De maxia humana


O petoJosecho de la Torre

Non cabe dúbida de que o ser humano ten maxia e posúe un poder extraordinario. Un poder que revive e contaxia. É unha mágoa que moitas veces non sexamos conscientes dese poder. Todos os días se presentan diferentes oportunidades para empregalo sen agardar a que baixe unha estrela do ceo. Non é superstición nin nada que se lle asemelle. Vivimos nunha sociedade onde habita o maleficio dos “des” que arrinca o amor propio e vai estendéndose coma un cancro no tempo. Este maleficio crea des-ilusionados, des-motivados e des-arraigados,

…xente con des-conexión total ou parcial da vida. Existen, polo tanto, dúas caras: as que conviven entre a esencia das cousas con “des” e sen “des”. O negativo é que estas cuestións están etiquetando as persoas ao longo da vida. Vese na escola que non é capaz de establecer un sistema que extirpe definitivamente ese prefixo dos alumnos/as; con todo, segue conducindo a que os grupos fabriquen “listos e intelixentes”, por unha banda, e “burros”, por outra. Etiquetas…, etiquetas que, en moitos casos, os acompañará toda a vida. Todo por non empregar a maxia humana de cambiar a linguaxe ou os xestos; en sacar o mellor do outro; en establecer unhas metas e uns mínimos; en minimizar ao máximo os erros e non lembralos demasiado; en potenciar calquera avance por moi pouco significativo que semelle… En resumo, o contaxio da ilusión, de crer que se pode acadar algo, aínda que sexa cun tempo distinto. No día a día ollamos como as cousas grandes xermolan da consecución de moitas pequenas. E nesas pequenas é onde máis se precisa o poder dos demais. Uns precisan alentar e outros precisan do seu alento. É un camiño por percorrer que require confianza por todas as partes, pero, sobre todo, por aquelas que teñen a maxia sen utilizar.

Advertisements
Esta entrada foi publicada en O Peto Común (antes de Sto. Antón). Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s