Conversa con don Daniel Espiño, párroco de Sobradelo


Josecho de la Torre

Non sei se algún día a Igrexa, e incluso os fieis, seremos capaces de recoñecer a vida de entrega aos demais que levaron cregos como don Daniel Espiño. Despois de moito tempo e insistencia, aceptou contestar unha entrevista para Irimia, aínda que el sempre di que non ten nada especial que contar. A casualidade quixo, ademais, que a entrevista se publique nun momento no que o seu nome saltou á prensa por terse solidarizado desde a folla parroquial cos traballadores de Lantero no seu conflito coa empresa.

Cantos anos leva de párroco en Sobradelo?

Cheguei a Vilagarcía no 63, enfermei e volvín en xuño do 64 collendo Trabanca e A Laxe. Encomendáronme os barrios e a xuventude. De Sobradelo ocuparíame en outubro do 83. Aceptei ir sobre todo pola miña nai que era unha muller máis de aldea.

Como foron os inicios en Sobradelo?

Nunca tivera a responsabilidade de ser párroco. Leveino regular pola burocracia. Viña con medo porque era unha parroquia importante. Non tiña catequistas e pedín colaboración aos pais. Resultou ben. Preocupeime polo tema dos cantos na liturxia. Faláronme de Xesús Portas que vivía en Vilagarcía e falei con el. Oíra que a xente cantaba moi ben e animámolos. Fixemos unha coral que ao principio era só de mulleres, despois ofrecéronse homes. Esas cousas fixéronme perder o medo e sentirme ben alí. Anos despois Portas incidiu na necesidade de facer unha coral infantil para ter unha base. Esta coral infantil acadaría o segundo premio nunha edición de Cantareliña e gravou para Preescolar na Casa.

Vostede impulsou un grupo de mozos que tivo unha relevancia importante

No 64 na Laxe atopei un barrio marxinal sen servizos sociais e con problemas de alcoholismo. Xunto cun grupo de pais propuxemos facer un local para entreter a xente e quitala das tabernas,que era a única diversión. Fixemos un local no lugar das canteiras -non sen problemas. No Concello, como era monte comunal, non nos podían dar permiso. Levantamos o local sen permiso, sen pedir axuda á Igrexa nin a institucións oficiais. Os cartos quitámolos dun concerto de Fuxan os Ventos “Galicia canta ao neno”. Puxérame en contacto con Xesús Mato, fundador de Fuxan. Un éxito tremendo. Acadáronse 50.000 pesetas e fixemos o local. A man de obra foi dos veciños e cos cartos pagáronse algúns materiais; outros déronnolos empresas. Fixéronse moitas actuacións, teatros, bailes de fin de ano, películas, charlas sobre alcoholismo, catequese e misa. Era a casa de todo para todos. Despois creamos a Asociación Cultural “Contra vento e marea” xa que foi feita así. En Trabanca pola contra, deixáronnos un baixo. Ao pouco viñeron as monxas (entre elas a Madre Guada) e compraron unha casa en ruínas onde se traballou cos mozos. As monxas axudaron moito a todo.

Como foron os inicios pastorais nas parroquias?

Comezamos cun método de avanzada. Había uns materiais didácticos de Xosé Antón Iglesias e un tal Andión. Era aquilo de ver, xulgar e actuar; partindo da vida, iluminándoa co Evanxeo e desembocando na parte vivencial e participativa. Despois, coas monxas elaboramos materiais propios adaptándoos aos barrios. Utilizabamos contos e parábolas cos nenos. Fixemos catequese de adultos durante anos. Unha catequese na que os pais foran promotores da fe permitía chegar aos nenos. Foi unha das actividade máis gratificantes da pastoral.

Sobradelo e Trabanca son dos primeiros grupos que participaron na Romaxe e hoxe en día seguen sendo dos máis numerosos.

Participamos nas Romaxes dende o inicio. Á primeira fomos nun microbús cun grupo de mozos. No das Romaxes teñen moito que ver as monxas. A min tamén me gustaba a idea: vivir a fe dende ese sentimento galego. Resultaba outro tipo de celebracións ás que nos sentimos moi ligados. Participamos en actividades de Irimia e Encrucillada. Recordo que Andrés Torres Queiruga viñera falarnos de teoloxía cando nacía Encrucillada. Participamos en coloquios e xuntanzas coma os Cruceiros. Supoñían unha vangarda na que te identificabas. Cos anos aumentamos a participación nas Romaxes. Hoxe xa é máis difícil enrolar a xuventude para ir, pero é certo que cando comezamos a xente ía porque lle gustaba e os que foron animaron a outros. Ás Virtudes levamos dous autobuses.

Pasaron os anos e a pastoral mudou nas parroquias.

As cousas non poden seguir como están. Afortunadamente, vexo que xa van xurdindo ventos novos con este Papa; tamén na sociedade. Estamos nun momento de revisar e algunha xente dáse conta de que hai que cambiar. Na pastoral hai que volver ao esencial, ao Evanxeo, e deixar tantas normas e detalles. Recordo aquilo que dicía Xesús: ás veces coamos o mosquito e tragamos o camelo. Pero é difícil, como di o refrán, cada labrego sabe onde garda os bois, e hai mentalidades de todas as cores incluso dentro dunha mesma zona. Digo tamén entre os párrocos, porque xorden moitos problemas por se nunha parroquia se fan as cousas dunha maneira e noutra doutra. Unha pastoral conxunta non é doada.

Iso é complicado…

Os cregos, ante todo, temos que ser humanos. E vexo que o crego ao presentar o Evanxeo ten que presentar o núcleo máis importante que é a bondade e a comprensión, acoller a todos pensen como pensen, non ser dogmáticos e ir ao Evanxeo. Xesús acollía a todos e así ten que ser. Unha das cousas que me remove máis a conciencia é o non poder estar máis en contacto coa xente, coa que sofre, que está enferma, que vive soa. Precisamos saír máis ás periferias como di o Papa Francisco, pero ás veces as periferias tamén están dentro das cidades.

Como mantén os folgos despois de tantos anos?

Non teño tantos. Cando non tiña a parte burocrática podía estar máis coa xente, visitar enfermos e facer de asistente social, que daquela non había. Había un problema e ía o cura. Pero non tiña preocupacións de papeis. Estamos moi metidos no despacho e grazas a Deus teño segrares que me axudan. Eu xa non son moi de despacho. Os sacerdotes temos que ir deixando o que os segrares poden facer sen problema. Porque, ademais, son Igrexa e van tomando conciencia de que sen eles hai que pechar o furancho.

Ou sexa, ve os segrares levando as responsabilidades que fan os sacerdotes.

Si. O que pasa é que coas novas xeracións é complicado. Ou non sabemos implicalos ou xa non hai folgos. A min con 77 anos xa me custa facer e hai que coidarse cando un vive só. Agora teño a tentación de ir contentándome con soster o que hai, sen facer grandes cousas. Traballar cos mozos xa non é doado. Faise o que se pode na confirmación e algún vai quedando de catequista, rara vez. Entusiasmar antes era máis doado. Agora está de moda non considerarse de Igrexa nin crente. Seino polos de confirmación, que lles dá vergoña dicir que van a clase de relixión. A fama xa está tocada e non soubemos facer nada.

Non ten a impresión de que hai unha “desimplicación” de todo en xeral?

Iso é sobre todo o que noto. Antes entusiasmaba facer un grupo para facer algo, o que fose. Hoxe é moi difícil. Falo coas asociacións que existen e tamén se están queixando. Pero mira, na vida todo ten o seu ciclo e haberá que facer cousas novas. Politicamente incluso os partidos tradicionais, ben certo que deron motivos, están sendo superados por outros movementos. A xente non está de acordo co que se está a facer; agora aparecen movementos como Podemos que non sabemos en que van desembocar. O certo é que está habendo unha sacudida. Na Igrexa tamén; venme agora á cabeza o discurso do Papa á Curia -que en teoría ía ser un discurso protocolario- pero falou das quince enfermidades da Curia. Están habendo cambios en moitos eidos.

Movementos xuvenís que no seu día tiveron acollida nos mozos sofren estes cambios

Estamos nun momento moi individualista. Ofrécenche moita diversión pero a xente está desencantada con todo. Hai moito paro e os mozos non ven futuro; non están motivados. Recordo aqueles rapaces cando foi da transición e do inicio da democracia, estaban cheos de ilusión por vivir en democracia e revivir cousas como o galego e as cousas de Galicia. Agora é distinto.

Como ve o papel do Papa Francisco?

Penso que o Papa non vai converter á Igrexa pero é un aliciente que nos fai espertar un pouco a todos; sobre todo a unha parte importante da Igrexa. Algúns non se amosan moi conformes con el pero é un revulsivo.

Necesario?

Home, si. Bieito XVI era consciente da situación, pero el xa non podía cos problemas. Xa non tiña forzas. Nun libro de Juan Rubio fálase de que un dos promotores reais do Papa novo foi o cardeal Martini, xesuíta que creu que Bergoglio era o único que podía poñer a andar isto. Está por ver. Hai que ter confianza. E como di Díez-Alegría: hai que rirse un pouco máis de nós mesmos. Si, hai que ir un pouco máis ao Evanxeo. Necesitamos unha conversión comezando polos eclesiásticos. Niso insiste o Papa que fai fincapé na mundanidade dos eclesiásticos.

Volvendo a vostede, que é o máis significativo que leva destes anos?

Cousas que non me pesan e outras que non volvería a facer. Por exemplo,a Igrexa nova de Trabanca. Son desas cousas que un non entende e resultou moi grande. Hai outras cousas que tería que revisar máis a fondo na vida espiritual, na vida íntima co Señor, xa que é aí onde te das conta que podes atopar forza e falar con convicción do que vives e sentes. Facer cousas está ben, pero se non hai unha motivación e un porqué, ao mellor queda en nada. Pero ben, todo o pouco ben que fixen tampouco é tanto, porque era o que tiña que facer e seguro que quedei curto -e outros axudáronme. Niso, mirando para atrás tiven moita sorte. Cousas que parecían imposibles saíron. Agora temos menos forzas e non as facemos. Temos que ir ao esencial: volver a Xesús de Nazaré, ás súas actitudes e aos seus comportamentos ante a xente.

Perdemos un pouco de humanidade?

Creo que si. Si. Puxemos os dogmas por riba das persoas e ante todo deben estar as persoas. E cada persoa na súa circunstancia debe poñerse no lugar do outro… Eu creo que Xesús non veu a implantar ningunha relixión, veu a humanizar. A humanizar e a dicirnos que hai alguén que nos quere, que somos fillos del e que somos queridos. Iso axúdache a humanizar e a atoparlle sentido á vida. A fin de contas é o que queda, non? De ti queda o amor que puxeches nas cousas e nas persoas. Vai ser o que te salve. Foi ao meu entender o que fixo Xesús. Son cousiñas.

Advertisements
Estas entrada foi publicada en Entrevista ou páxinas centrais coas etiquetas , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s