Vidas sólidas


Daniel López Muñoz

Era cousa normal naquelas xeracións que ían preparando a saída do século XX. “Coherencia”, “autenticidade”, “compromiso”, non eran só palabras, senón vectores, frechas que apuntaban, inspiraban e iluminaban.

O mesmo día que Ernesto Cardenal cumpría os noventa anos, leo a entrevista que vai neste número a don Daniel de Sobradelo e a sensación é semellante: unha solidez admirable e desafiante ou, como se dicía daquela –outra palabra xeracional- “interpelante”.

A peripecia vital de Cardenal e o seu legado de vida interior son alimento e referencia: militancia e espiritualidade, intensa e vital mocidade, monxe trapense, poeta amoroso e místico (u-la diferenza?), creador da comunidade de Solentiname, referente moral da revolución, ministro de cultura sandinista, símbolo da Igrexa de base que Wojtila aborreceu, e outra volta crítico e opositor cando a revolución foi traizoada, …para recomezar sempre.

A mesma pasta, materiais semellantes, foron construíndo outras vidas, máis anónimas, pero máis próximas, como a do noso entrevistado. Pedra de granito e unha fe que busca e arrisca, cerna de castiñeiro e esa esperanza contra toda desesperanza, lousa protectora e esa querenza pola xente, natural e fonda, de abaixo a arriba.

Nostalxia do futuro era o título daquela lembranza de Solentiname feita por Ernesto Cardenal anos despois. É ese mesmo sentimento de nostalxia de ter futuro o que nos inspiran estas vidas. Xusto cando escasean os referentes, as apostas transparentes de compromiso sólido e coherente coas causas xustas, os rostros nos que se observe fondura espiritual, e autenticidade natural cando falan.

Na adversidade os espíritos collen tempero, así que, se cadra, as dificultades dunha mocidade á que se lle nega o presente, poida que fagan abrollar persoas así, de pasta sólida. E que esta “xeración perdida”, a da mocidade que ten de novo que emigrar e xa nin conta nas cifras do paro (para alegría de frívolas ministras e conselleiras do ramo), rexurda inmunizada contra o “postureo”, a manipulación, e o sacrosanto confort. Saberán de amor e loita e repetirán con Ernesto:

Eu repartín papeletas clandestinas

berrando: viva a liberdade! en plena rúa

desafiando os gardas armados.

Eu participei na revolución de abril:

pero palidezo cando paso pola túa casa

e unha soa ollada túa faime tremer coma un vimbio.

Advertisements
Esta entrada foi publicada en O Trasno. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s