O campo non é para facerse rico, pero axuda a vivir a gusto


entrev2Redacción

A partir dun encontro do movemento rural do pasado abril, xorde a idea de poñer en marcha unha rede galega que apoie activamente aquelas pequenas realidades que hai polo país adiante e que dan vida a un mundo rural que merece un futuro que parece negárselle. Falamos con Manolo Regal, que, cun equipo coordinado por el, fixo posible aquel encontro e que está implicando nese novo proxecto.  

Como nace a idea de organizarse, de facer algo?

Pois naceu nun encontro do outono do 2012 entre grupos do Movemento Rural Cristián e Comunidades Relixiosas inseridas no rural. A nosa maneira de vivir o Evanxeo no rural lévanos a preocuparnos do que acontece diariamente na aldea: o campo está pasando horas malas; hai moita riqueza de vida na aldea, pero pola mala xestión política, polos modelos sociais de vida e de éxito que se están querendo impoñer practicamente dáse por admitido que tanta vida quede en nada, ou se canalice unicamente polas vías controladas cada vez máis polos grandes mercados da alimentación, ou da pasta de papel ou da minaría.

Preguntámonos se nós podiamos facer algo ante todo isto. Pensamos que si, que sería bo xuntármonos aquelas persoas, cantas máis mellor, que viviramos isto coma un empobrecemento social, humano, e que no noso corazón alimentásemos un chisco a esperanza de que as cousas que podían ser doutra maneira.

Como é o proceso que estades seguindo?

Acordamos convocar a un encontro en Santiago a cantas máis persoas puidésemos interesar no problema, nas esperanzas, máis alá de calquera afiliación relixiosa, política, social; xente que valorase o que o campo é, produce e ofrece; xente que estivese doída polo maltrato e que, desde calquera área de entrevpresenza e de influencia, queira contribuír a cortar esta liña negativa. Foi un tempo de contactos, de encontros, de propostas, de escoitas, moi interesante. Vimos que eran moitas as persoas que tiñan sensacións e ilusións semellantes.

O encontro de Santiago chamámolo de “Solidariedade Rural”. Foi o 5 de abril. Participamos 90 persoas. Estivo moi ben. Puidemos intercambiar vivencias, experiencias, frustracións, alentos e, sobre todo, puidemos percibir que no campo había vida, había iniciativas, non todo é noite pecha nin moito menos. A asemblea decidiu que continuásemos a tarefa e nomeou un grupo de oito persoas e tres campos de traballo: fomentar o encontro e apoio entre a xente que aposta polo rural; humanizar o rural desde todos os seus compoñentes; e por parte das persoas sensibles a isto, fomentar unha presenza do Evanxeo no rural que ofreza tamén alentos e esperanzas.

E a partir de aí?

Pois o grupo empezamos a xuntarnos e a debater o que poderiamos ser e facer. Dos tres obxectivos que se nos encomendaran, acordamos empezar polos dous primeiros. Non queriamos entrar en competencia con outros intentos semellantes en Galicia. Queriamos sumar e sumarnos a todas aquelas persoas que están ou queren estar no campo dunha forma algo alternativa, fuxindo do que se presenta como único medio de saída: grandes explotacións ao servizo das grandes industrias dos grandes capitais. Queriamos unirnos e apoiar todo aquilo que é esforzo por vivir no campo, do campo, con formas respectuosas polo pasado e polo presente, polas terras, polos animais, aproveitando a riqueza de posibilidades que a aldea ten, soñando e creando cada día unha nova cultura, un novo modelo de vida, social, distinto dos modelos destrutivos que se nos impoñen.

Puxémonos de novo en contacto con persoas e grupos que están facendo algo, abrindo camiños, que se encontran, coma nós, necesitados de palabras e mans amigas que nos apoien e defendan na idea de soster a xente do campo, que é quen o pode manter vivo.

En que desembocará este proceso? A quen invitas desde aquí?

Neste mes xuntámonos para proxectar un posible segundo Encontro de Solidariedade Rural, ou como lle chamemos, coa finalidade seguramente de sinalármonos camiños concretos e de ir concretando soños e proxectos.

Non sabemos en que dará. A ilusión está aberta: crear unha rede de comunicación e intercambio, de coñecemento e apoio, de reivindicación, de celebración incluso, na que, por gusto, por utilidade, vaia participando a máis xente posible. Unha rede física e virtual, apoiada nalgún encontro anual, se cadra. Pero será o que a xente participante queira que sexa. E a isto desde aquí invitamos a calquera persoa ou grupo, sexa da cor que sexa, que mire o campo con orgullo polo que foi e con esperanza polo que pode seguir sendo.

Desde a túa experiencia vital de persoa que vive no campo e que vive o campo como unha experiencia positiva e gratificante, que faría falta para que isto teña vida e futuro? 

Pois cómpre romper co convencemento de que nunha sociedade moderna o campo debe ocupar unha milésima parte da preocupación dos gobernos e da poboación en xeral. É xustamente o contrario:unha sociedade moderna debe coidar ata o exquisito o seu contorno natural, a calidade da súa alimentación, garantir o control popular, democrático, sobre a ela. Unha sociedade moderna debería apostar por estilos de vida humanizados. O campo é un regalo, unha grande oportunidade.

Desde aí hai que ordenar políticas, tomar decisións, favorecer presenzas, e iso faise con mil detalles como, por exemplo, que os mozos/as do rural teñan garantidas bolsas suficientes para estudaren nas cidades, cando teñan que facelo.

 Que lle dirías a unha parella de xente nova que está no paro na cidade e que se pregunta se o rural pode ser un lugar para desenvolver a súa vida, un lugar de oportunidades?

Iniciar unha experiencia laboral no campo, se non se ten historia, cultura e patrimonio persoal ou familiar nel, non é doado. Pero pódese empezar aos poucos. Se un ten interese e habilidades, non é complicado arrendar algunha terra nas aldeas próximas á cidade onde un vive. Unha produción para o autoconsumo primeiro. Se un se vai atopando a gusto, pode arrendar outra máis e pensar nunha venda directa ao consumidor nas casas, en feiras ou tendas menores. Poñerse en contacto con outra xente que tamén anda no mesmo para fortalecerse e aprender. Hai experiencias interesantes. Se un pode combinar os inicios na agricultura con outro traballo dalgún membro da familia, mellor. E a produción agraria pode ir acompañada da cría de animais: porcos, coellos, pitas, pitos, cans… E de aí, pasos cara a adiante. Cun convencemento: o campo non é para facerse rico. (Que parvada esa, a de querer facerse rico!). Pero axuda a vivir a gusto. E está a opción por ir vivir ao campo, aínda que se traballe na vila ou na cidade. Iso tamén axuda a aproveitarse do rural e a fortalecer a realidade rural. Pero disto poderiamos falar noutro momento.

Advertisements
Esta entrada foi publicada en Entrevista ou páxinas centrais. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s