O comercio e o fin dos alugamentos antigos


Pedro Pedrouzo Devesa

Entre os moitísimos libros de 2014 que paga a pena ler está a última novela (noveliña polo tamaño) de Luis Landero, O balcón en inverno, na que nos narra parte da súa infancia e mocidade. A primeira viviuna no estremeño pobo de Alburquerque, e conta que un dos momentos máis excitantes deses anos era o das visitas dos recoveros e dos merchantes. Os recoveros adquirían todo canto produto campeiro había para levalo á cidade a vender. Os merchantes traían todo canta manufactura puidese interesar aos habitantes daquel pobo.

Durante moitas décadas, os recoveros e merchantes galegos fixeron idéntico traballo nos miles de parroquias galegas creando un dos inventos máis simples e fascinantes da humanidade: o comercio.

O comercio permitiu e permite diariamente admirar a enorme inventiva humana. Entre as miles de definicións que ten a palabra cultura, a máis atinada, ao meu entender, é a que a emparenta coa capacidade creativa do ser humano. O encanto da produción humana non ten límites: música, literatura, pintura, xoiería, reloxería, téxtil, … Son infinitas as actividades que millóns de persoas levan perfeccionando durante ducias de xeracións utilizando o seu enxeño e a súa habilidade. Certo que o industrialismo fixo perder parte do seu encanto, e certo que se producen tamén cousas patéticas. Pero segue asombrándome a inmensa capacidade creativa do ser humano, sexa facendo coches ou pendentes.

Porén, o avarismo, enfermidade social que se tornou en andazo político nos últimos anos, sancionou severamente a compra asociándoa ao consumismo, conduta reservada ás grandes fortunas e que asomou timidamente durante uns anos aos usos da clase media deste país. Foi a explosión do comercio quen completou a trama urbana das cidades convertendo estas en auténticos centros comerciais abertos. Da sobriedade do comercio tradicional pasouse a ebriedade do consumo actual exemplificado cos todo a cen, onde atopabamos milleiros de produtos baratos, moitos deles inútiles … e tremendamente feos.

O comercio uniu a miles de creadores con millóns de clientes asombrados. A economía de mercado foi a que mellor soubo explotar ese namoramento do obxecto, que é unha das esencias do capitalismo.

Hoxe o comercio tradicional esmorece. O fin da moratoria de vinte anos para os alugamentos antigos fai que moitos deses cincuentenarios comercios que configuraron os centros das cidades estean a un paso do peche. Posiblemente sexa certo que os prezos que estaban pagando por eses locais fosen escasos, pero o efecto que sobre as nosas rúas pode ter un continuo de baixos pechados agardando a que unha multinacional os arrende entristéceme. Porque destruír comercio é doado, abrilo é moi, moi custoso.

Advertisements
Esta entrada foi publicada en Economía. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s