A división -e a subdivisión do xa dividido- parece marcar o momento das forzas nacionalistas en Galicia. Cando se cumpren tres anos da escisión do BNG, que viña aglutinando desde había tempo a maioría do nacionalismo galego, e cando faltan menos de cinco meses para as eleccións municipais e o furacán Podemos -tan mediático e estatal- semella arrasar con todo, pareceunos un bo momento para facerlles aos actores principais a seguinte pregunta: Nacionalismo galego, e agora que? Temos a sorte de contar para a resposta con catro voces máis ca autorizadas: Bieito Lobeira, secretario de organización do BNG; Mario López Rico, membro de Cerna (organización que vén de abandonar Anova); Antón Sánchez, deputado no Parlamento Galego e membro da Coordinadora Nacional de Anova e Manoel Vello, membro do Consello Político Nacional de Compromiso por Galicia.

MANOEL VELLO SALVADO (COMPROMISO POR GALICIA)
Agora toca traballar en clave de país e construír o que non se consolidou en 30 anos. Unha forza política galeguista non independentista que beba do galeguismo dos anos 30 e se dirixa ao 80 % da cidadanía. O nacionalismo galego organizado nos anos 60 de base marxista e soberanista demostrou que só serviu para facer oposición mentres que as forzas de Madrid gobernan a nosa Terra. As ideas de Compromiso non son coñecidas aínda pola inmensa parte de Galicia, mais representan unha nova lectura da identidade política e social do país. Entretanto, forzas galegas como o BNG, Anova ou Cerna defenden os mesmos principios ideolóxicos e diríxense ao mesmo electorado. Non existe atomización do nacionalismo galego. Este é un movemento, non unha ideoloxía. Tivo e ten diferentes expresións políticas como froito dunha época do país. Nos anos 70 eran o POG, PSG, UPG, PG… Nos 80 APU, BNG, FPG, PSG-EG, CG… Nos 90 BNG, UG, CNG, FPG… Na década pasada BNG, TeGa, PGD, NÓS-UP… E hoxe temos o BNG, Anova e Cerna no campo ideolóxico rupturista e CxG no campo reformista. Podemos é un novo partido produto da realidade política e social deseñada desde unha universidade madrileña; non é, xa que logo, unha forza galega nin galeguista. Canto ás plataformas municipais, CxG aprobou a autonomía das nosas agrupacións locais para decidiren como concorrer ás próximas eleccións, priorizando a presentación de candidaturas propias. Levamos xa elixidas, en primarias abertas á cidadanía, dez candidaturas.

ANTÓN SÁNCHEZ (ANOVA)
“Miña Galicia non é a que foi, é a que será; non é a d’onte, é a de mañán. Se grande foi a nosa estoria, mais grande pode xurdir o futuro noso! É a Galicia do porvir, na sua florescente
personalidade, a qu’eu arelo e amo, a Galicia, pedra prezosa de civilización huma!”
(Johán Vicente Viqueira)
Pídenme que fale da situación do nacionalismo galego. Da súa crise, da refundación, ou da crise e da refundación das súas organizacións políticas?
Se a cuestión se reduce a recompoñer o anterior, desistiría por inútil e creo que por imposible, e porque o noso obxectivo non é a perpetuación das organizacións políticas como un fin en si mesmo.
Por moito que se queira simplificar, a situación actual de crise do nacionalismo galego, crise tamén entendida como momento de mudanzas, obedece a algo máis que aos caprichos e traizóns dalgunhas persoas e organizacións; obedece á necesidade imperiosa de adaptarse aos tempos, á falta de proxecto para o país e á perda de conexión do nacionalismo con aqueles que eran o seu sustento, a clase traballadora, ou os de abaixo, como queiramos chamarlle.
De verdade que non somos conscientes da percepción cada vez maior, inxusta probablemente, entre cada vez máis xente de que o nacionalismo galego, na súa versión partidaria, non é útil para a mellora das súas condicións de vida?
E diso se trata, de ter un conxunto de ideas que partindo dende Galiza e dende a esquerda, para os que entendemos que estes dous eixos son irrenunciables, o un e o outro, o outro e o un, sirvan para mellorar a vida das persoas.
E a verdadeira crise é a falla dun modelo para este país, para os seus ecosistemas, para o seu sector enerxético, para a súa economía, para conxugar ese modelo económico coa sustentabilidade do planeta, para a cultura, para a vivenda.
Castelao, Bóveda ou Viqueira tiveron máis influencia pola forza das súas ideas que polas organizacións que os sustentaban.
Ideas de futuro, avanzadas, que falaban do concreto.
Falaron da facenda, da balanza fiscal, do agro, do mar, da nova escola galega.
De verdade existe ese proxecto hoxe?
Eu non o creo.
E se o hai, hoxe, non está dentro dos partidos.
Outra cousa é se ollamos para Stop Desafiuzamentos,a PAH, os colectivos contra a minería salvaxe, os colectivos ecoloxistas, as cooperativas de produción eléctrica, os traballadores da cultura, os que apoian os inmigrantes… Os novos discursos que enxerguemos sobre a Nación teñen que partir das súas experiencias, do seu coñecemento directo da situación, da súa loita.
Miremos máis para aí e menos para o pasado.

MARIO LÓPEZ RICO (CERNA)
En CERNA consideramos que a conciencia de que Galiza é unha nación dependente, sometida a decisións económicas e políticas que se toman contra a maioría social en centros alleos, é maior con moita diferenza que en calquera outro período nos últimos cen anos.
Porén, no plano da expresión política as tentativas frustradas de dar unha resposta eficaz ás demandas da cidadanía, con distintas visións de como acadar o seu apoio, son as que foron levando á fragmentación organizativa, que non sería nada dramática se todas e todos fósemos quen de identificar os obxectivos políticos mínimos precisos e artellar respostas eficaces a aquelas.
Poderían concitar o apoio da maioría social agredida en Galiza: a ruptura democrática co réxime decrépito e a ditadura da oligarquía financeira, a democratización do aparello xurídico–político co dereito de Galiza a decidir, a inmediata ruptura coas políticas do bipartidismo liquidador dos dereitos sociais, e a recuperación das competencias e capacidades da Xunta e municipios para facer políticas sociais.
A unidade de acción é posíbel pero hai que abandonar vellas fórmulas. Cando o cambio político está na conciencia social no primeiro plano, non se poden gastar enerxías na competencia electoral e buscar logo acordos para cambiar o réxime. A unidade de acción ten que ser tamén electoral. A inevitábel competencia deberá resolverse democraticamente antes de presentar a alternativa electoral e aí collen nacionalistas e non nacionalistas que acepten a auto-organización da Nación Cidadá Galega.
Só deste xeito Galiza e a pluralidade da maioría social galega serán actores decisivos na vitoria sobre o bipartidismo e determinantes no abrente que precisamos todas e todos.

BIEITO LOBEIRA (BNG)
Galiza vive momentos críticos. Momentos de sufrimento para amplas capas do seu pobo: de desemprego, explotación, miseria, emigración,… Momentos de desesperanza e desacougo. E tamén de moita confusión.
Parello a este proceso de desmantelamento social, persiste e acelérase o intento de destrución da nación. Non só material -as previsións demográficas na Galiza, as peores de Europa, son terroríficas- mais tamén no relativo á progresiva aniquilación de todo canto nos constitúe como pobo diferenciado. Singularmente, no caso do noso idioma.
Porén, é en contextos como o presente, en que o nacionalismo galego se revela como un instrumento imprescindíbel para a autodefensa nacional e a conquista dunha democracia merecente de tal nome, na que o dereito a un posto de traballo digno na propia Terra, a xustiza, a igualdade, a liberdade, ou a dignidade nacional, sexan obxectivos alternativos aos intentos de asimilación e domesticación do noso pobo.
O nacionalismo é máis que unha opción electoral: é unha necesidade. Mais precisamente por esa razón, debe ser tamén unha opción electoral. Máis aínda co debate aberto no Estado español en torno aos dereitos das nacións -hoxe negadas- que o conforman á forza. Galiza non pode ser espectadora sufrida e calada do que está a acontecer: debe ser protagonista, e situar a reivindicación da nosa soberanía política, da nosa independencia, tamén na axenda política do Estado. Polo noso ben.
Como o facer? Evidentemente, apostando polo nacionalismo. E modestamente, coido que hoxe, a expresión máis xenuína e coherente desa corrente de pensamento, alicerzada no propio pobo galego, sen dependencias alleas, está no Bloque Nacionalista Galego.