Fundamentalismos: facer os deberes


A proba do algodón das relixións –e por extensión das ideoloxías que implican unha pretensión de dar sentido á existencia humana- é a do humor. Cando unha confesión, por boca dos seus líderes significados, se sente ofendida, maltratada, perseguida, polo feito de que alguén faga humor ou caricatura das súas propostas, angueiras ou estilos, está dando a entender que suspende o exame do fundamentalismo. E ese exame é fundamental.

Islam, catolicismo, comunismo, neoliberalismo… teñen que aprender a rir de si mesmos sen que iso mingue un milímetro a súa coherencia. A cuestión, en definitiva, é que por riba de ritos, dogmas, emblemas, liturxias, santoral, tics, argumentarios e simboloxías, o realmente definitivo é se esa confesión ou ideario contribúe ou non a unha sociedade máis igual na súa pluralidade, a unha xente máis feliz, a un mundo máis libre e xusto.

O fundamentalismo segue aí, censurando, presionando, matando. Centrado en si mesmo. Cando hai unha situación extrema, como a que se deu recentemente en París, escoitamos rapidamente a membros da comunidade musulmá reivindicando o dereito a non ser postos todos no mesmo fol, a explicar que o Islam é paz e non terrorismo.

Pero hai que facer os deberes. Sábese ben, por exemplo, que o poder despótico saudí financia xenerosamente mesquitas onde se inflama o fundamentalismo e se recrutan yihadhistas. Ao fundamentalismo islámico hai que derrotalo desde dentro, con lucidez e valentía, en períodos de normalidade e non á calor da barbarie. Por iso debería organizarse e facerse pública e notoria unha versión do Islam antifundamentalista. Ula?

Outro tanto pasaría co catolicismo. Despois da recente longa noite de explosión fundamentalista (seitas, grupetes ultracatólicos, rouquismo, Opus, antisecularismo, censura oficial por un santo oficio reconstituído e blogs integristas dedicados á delación do heterodoxo), cómpre facer os deberes. Hai que limpar a casa e o discurso de fundamentalismo, de obsesión por ortodoxias e simboloxías fósiles, e poñer o acento e a enerxía en contribuír a resolver os grandes desafíos da humanidade desde a singularidade e orixinalidade da boa noticia do de Nazaré, vítima, por certo, do fundamentalismo da súa época.

Advertisements
Esta entrada foi publicada en Editorial. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s