso como se pagaría?

Habería que financialo cun cambio de prioridades: en lugar de gastar en obras e privatizacións de servizos o BNG aposta por unha estratexia de recadación máis potente, sobre todo a través dos impostos ás rendas altas, aumentándolles o tipo fiscal no IRPF e no imposto do patrimonio para que as grandes fortunas contribúan minimamente á reactivación económica; tamén mediante un imposto ás grandes superficies, que son un dos factores que están desmantelando unha parte noso tecido produtivo comercial; e en terceiro lugar un imposto para a banca, xa que a estamos rescatando entre todos, que tamén ese sector contribúa dalgún xeito ás arcas públicas.

Se non dá resultado, por que se persiste neste tipo de modelo económico?

O resultado vémolo decotío. A saída da crise dunha economía financiarizada e especulativa que caracteriza o neoliberalismo non vai vir pola vía de radicalizar aínda máis ese modelo, que é o que está facendo a dereita a nivel europeo, español e galego. Iso só deteriora máis a situación e a vida da maior parte da poboación, cun empobrecemento cada vez máis alarmante de amplas capas da sociedade e cun aumento enorme das desigualdades. Iso é un erro en termos económicos, unha fraude á cidadanía e unha ameaza para o futuro da nosa sociedade.

SECTORES ESTRATÉXICOS

Que vai pasar coas explotacións galegas de carne e leite?

O sector primario está nunha situación de devalo e desmantelamento. No tempo que leva gobernando Feijoo perdéronse na agricultura uns 6000 empregos e a caída continúa. E no sector pesqueiro igual. Estamos chegando a un nivel de destrución do campo e o mar absolutamente irracional nun país coas condicións naturais e a experiencia histórica que temos. A desregulación que afectou a estes sectores, froito da aplicación das políticas comunitarias levou a un peche continuado de explotacións. Hoxe temos menos de 40.000 persoas no agro galego que coticen na Seguridade Social, unha cifra ridícula. Para facernos unha idea, é inferior ao que ten no agro a provincia de Murcia. Isto é obvio que é un despropósito froito de non adaptar as políticas agrarias ao noso sector.

Daquela, cal é a solución para salvar estes sectores?

Nós propoñemos un cambio radical tamén neste eido porque a agricultura ten que ser unha peza moi importante de creación de emprego e de riqueza. É a única forma de manter ocupado o territorio nunhas condicións de vida digna: é unha fortaleza que non podemos desperdiciar. Ademais, o desenvolvemento da agricultura vai moi ligado ao do sector industrial de transformación. Hai que ver isto integrado, coma unha cadea que vai desde a produción agraria de base até a transformación industrial dos produtos que o requiren, coma o leite e derivados e logo a propia comercialización.

Poderíase dicir outro tanto do sector forestal?

Si, porque temos un potencial no monte moi importante, non só como aproveitamento forestal senón tamén para gando de carne ou produtos silvestres, pero non hai un plan para sacarlle partido. Crearíanse moitos empregos, pero hai que poñer en marcha políticas para facelo.

E entrementres, as provincias de Lugo e Ourense están en camiño de desaparecer.

E non só: toda a franxa interior que vai máis alá dos 30 km. da autoestrada AP9 está converténdose nun deserto. A provincia de Lugo -agás a Mariña e a capital- está nun proceso de declive económico e baleiramento demográfico difícil de recuperar. E Ourense é case toda provincia a que ve como se abandonan un lugares e aldeas, un ermo en canto a actividade económica. Pero tamén no interior de Pontevedra hai ese problema.

Ese abandono tamén ten outros efectos colaterais.

Si, porque os lugares e terras abandonadas son pasto dos incendios cada pouco tempo e nalgúns casos dan lugar a unha fácil implantación do monocultivo do eucalipto. Isto é unha bomba dende o punto de vista ecolóxico.

E logo, hai posibilidade de recuperación e vida digna para o rural ou non?

Solucións hai. No sector agrario hai que defender as especializacións que temos hoxe (o leite e a carne) que requiren unha política máis activa para a súa protección mediante unha negociación de prezos que manteña a viabilidade das explotacións. Temos tamén un enorme potencial para a produción de froita e horta e estase a aproveitar só nunha pequena parte. Ademais, a horta crea moito emprego, á parte de producir produtos de calidade para seren vendidos en proximidade (para así evitar o produtos de importación que pasaron polas cámaras frigoríficas ou procesos de transformación que son pouco saudables e pouco ecolóxicos).

A situación da pesca tampouco non se pode dicir que viva o mellor momento.

Na pesca, igual. Vemos como nos machacan a actividade do cerco e do xeito e si se poden facer cousas mediante unha negociación a fondo e en serio dos nosos intereses, pero a Xunta de Feijoo ponse de perfil e pasa, e ao goberno español impórtalle pouco o que lle ocorra aos nosos sectores básicos.

Está a sociedade resignada ante esta situación?

Vivimos nun sistema no que o poder económico é moi forte e a sociedade ten unha sensación de impotencia ante as directrices que este marca. Nós o que facemos é explicar as consecuencias das políticas que se veñen impoñendo desde arriba, que son posibles outras alternativas habendo vontade política e en terceiro lugar, organizando a contestación da xente. Ademais, o poder económico tamén ten a capacidade de controlar os medios que crean opinión, así que é unha loita moi desigual. A esperanza que eu teño é que aquelas persoas con vontade de manter un estado de benestar para elas e a para as xeracións futuras, á vista da desfeita destas políticas, reaccionen para manter o tecido social.

EXPECTATIVAS ELECTORAIS

O BNG agarda esa reacción nas próximas eleccións?

Neste ano temos as municipais e xerais, moi importantes, e no 2016 as autonómicas. Eu espero que neste ciclo de tres procesos electorais sexamos quen de provocar un auténtico punto de inflexión para derrotar o PP e as políticas máis abertamente neoliberais e poder poñer en marcha unha estratexia diferente e sentar as bases dun futuro con emprego digno e non o ultraprecarizado que é o que, no mellor dos escenarios, nos ofrecen agora. O BNG está agora abrindo a organización en asembleas abertas para que máis xente poida colaborar nun proxecto que entendemos que é do interese da maioría da poboación.

Por que o nacionalismo non tivo nunca un apoio maioritario?

A hexemonía da dereita no noso país vén de vello. Aínda que pareza que nos remontamos moi atrás eu creo que o que ocorreu ha Guerra Civil está marcando o noso presente. Galiza quedou desde o principio da guerra baixo o réxime fascista e os mozos que daquela tiñan uns 20 anos foron obrigados a loitar nese bando. Iso creou unha complicidade ideolóxica moi forte nunha xeración que hoxe ten arredor dos 80. Despois viñeron os 40 anos de ditadura que consolidaron esa ideoloxía. Por outra parte -e a diferenza doutros territorios- os galeguistas foron varridos con fusilamentos ou co exilio, o que debilitou moito as posicións do nacionalismo. Noutras partes, durante a guerra non ocorreu iso senón que houbo mesmo unha revolución social defendéndose fronte ao fascismo e iso deixa un pouso na sociedade completamente diferente. Na miña opinión iso explica o comportamento conservador e o apoio ao franquismo, a Fraga e ao PP. Sobre ese poder capilar desde a transición, consolidaron o poder no período democrático e o control absoluto da maior parte das institucións que se transmitiu tamén ás novas xeracións.

E iso segue explicando a actual forma de votar en Galicia?

Malia iso, desde finais dos 80 a sociedade galega galega está dividida en dúas metades: unha que apoia o PP e outra que apoia a esquerda e o nacionalismo. Aínda habendo este equilibrio, a báscula, agás nun único mandato sempre se inclinou do lado do PP. Ese caldo de cultivo é o que lle permite á dereita manter ese poder que parece omnímodo. É un partido que segue alimentando a ideoloxía franquista que era moi centralista e antinacionalista, á parte de moi conservadora noutros aspectos.

Ademais, non temos un empresariado que aposte por un proxecto nacional. A elite social crea tendencia de opinión para o resto e se ela non aposta por un proxecto nacionalista é difícil que o resto da sociedade se lance a apoialo dun xeito maioritario. E logo temos un panorama mediático que traballa do discurso español centralista de xeito sistemático.

Pero algunha responsabilidade terán os partidos políticos nese comportamento electoral.

Non imos poñer todas explicacións no ámbito estrutural senón tamén recoñecer erros que se puideron ir cometendo ao longo do tempo por parte das forzas políticas nacionalistas á hora de chegar á sociedade e de comunicar o seu discurso e facelo atractivo para a maioría da poboación.

Iso é o que temos que mellorar no futuro e de nós depende. Como traballamos mellor na sociedade, como comunicamos mellor o noso proxecto e como organizamos mellor a segmentos que están interesados na defensa do país.

A aparición doutras opcións no nacionalismo fai que se gasten enerxías en contra de quen non se debe?

O noso rival político, para que non quede ningunha dúbida, son as forzas da dereita, as que representan o proxecto neoliberal e centralista. Demostramos no pasado e no presente que con aquelas forzas progresistas que poida haber no país somos capaces de entendernos. Compartimos goberno da Xunta co PSOE e tamén en concellos. O que ocorre con outras forzas son, en todo caso, disputas de como debe ser o proxecto político para o país pero os nosos rivais están perfectamente identificados.

Esa fragmentación do voto sempre vai favorecer a dereita.

Neste momento hai estratexias dos poderes económicos e mediáticos que queren debilitar a emerxencia dunha alternativa crible ao PP e están pola fragmentación da esquerda. Malia iso, a situación económica é tan calamitosa que non van poder conseguilo. Nós intentamos defender un proxecto nacionalista de esquerdas pero non imos perder nin un minuto en pelexar con eventuais alternativas que aparezan. O electorado debe ser o suficientemente maduro para ver cales son as opcións que poden defender con solidez a alternativa a ese proxecto destrutivo da dereita neoliberal e centralista e que traballa para esa elite residenciada en Madrid, que son os grandes lobbies, as grandes corporacións (o capital financeiro, as eléctricas, as grandes construtoras, as grandes empresas de distribución…) que comparten ese proxecto.

Cal sería un bo resultado nas municipais e autonómicas?

Un que permita derrotar ao PP en todas as cidades galegas e nas principais vilas. Para o BNG en concreto, o obxectivo é reforzar a nosa presenza nesas cidades, porque a Galiza urbana é a que marca o pulso político do país e consolidar as alcaldías nas que estamos gobernando, xa que se está facendo unha boa xestión (algunhas delas vilas importantes coma Carballo, Bueu, Poio, Tomiño, Ribadeo…) e espero que poidamos gañar presenza e gobernos nalgunhas outras vilas. Un resultado que supoña un punto de inflexión para continuar nas xerais e autonómicas e que permita que no 2016 poidamos ter un goberno alternativo ao do PP no que o nacionalismo sexa determinante e, podendo ser, aspiramos a lideralo.

E nas xerais?

É importante que o nacionalismo garanta unha presenza forte no Congreso dos Deputados porque pode ser unha lexislatura na que haxa condicións, se hai unha derrota severa do PP, para renegociar cuestións moi importantes da conformación do Estado, da estrutura territorial, de revisión da constitución ou mesmo de elaboración dunha nova. Sexa como for, Galiza necesita esa presenza para defender os intereses de Galiza como nación, os nosos intereses económicos.

OS SERVIZOS DE BENESTAR

Os recortes en sanidade vémolos e padecémolos día a día. En que punto se atopa a nosa situación sanitaria?

A sanidade é un servizo básico que ten que ser público universal e gratuíto. Ao longo das últimas décadas, co esforzo de todos construímos un sistema público bastante potente. Agora o PP aproveita a crise para desmantelar ese sistema, reducir a súa dimensión, para privatizar unha parte dos servizos sanitarios e abrilo ao negocio privado, que é unha das liñas de futuro do capitalismo especulativo. Se un ve cales son os fondos de investimento que mellor funcionan no mercado financeiro verá que son os que invisten en sanidade.

E como afecta isto aos pacientes?

Van recibir unha sanidade de peor calidade e máis cara, porque todo o negocio privado que se realiza polo medio vai saír do orzamento público ou do copagamento que se lle impoña á xente. Nesa deterioración algúns danos son dificilmente reversibles. Se o problema é a redución do investimento e o empeoramento da calidade pode recuperarse con esforzo inversor, pero cando o que se realizan son contratos e concesións con empresas privadas a trinta ou cincuenta anos, recuperalos para o sector público é complicado e sobre todo, caro. Hai que evitar que ese proxecto, que o PP vai cumprindo de xeito calculado e milimetrado para non espertar demasiada contestación, continúe avanzando.

Nesa peor calidade inclúense os desprazamentos de pacientes entre provincias por non haber servizos abondos na súa, como é caso da chamada ruta do cancro de Lugo á Coruña.

Na sanidade non se pode actuar con criterios de rendibilidade senón que hai que prestar un servizo e facelo en proximidade. Non se pode forzar a enfermos a desprazamentos de 150 ou 200 km. como ocorre coa radioterapia ou hemodiálise, non é xusto. Isto obedece a unha estratexia do PP de concentración dos servizos para logo privatizalos e que sexan máis rendibles cando sexan explotados con criterios privados.

Un caso paralelo afectado polos recortes é a educación.

Na educación hai tamén unha estratexia de reducir a educación pública para abrilo ao sector privado. Fano nese momento no ensino medio e un queren amplialo ao ensino universitario. Iso significa un ensino excluente para a maioría da poboación. A aposta da xunta é a de favorecer o ensino concertado reducindo do público. O criterio de non repoñer as prazas de xubilacións ten como obxectivo consolidar a redución do público para que quede máis espazo para o privado, ao que se destinan máis recursos. Vemos que en determinados sitios pode dar axudas para centros concertados onde ao mesmo tempo se pecha un centro público.

O ensino público é un espazo de igualdade e de creación de igualdade de oportunidades. Se non é así faise unha sociedade máis desigual e onde as familias máis humildes teñen moitas máis dificultades de acceso aos niveis superiores e consolídase a preeminencia da elite na sociedade.

A LINGUA

A nosa forma de estar no mundo é estar en galego. Que opina sobre os datos do Instituto Galego de Estatística que constatan a caída de falantes?

O uso, a estima e o cultivo da lingua vai moi ligado á propia visión e á confianza que se ten no propio país. A valoración do idioma coma unha ferramenta de comunicación normal na nosa sociedade, como un país con futuro, que se quere desenvolver para ser un espazo dinámico de vida para a nosa poboación. Quen defende a lingua defende un futuro par el e que ten unha visión do país subordinada e seguidista dun discurso español madrileño despreza ou descoida a lingua. Nos últimos anos houbo un proceso de devalo que é complexo. Algo que ten que coa desruralización, xa que no ámbito urbano o galego sempre foi minoritario e ségueo sendo. Os poderes públicos non contribuíron nada para preservar ou incrementar os espazos de uso para o galego.

Que parte de responsabilidade ten o actual goberno?

Houbo un punto de inflexión que foron as campañas do PP nos anos 2007 e 2008 en contra da aplicación no ensino do Plan de Normalización do galego que implicaba garantir, cando menos, o 50% das materias en galego. Esas campañas e o que fixo despois dende o goberno produciulle un enorme dano ao galego. Non só porque minguou a importancia cuantitativa do galego no ensino senón porque minou a estima e o prestixio do idioma e sementou a idea de que non é un activo ou un elemento fundamental na nosa sociedade senón que é un problema. Iso agravou moito a situación e o dano na conciencia colectiva foi terríbel.

Pero non só é no ensino onde a lingua é minoritaria.

Non, os datos estatísticos revelan unha caída que está en consonancia coas dificultades estruturais que ten unha lingua sen estado e sen un espazo de comunicación propio, pero tamén a influencia dunha política estigmatizadora e que facilitou o acantoamento do galego nestes anos. Efectivamente, o problema do galego non está só no ensino senón no que non se fixo (dende os inicios da autonomía ) pola promoción no mundo dos negocios, da xustiza, da comunicación… (agás os públicos son case exclusivamente en español). Isto é unha barreira enorme para a lingua. Se todos os xornais, todas as canles de televisión e todas as radios son feitas en castelán e ignorando a cultura do país fai que o proceso de devalo sexa case inevitable.

Que hai que facer para inverter a tendencia?

Cómpre recuperar espazos para o galego en todos os ámbitos: no ensino, nos medios, na sociedade, na empresa, na xustiza… Só cunha acción decidida dende as institucións e acompañada de sensibilización e valorización do propio se podería inverter a tendencia. Calquera idioma que non teña un estado propio detrás teno moi difícil no mundo actual. Conservar e ampliar os espazos da lingua sen que Galiza o teña require un esforzo permanente nunha loita moi desigual e que esixe ter tensionadas as institucións e a sociedade civil. Un labor que esixe moito esforzo colectivo.

Advertisements
Estas entrada foi publicada en Entrevista ou páxinas centrais, Uncategorized coas etiquetas , , , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s