Special Olympics

Hai veces na vida que te atopas con cousas que existen e sabes que están aí, pero nunca reparaches nelas. Neste caso estou a falar dunha actividade moi interesante que se chama Special Olimpics. Esta asociación pretende axudar a xente con limitacións intelectuais a integrarse mediante o deporte. A min cadroume ultimamente entrar en contacto con eles e de verdade que estamos ante algo interesante. Teñen competicións de diferentes deportes a nivel autonómico, estatal e incluso mundial. Como todo deporte, é competitivo, pero o menos importante é gañar, o realmente valioso é a convivencia que se xera nestes encontros. Convivencia entre os participantes e convivencia entre eles e os voluntarios e voluntarias, que son mozos e mozas que van alí botarlle unha man á organización.

Aquí en Galicia xúntase unha vez ao mes, cada vez nun lugar diferente, e compiten nun deporte diferente. Atletismo, natación, fútbol… Calquera deporte vale para sentírmonos mellor e estar en forma. Se cadra, na xente de Special Olimpics hai un valor engadido. Supéranse as dificultades e compártese o éxito.

A mediados de decembro tiveron a gala de entrega de premios de todo o ano, que rematou cunha festa por todo o alto. Sorprendeume que nela había un cartel que dicía: Quero gañar, pero, se non o logro, déixame ser valente no intento. Todo un lema para calquera deporte e para a vida.

Deixar un comentario