Que grande é o pequeno!


Daniel López Muñoz

Pois si, tal é o título dun marabilloso agasallo do ano que comezou, un estudo feito polos profesores  Xoán Carlos Carreira Pérez (máis coñecido por nós como Calín) e Emilio Carral Vilariño.

 Xa o dixera Schumacher hai ben anos (naquel visionario libriño “O pequeno é fermoso”) e xa o defenderamos mil e unha veces desde aquí e desde outros sitios: o minifundio “maldito”, a pequena explotación campesiña, son unha bendición, son unha intelixentísima e eficiente adaptación ao medio natural das galegas e galegos que nos precederon.

 Agricultura de precisión –concepto que incorporan estes dous analistas e que se adapta de marabilla á nosa realidade. Unha agricultura, a tradicional, que especializa o chan en pequenos fragmentos e que pide a cada anaco, de acordo coas súas características, ese produto preciso, no tempo preciso, da maneira máis precisa.

 Pero o cambio de mirada ten moitísimos máis perfís. Calín e Emilio esixen con datos un respecto pola pequena explotación que está viva pero invisible. O rural galego é unha regalía que permite que, a día de hoxe, o 77% do repolo, o 47% da pataca ou o 50% do tomate que se produce en Galicia sexa para consumo das propias familias extensas dos produtores directos. Que iso non se conte no PIB é un problema dos que non saben ou non queren contar.

 A pequena actividade agraria soubo adaptarse: é simbiótica. Dentro das familias a dedicación agraria tende agora a ser parcial e convive con actividades asalariadas fóra da casa. A agricultura e gandería familiares son un seguro de vida. De vida de calidade.

Galicia ten un futuro rur-urbano. Pero a nosa parte rural está moi viva e debemos coidar a súa personalidade. Porque, despois de anos e anos de discursos depredadores, de agroindustrialismo a presión, descubrimos con abraio e agradecemento que o que sempre se fixo en Galicia é o máis eficiente (porque tira o mellor proveito da cada ferrado); o máis acaído para producir calidade nuns mercados máis esixentes e conscientes; o máis respectuoso co medio ambiente (porque salvagarda a biodiversidade, o equilibrio do chan, a auga, o monte e o residuo orgánico); o máis útil para preservar a paisaxe, que un ben público; e o máis intelixente para resistir en tempos dun decrecemento que se diría que veu para quedar.

Advertisements
Estas entrada foi publicada en O Trasno coas etiquetas , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s