Os cartiños do templo


Daniel López Muñoz

O códice Calixtino, do século XII, gardaba moitos segredos. Cousas do vello camiño de Santiago, músicas antigas, Milagres que chegaron a traducirse ao galego no século XV… Pero o segredo sorpresa foi unha pequena revelación do como, do quen e do canto das finanzas da catedral.

Por mor do roubo e do xuízo vimos vídeos no que un señor, día si e día tamén –pero disque máis ben a partir do 20 de cada mes, que é cando a cousa está nutrida- entra nun cuarto no que hai un armario aberto, unha mesa, uns caixóns… E por alí había cartos en montonciños. E petisca un pouco da morea da caixa, e fisga por aí debaixo e apaña algo de cambio do caixón e uns papeis que pasaban por alí. Debía estar organizando a enleada. E a acusación sostén –á espera da sentenza cando isto escribo- que organizou, petisco a petisco, outro petiño na súa casa, cousa de dous millóns de nada, cun piso na praia pagado en man…

Algo notaban os administradores”, revelaron os do cabido para alivio noso. Algo notaban, madía leva, inda que deixaron ir indo a cousa, se cadra polo “escándalo” maiúsculo, que non se sabe exactamente que significa posto en boca de deáns e coengos.

Escándalo será esa falta de administración das colectas. A catedral, e a Igrexa, terían que baixar da estratosfera da irresponsabilidade financeira, e administrar e dar contas. Con sentido común e un sistema contable laico. Primeiro, que menos, contar o que se recada (coas debidas garantías, con dous ou máis contadores controlados), despois custodiar e contabilizar, con sistemas homologados, claros e fiables e, finalmente, dar contas ao público dos ingresos e dos gastos. E controlar os electricistas.

Xa non vale ter millóns de euros en moreas e petiños e deixar que a catedral se veña abaixo para provocar a restauración con diñeiro público e doazóns privadas, mentres “persoal de confianza”, e outros arrimados organizan o froito da colecta. Escándalo, si, resulta o feito de que hoxe mesmo na páxina web “Tu catedral te necesita” (http://www.ayudaalacatedral.es/proyecto/10) se estea recadando, entre outros proxectos, para restaurar a fachada do obradoiro e que se dea a fatal circunstancia de que a cantidade obxectivo para realizar a obra sexa 1.700.000 euros, xusto a que no sumario se di que apareceu en certo piso do Milladoiro.

Advertisements
Estas entrada foi publicada en O Trasno coas etiquetas , , , , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s