Os veciños de Coia e o barco de Caballero


Foto 1 (2)Manolo Sordo

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, en contra da vontade do pleno do Concello, decidiu, pola súa conta, esnaquizar unha decente rotonda do barrio de Coia para colocar alí un barco, o “Bernardo Alfageme”, construído nos Estaleiros Barreras no ano 1944 e xubilado hai vinte anos. A idea de conservar o barco non está mal. A idea de colocalo nunha rotonda dun populoso barrio é absurda. Máis cando o investimento na obra ascenderá, polo de pronto, a 600.000 euros. O destino, con sentido común, sería o Museo do Mar ou outro lugar mariño onde puidese visitarse, como a carabela “A Pinta” en Baiona.(Manifesto ao remate do artigo)

O Grupo de Acción Social da parroquia Cristo da Victoria convocou, xunto coa ODS (Oficina de Dereitos Sociais), a través das redes, unha asemblea que decidiu parar as obras a partir do día seguinte (4 de decembro). O móbil principal era o malgasto dos cartos, cando o barrio necesita outros investimentos, sobre todo nas persoas. Por iso se creou un lema: “NON PODE SER, O BARCO NA ROTONDA E AS FAMILIAS SEN COMER”. E así foi. Unha mobilización veciñal logrou parar as obras o día 4 e o día 5. Despois da ponte, o día 9 á unha da mañá, apareceron os traballadores na obra. Os veciños alertaron polas redes sociais e logrouse parar de novo a obra. Así levan parando as obras ata o día de hoxe (19 de decembro).

Convén destacar dúas cousas máis. Unha, a manifestación desde a praza de América á rotonda de Coia celebrada o venres 12, que contou con cerca dun milleiro de participantes de Coia e de toda a cidade. Outra: a presenza dun continxente desmesuarado de policia local, cun grupo antidisturbios, na mañanciña do luns 15, para protexer a entrada na rotonda de pas e camións. Os veciños non foron capaces de entrar na rotonda, pero pararon o tráfico na Avenida de Castelao, ocasionando durante horas un considerable atasco de tráfico nesta arteria de Vigo. A policía non foi quen de resistir o empuxe dos veciños que, por fin, entraron na rotonda e conseguiron paralizar a obra e facer que o camión botase de novo na rotonda a terra extraída.

Foto 3 (1)Desde a data da última paralización das obras sempre hai un grupo presente na rotonda de Coia disposto a avisar polas redes sociais calquera intento de continuar a obra. Non sabemos que pasará de aquí en diante. Segundo a prensa, o alcalde pretende seguir con esta obra faraónica, e con outras, contra vento e marea. Pero os veciños de Coia e outros colectivos seguen coreando que “NON PODE SER, O BARCO NA ROTONDA E AS FAMILIAS SEN COMER”.

MANIFESTO NON AO BARCO NA ROTONDA DE COIA

A veciñanza do barrio e da cidade paramos as máquinas! E non marcharemos até que os centos de miles de euros que pensaban tirar nesta obra vaian destinados a cubrir as necesidades das persoas!

Levamos máis dunha semana na rotonda, e malia os intentos do alcalde e do seu goberno, aquí permaneceremos até que manifesten que o barco ficará no mar, Foto 2 (2)ou á súa beira, e os cartos irán destinados a cubrir as necesidade da xente. Son momentos nos que o desemprego, os recortes, a insuficiencia das axudas sociais… están a deixar moitas persoas sen uns mínimos para vivir con dignidade. Sen consultar con ninguén, e saltando un acordo do pleno, pensaban tirar os cartos nunha obra de sospeitosa legalidade.

A nosa loita non é só por evitar que chanten o barco nesta rotonda, vai máis alá. É un berro, unha expresión do cansazo cidadán ante as políticas duns gobernantes que viven moi afastados das necesidades reais que temos as persoas. Eles viven nesa “cidade fermosa” dos grandes cruceiros, das obras faraónicas, mentres que nós vivimos nos barrios, nas rúas onde os meses son demasiado longos e os cartos, ao igual que os nosos dereitos, son sempre escasos.

Estes días, lonxe de se escoitar o ruído das máquinas na rotonda, escoitáronse as voces e os berros dun barrio, dunha cidade que aposta por construír vida desde abaixo, desde a xente. Os zapatistas, que saben escoitar moi ben, así o din:

¿ESCUCHARON?

Es el sonido de su mundo derrumbándose.
Es el del nuestro resurgiendo.
El día que fue el día, era noche.
Y noche será el día que será el día.

Que hoxe este berro se escoite ben forte:

NON PODE SER, O BARCO NA ROTONDA E AS FAMILIAS SEN COMER!!

NON PODE SER, O BARCO NA ROTONDA E AS FAMILIAS SEN COMER!!

O luns seguiremos na rotonda e animamos a todos os colectivos e persoas que acudan á asemblea aberta que ás sete celebraremos para pensar en común como continuar coa loita.

Vigo, 12 de decembro

Advertisements
Estas entrada foi publicada en Crónica coas etiquetas , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s